22/10/09

Tócame facer balance

Despois de que fai un ano os meus compañeiros de IESGA (Iniciativa Estudantil Galega) na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC confiaran en min para ser o Coordinador de IESGA na facultade, tócame facer balance do traballo que fixemos entre todos e todas, porque hoxe tivemos a Asemblea Extraordinaria. Polo que estiven repasando o traballo que fixemos, para darlles conta aos meus compañeiros no informe de xestión. Especialmente quero felicitar ao compañeiro Mario Pais Beiro, porque será o novo Coordinador de IESGA na facultade, despois de que o elixiramos por unanimidade nesta asemblea. E estou moi contento por esta decisión que tomamos, porque sei que Mario traballará e continuará con este gran proxecto.

Tócame despedirme, o que é moi triste para min, despois do tempo que pasamos xuntos, pero estou contento, xa que o proxecto no que traballamos continúa, porque quedan compañeiros que cren nese proxecto. E teño que dicir que o balance que fago é moi positivo e que me sinto moi orgulloso do traballo feito e de pertencer a IESGA e de pensar o que penso. Alégrome moito polo importante traballo levado a cabo pola nosa organización e polos meus compañeiros, aos que quero felicitar dende aquí. Polo que quero recoñecer o traballo feito dende IESGA na facultade, felicitando aos compañeiros polos avances que conseguimos.

Nas eleccións á Xunta de Facultade conseguimos ter 2 representantes. Por parte de IESGA saímos elixidos o meu compañeiro Alejandro Peso e eu. A miña valoración destes resultados acadados por IESGA é moi positiva, porque pasamos de non ter representación na Xunta de Facultade a ter 2 representantes. Na Xunta de Facultade traballamos pola defensa dos intereses dos estudantes e para que as nosas propostas electorais sexan unha realidade. Fixemos rogos e preguntas ao equipo decanal para mellorar a nosa facultade e a calidade da docencia. Velamos polo cumprimento dos dereitos dos estudantes e traballamos para que a voz do alumnado sexa escoitada e tida en conta por parte dos órganos encargados de tomar as decisións na facultade.

Tamén fixemos actividades culturais e formativas na facultade, actividades que permitiron coñecer novos espazos, traballar cuestións máis aló do estritamente académico. Actividades como poñer unha mesa informativa o Día Mundial da Loita contra a SIDA, coa finalidade de informar ao alumnado da importancia da prevención da SIDA. Apostamos polas Novas Tecnoloxías, porque son unha ferramenta que nos axuda a coñecer a opinión dos estudantes e a poder informalos do que lles interesa. Por iso na web de IESGA temos un blog, que ten a función dun espazo máis personalizado para achegar a información.

E aos meus compañeiros de IESGA doulles ánimos para seguir traballando, porque estou seguro que se seguimos traballando como o estamos facendo, cada día faremos realidade as reivindicacións dos dereitos do alumnado. A partir de agora téñenme a súa disposición para o que poida axudar. Así que quero agradecerlles a tódolos compañeiros e compañeiras de IESGA a súa implicación, especialmente quero agradecer o traballo que realizaron, xa que sen o seu esforzo este resultado non sería posible.

15/10/09

Blog Action Day 2009



Hoxe celébrase o Blog Action Day, día no que a blogosfera mundial debatemos simultaneamente sobre un asunto concreto, este ano sobre o cambio climático. Con tal motivo, escribo este comentario no meu blog dende o acto de celebración do PSdeG-PSOE deste evento, que estamos a celebrar nestes intres en Lugo e no que tratamos este tema tan importante, que nos debe de facer reflexionar a todos e todas.

Neste sentido, estoume a acordar dun tema que coñecín mellor durante a miña etapa como Bolseiro de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, como foi o concepto de ‘pegada ecolóxica’, que representa os custes ecolóxicos dun determinado modelo de vida. Grazas aos seminarios organizados polo Plan de Desenvolvemento Sostible nos que puidemos participar, ademais de analizar a pegada ecolóxica, servíronnos para abordar os hábitos de consumo e alimentación, o transporte e a mobilidade ou a débeda ecolóxica.

Neste contexto resulta fundamental estimular a concienciación sobre o medio ambiente a nivel mundial, ademais de promover a atención e acción política. Entendendo que o cambio climático se está a converter no tema clave da nosa era. Temos que facer realidade as distintas iniciativas, así como os medios para promover unhas economías e estilos de vida sostibles e respectuosos co medio ambiente.

