01/07/13

Programa Satelízate


A Deputación de Lugo dá un paso máis no seu esforzo por xeneralizar o uso das novas tecnoloxías na provincia co dobre obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e impulsar o desenvolvemento económico para crear emprego e fixar poboación. Deste xeito, pon en marcha o programa Sateliz@te, unha nova liña de axudas encamiñada a potenciar o acceso a Internet na zona rural, a través do que o organismo lugués custeará a conexión vía satélite a uns 800 veciños, asociacións sen ánimo de lucro e PEMES. Este proxecto conta con 385.000 euros da Unión Europea para o seu orzamento e financiará a dotación de banda longa a zonas de sombra da provincia, aquelas onde non existe a posibilidade de contar con outro tipo de cobertura.

Cada beneficiario do programa Sateliz@te recibirá unha axuda que cubrirá o 100% do custe da antena, a súa instalación e os equipamentos precisos para a conexión, como pode ser un router. A contía máxima de cada subvención será de 500 euros. O usuario deberá asumir despois o mantemento do servizo, aínda que a Deputación de Lugo garantirá tarifas vantaxosas, pois pactará o subministro con varias operadoras de telecomunicacións. A velocidade de Internet da que dispoñerán será dun mínimo de 2 Mb, mentres que o máximo dependerá do tipo de contrato que o usuario formalice coas empresas colaboradoras coas que contará a institución luguesa, aínda que podería chegar aos 12 Mb.

Os destinatarios das axudas poden ser particulares, asociacións sen ánimo de lucro, ou ben pequenas e medianas empresas, que residan ou desenvolvan a súa actividade na zona rural da provincia, é dicir, todo o territorio lucense, a excepción do perímetro urbano definido como tal no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lugo, e que non dispoñan de cobertura de banda longa de polo menos 2 megas mediante outra tecnoloxía.

Dado que o orzamento total do plan de acceso a Internet rural Sateliz@te é de 385.000 euros e que a contía de cada subvención non superará os 500 euros, os beneficiarios poderán ser un mínimo de 770 particulares ou entidades.

Unha vez aprobada na Xunta de Goberno a execución do programa, así como as bases e modelos que rexerán o procedemento de concesión de subvencións, a Deputación de Lugo realizou o proceso para seleccionar ás empresas colaboradoras. Estima que o prazo de solicitude das axudas se abrirá a principios de xullo, aínda que informará puntualmente da data exacta en canto estea fixada a través da súa web www.deputacionlugo.org.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.