10/11/10

Ludus Party 2010

A Ludus Party 2010 xa está aquí!!! Celebrarase os días 26, 27 e 28 de novembro no Pavillón Municipal da Casa do Deporte, situado no Complexo Deportivo de Frigsa, na avda. Duquesa de Lugo, s/n. Esta será a cuarta edición da Ludus Party, que está organizada polo Concello de Lugo, en colaboración coa Deputación de Lugo.

Este novo encontro reunirá durante tres días centos de participantes cos seus equipos informáticos procedentes de toda España, co fin de compartir inquedanzas, intercambiar experiencias e realizar infinidade de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías.

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar neste evento tecnolóxico. As inscricións poden facerse a través da páxina web da Ludus Party 2010. Haberá un total de 250 entradas, que terán un prezo de 25 euros. Os menores de idade deberán ter a correspondente autorización.

Como en anteriores edicións, haberá un espazo destinado ao público en xeral, que contará con varios equipos informáticos e con monitores que lles axudarán a achegarse ás novas tecnoloxías e a descubrir a gran cantidade de vantaxes que ofrecen. Ademais as persoas asistentes poderán optar a conseguir varios agasallos.

Este espazo estará na @ da Deputación, que é unha aula pioneira itinerante de formación de 230 metros cadrados, cor vermella e forma de @. A carpa formativa da @ é un espazo formativo-lúdico de acceso libre no que os participantes somerxeranse na administración electrónica e novas tecnoloxías mediante obradoiros, xogos, sorteos, agasallos e mesmo simuladores de última xeración.

Polo que vos animo a participar na Ludus Party, ou a visitar a carpa da @.

This is the Ludus!!!

04/11/10

Un cemiterio de interese histórico

O Cemiterio Municipal de Lugo, chamado Cemiterio de San Froilán, foi inaugurado en 1948. A obra, dirixida por Ruperto Sánchez, fíxose seguindo as liñas xerais do proxecto de Eloi Maquieira, un dos principais representantes da arquitectura racionalista en Galicia. Posteriormente foron trasladados aquí algúns panteóns e monumentos funerarios procedentes do antigo que data de 1858.

Nestes panteóns domina o estilo historicista que impuxera en Lugo o arquitecto Nemesio Cobreros. É tamén moi notable a cruz dedicada aos soldados das guerras de Cuba e Filipinas. Nos últimos anos realizáronse importantes obras, entre as que destaca o Xardín das Lembranzas. Milleiros de mortos xacen neste cemiterio, entre eles persoeiros ilustres que forma parte da memoria da cidade. Entre os persoeiros ilustres que descansan nel figuran Xoán Montes, Luis Pimentel, Ánxel Fole, Celestino Fernández de la Vega e Uxío Novoneyra.

Neste ano o Concello de Lugo deu un paso moi importante de cara á integración do cemiterio na vida social da cidade, coa organización de visitas históricas, buscando unha dimensión distinta do recinto que se proxecta á cidadanía como un lugar de repouso, de paz, de encontro persoal onde podemos descubrindo os seus recunchos a medida na que accedemos ao noso mundo interior.

Por todo isto recoméndovos que participedes nesta interesante iniciativa da Concellería de Servizos Xerais do Concello de Lugo e que descubrades a historia do Cemiterio Municipal de San Froilán. E quero rematar poñendo a continuación este fermoso poema, que podemos ler neste Cemiterio:

Podes chorar porque se foi,
ou podes sorrir porque viviu.

Podes pechar os ollos e rezar para que volva,
ou podes abrilos e ver todo o que deixou.

O teu corazón pode sentirse baleiro porque non a podes ver,
ou pode estar cheo do amor que compartistes.

Podes chorar, pechar a mente,
sentir o baleiro e virarlle as costas,
ou podes facer o que a ela lle gustaría:
sorrir, abrir os ollos, amar e seguir.

Anónimo

20/10/10

Isto é austeridade?

