19/08/13

Unha Deputación que aposta polo rural


O Deputado da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, fixo un balance sobre as obras de mellora no rural que a Deputación de Lugo levou a cabo neste último ano. O organismo provincial continúa na súa liña de axuda ao rural e investiu na convocatoria pasada mais de 2.300.000 euros en obras de mellora de espazos nas vilas e concellos máis rurais da provincia. Esta partida, que está reflexada nos orzamentos da institución, responde ao Plan de Axudas ao medio rural, que conta con 300.000 euros, e ao Plan de Comunidades Veciñais, con máis de 2 millóns.

O primeiro proxecto é o Plan de Axudas ao medio rural que conta con ata 300.000 euros, asumidos na súa totalidade polo ente provincial e que van dirixidos a asociacións de veciños e gandeiros para levar a cabo obras de acondicionamento nos núcleos máis rurais da provincia. Este ano foron 59 asociacións de 48 concellos diferentes as que desfrutaron destas axudas dirixidas a mellorar accesos rurais e explotacións, acondicionamentos de fontes e cercados de pastizais, puntos de recollida de plástico e tamén para a construción de curros para o gando. O custe destas obras, que ascende a 300.000 euros, é asumido integramente polo organismo provincial quen xa inclúe esta partida económica nos seus presupostos anuais. 

O Plan de Comunidades Veciñais é outro dos programas de acondicionamento de espazos e servizos que propón a Deputación de Lugo. Esta iniciativa está deseñada para entidades asociativas de 67 Concellos da provincia e que lles permite executar máis de 200 obras de mellora e dotación de servizos e equipamentos públicos. Este plan conta cun presuposto de 2 millóns de euros que están reflexados nos orzamentos do organismo provincial. O ano pasado acolléronse a este plan 230 particulares e asociacións de toda a provincia que realizaron proxectos que van dende a dotación de mobiliario para locais sociais ata o acondicionamento do firme en núcleos rurais, pasando polo adecentamento de zonas de uso común para os veciños.

A Deputación de Lugo, a través destes proxectos, pretende mellorar as infraestruturas do rural ao tempo que liberar aos gandeiros e veciños dos custes destas obras. Fundamentalmente pódese dicir que a finalidade dos programas responden a 3 funcións ben definidas:

1- Impulsar o sector primario: a situación deste sector na provincia de Lugo está en perigo e logo das subidas do IVE, os custes destas obras prexudicarían gravemente os orzamentos dos gandeiros e agricultores. A través destas iniciativas, o organismo provincial, libera aos traballadores destes custes, facilitándolle así o traballo e brindándolle a posibilidade de que destinen máis recursos a esta actividade comercial, un dos motores económicos da provincia lucense.

2- Combater a taxa de paro: a provincia empezou o ano 2013 con preto de 30.000 parados, 2.500 máis que no ano anterior. Estas obras de acondicionamento contribúen a manter postos de traballo, posto que son os autónomos e as PEMES da comarca as encargadas de acometer as obras.

3- Frear o despoboamento do rural: O éxodo rural é constante. No 40% dos municipios hai moitos máis homes que mulleres e nenos, o que fai perigar a existencia dos Concellos. Os plans o que buscan é mellorar a calidade de vida dos lucenses, sobre todo de aqueles que viven nas zonas máis rurais da provincia para tentar evitar estes fluxos migratorios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.