Xa levo varias ocasións nas que me fago a seguinte pregunta: isto é austeridade? Onte volvín a facerme esa pregunta ao ler nun xornal que a Xunta de Galicia pagou máis de 4 millóns de euros a microsoft e que renunciou ao 'software' libre. Esta licitación contradí a promesa electoral de Feijóo de que o seu goberno apostaría polo software libre, que sería gratuíto, sen caducidade e con versión en galego, uns elementos dos que carece microsoft. Outros momentos nos que me fixen esa pregunta foron ao saber que dende a Xunta se van a gastar 500 millóns na Cidade da Cultura, ou que a visita do Papa nos vai a custar a tódolos galegos máis de 3 millóns de euros.

O que chama máis a atención é que se gaste esa cantidade de diñeiro na visita do Papa a Santiago por parte do Xacobeo e, en cambio, para un evento cultural tan importante, como son as Festas do San Froilán de Lugo, case non contaron co apoio económico do Xacobeo. O que demostra que para o goberno do Sr. Feijóo é máis prioritario a visita do Papa ou a Cidade da Cultura, que colaborar nas Festas do San Froilán, declaradas como Festa de Interese Turístico Galego e Fiesta de Interés Turistico Nacional.

Pero aínda é peor que para a Xunta de Galicia non sexan unha prioridade as políticas sociais, por exemplo, é especialmente destacable que o goberno do PP decidira suprimir o servizo de transporte nocturno para a mocidade, coñecido como "NoiteBús". Aínda que as cifras de utilización de NoiteBús consolidárono progresivamente como alternativa segura e real ao emprego do vehículo privado nos desprazamentos nocturnos a zonas de ocio e, sobre todo, como unha medida de mellora a seguridade viaria. Deste xeito, parece que á Xunta non lle importa a seguridade da xuventude nos desprazamentos nocturnos.

A miña pregunta é como se lle pode chamar austeridade a gastar grandes cantidades de diñeiro público na Cidade da Cultura, ou na visita do Papa a Santiago e a suprimir servizos que contribúen ao benestar social en xeral.

13/10/10

Unha boa nova para AGRUPALUGO

Dende a “Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo AGRUPALUGO” queremos amosar a nosa satisfacción porque esta tarde a Cooperativa Moega fora premiada polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño co Premio de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais. Trátase dunha Cooperativa de Traballo Asociado, para fomentar o emprego e achegar servizos sociais ao medio rural. Esta cooperativa foi posible porque traballadoras e traballadores de Centros de Dinamización Social do rural do concello de Lugo uníronse para crear “Moega Sociedade Cooperativa Galega”, a iniciativa da Asociación Cultural, Xuvenil e Veciñal “O Castro” de Coeses.

Como Presidente de AGRUPALUGO, podo indicar que para a entidade que represento trátase dunha moi boa nova, posto que AGRUPALUGO apoiou esta candidatura, que foi froito dun proxecto dunha asociación que forma parte da Agrupación. Dende AGRUPALUGO queremos felicitar ás compañeiras e compañeiros que traballaron para que este proxecto se puidera levar a cabo. Para esta Agrupación iniciativas como esta son unha boa mostra do traballo que estamos a realizar polo desenvolvemento da zona rural.

A Ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, entregou este mércores, 13 de outubro, os 20 galardóns da I edición dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais, no marco da celebración do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra o 15 de outubro. O Ministerio publicou no Boletín Oficial do Estado do 6 de outubro a relación de galardoados. Por parte da Cooperativa Moega o premio recolleuno a compañeira Mary Paz de la Fuente, Presidenta da Asociación Cultural, Xuvenil e Veciñal “O Castro” de Coeses.

O obxecto destes premios é distinguir iniciativas orixinais e innovadoras, que apliquen modelos de negocio baseados na xestión sostible dos recursos rurais. Nos proxectos que foron distinguidos nesta primeira edición, un total de vinte, ponse de manifesto a potencialidade da muller como axente desenvolvedor do medio rural a través da súa participación no mercado laboral. Esta situación implica unha maior independencia económica, ademais da visibilización e o recoñecemento das achegas das mulleres á sociedade en todos os ámbitos, avanzando así na igualdade efectiva entre homes e mulleres.

Estes proxectos deben servir para explorar novos depósitos de emprego ou para responder ás necesidades das mulleres no medio rural. Todo iso, co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible do medio rural. A cantidade asignada nos Premios de Excelencia para mulleres rurais en 2010 ascende a 500.000,00 euros, repartidos en 20 premios de 25.000,00 euros cada un, para proxectos relacionados coas axudas para a dependencia e a educación infantil ata a agroalimentación, os cosméticos e a consultoría ambiental.

04/10/10

Comeza o San Froilán 2010

Dende hoxe día 4 e ata o 12 de outubro Lugo está de festa, porque celebramos as festas do San Froilán. Durante estes nove días os lucenses e os que nos visiten poderemos participar nun amplo programa festivo, con actividades para tódolos gustos. Trátase dunhas festas que conxugan a tradición coa modernidade, declaradas como Festa de Interese Turístico Galego e Fiesta de Interés Turistico Nacional.

Estas festas están organizadas polo Concello de Lugo e permítennos disfrutar de moitas actividades, como asistir a concertos, dar unha volta polo recinto feiral, ver competicións deportivas, comer o polbo á feira nas casetas, todos eles uns elementos que non poden faltar no San Froilán. E os máis pequenos teñen o San Froilanciño cunha morea de actividades para eles. Así que como lucense invítovos a todos e a todas a que veñades a Lugo a gozar destas festas.

As festas do San Froilán 2010 teñen de especial que neste ano celebramos o décimo aniversario da proclamación da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial, polo que se está a levar a cabo o programa Lugo10. Os lucenses estamos orgullosos da nosa cidade, e este ano máis ca nunca abriremos con ledicia as dez portas da Muralla aos milleiros de persoas que nos visiten durante as festas.

Que o pasemos moi ben e que todos e todas teñamos unhas felices festas!

28/09/10

Formación nos Telecentros

A Concelleira de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Luisa Zarzuela, presentou unha iniciativa para achegar as novas tecnoloxías ás zonas rurais de Lugo. As actividades terán lugar nas parroquias da zona rural do municipio, e están incluídas no Proxecto europeo PARNET-tic.

PARNET-tic é un proxecto destinado ao fomento da sociedade da información nos territorios rurais, fomentando o acceso ás infraestruturas da comunicación e a sociedade da información. Este proxecto intégrase no programa de cooperación territorial “Espacio Sudoeste 2007-2013” da Unión Europea.

Son actividades dirixidas a toda a poboación, pero sobre todo á xente máis maior que quere pedir cita no médico, solicitar un certificado no Padrón ou visitar un museo. O programa formativo ten como obxectivo iniciar aos usuarios tanto no manexo dos sistemas operativos e de certas aplicacións convencionais, como o uso de Internet e das novas tecnoloxías aplicadas ao uso cotián. Está dividido en dúas partes, unha sobre a iniciación ao mundo da informática e outra sobre a navegación por Internet.

Á xente maior interésalles as novas tecnoloxías. Por exemplo na cidade as actividades no Telecentro do Castiñeiro teñen moitísimo éxito, xa que os 15 ordenadores sempre están ocupados. Os obxectivos deste telecentro son formar os usuarios de coñecementos básicos para utilizar un ordenador, así como crear habilidades na navegación por Internet e a comunicación mediante o correo electrónico.

As actividades formativas no rural terán lugar na Rede de Telecentros Rurais: Calde, Coeses, Castelo, San Pedro de Mera, Santa Comba, San Xoán do Campo, Santa María de Bóveda e O Veral. A programación levarase a cabo dende o 28 de setembro ata o 27 de xaneiro, tódolos martes e xoves dende as 18.00 horas ata as 19.30 horas.

Hoxe comezamos coa programación formativa nos Telecentros Rurais de Calde e Coeses e estou moi contento pola boa acollida que tivemos entre os veciños. E dende o meu blog animo a tódolos lucenses a participar nas distintas actividades que organizamos dende o Concello de Lugo nos distintos telecentros municipais da zona rural e da cidade.

Para máis información no teléfono 010 do Concello ou na web www.lugo.es.