03/10/09

San Froilán 2009

Do 4 ao 12 de outubro Lugo está de festa, porque celebramos as festas do San Froilán. Dende mañá e durante nove días os lucenses e os que nos visiten poderemos participar nun amplo programa festivo, con actividades para tódolos gustos. Trátase dunhas festas que conxugan a tradición coa modernidade, declaradas como Festa de Interese Turístico Galego e Fiesta de Interés Turistico Nacional.

Estas festas están organizadas polo Concello de Lugo e permítennos disfrutar de moitas actividades, como asistir a concertos, dar unha volta polo recinto feiral, ver competicións deportivas, comer o polbo á feira nas casetas, todos eles uns elementos que non poden faltar no San Froilán. E os máis pequenos teñen o San Froilanciño cunha morea de actividades para eles. Así que como lucense invítovos a todos e a todas a que veñades a Lugo a gozar destas festas.

Que o pasemos moi ben e que teñamos unha felices festas!

28/09/09

Post nº 100

Este é o post número 100 que escribo no meu blog, no que comparto con vos as miñas vivencias e as miñas opinións sobre distintos temas. Pretendendo que este espazo virtual sexa unha fiestra aberta ao mundo, coa que poder compartir as miñas opinións sobre distintos temas e escoitar a opinión dos lectores, porque aquí pódese opinar libremente sobre o que un queira, sempre que se manteña o respecto pola dignidade das persoas.

Quero celebrar que xa levo escritos 100 comentarios, intentando cumprir un dos principais obxectivos do meu blog, que é o de axudarvos a coñecerme un pouco mellor. O que busquei con cada un dos comentarios publicados. Por iso neste post vouvos a falar de min dunha maneira máis persoal, respondendo a continuación a un cuestionario, para que me coñezades mellor.


Preséntate: Son Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Estudei no Colexio Público de Casás en Lugo e logo no Instituto Leiras Pulpeiro. Son una persoa a que lle gusta participar e estou colaborando en IESGA (Iniciativa Estudantil Galega), en Xuventudes Socialistas de Galicia e na Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva de San Xoán de Tirimol.

Gústame a política, porque me gusta atender e axudar aos cidadáns, intentando resolver os problemas que lles afectan. E entendo a política como un servizo público para dar resposta aos problemas da cidadanía e mellorar a súa calidade de vida. A comezos do 2008 afilieime a Xuventudes Socialistas porque comparto unha ideoloxía de esquerdas e quería participar nesta organización política xuvenil, que é acorde cos meus ideais de xustiza, liberdade e solidariedade.

Defínete con tres adxectivos: responsable, honesto e positivo

Un defecto: son demasiado perfeccionista

Un libro: non podería quedarme só cun libro

Unha película: prefiro un bo libro

Unha cita: O mundo está nas mans de aqueles que teñen o coraxe de soñar e de correr o risco de vivir os seus soños (Pablo Coelho).

Un recordo: teño moitos, por exemplo cando xogaba cos meus amigos no colexio

Un desexo: a paz e o remate da fame no mundo

Un color: vermello

Un número: o 3

Unha data: o comezo do cambio político en Galicia

Un personaxe histórico: Carlos Marx

Unha persoa a quen admiras: a miña avoa

Un político a quen admiras: José López Orozco

Algo que sempre levas posto: un reloxo

O que máis te cabrea: a mentira e a hipocresía

Que cambiarías: a situación de pobreza na que se atopan moitas persoas

22/09/09

Por un ensino sen ataduras. Súmate

As Xuventudes Socialistas de Galicia iniciamos unha campaña nos centros educativos para informar aos xóvenes dos ataques da Consellería de Educación ao ensino público. A campaña, baixo o lema “Por un ensino sen Ataduras. Súmate”, ten por obxecto informar aos xóvenes das políticas de educación da Xunta e animalos a que reivindiquen os seus dereitos.

A compañeira María Torres, Secretaria Xeral das XSG, e o compañeiro Pablo Otero, Secretario de Educación das XSG, presentaron nunha rolda de prensa esta iniciativa que comezará a desenvolverse nos centros de ensino de Galicia mediante a distribución de dípticos e carteis e da información directa aos estudantes da situación que está a sufrir o ensino público dende o cambio de goberno na Xunta.

As XSG consideramos que é necesario informar aos xóvenes e lograr a súa implicación, polo que facemos un chamamento á mocidade para que non quede calada e proteste e reivindiquen os seus dereitos.

Para sumarte e asinar o Manifesto Por un ensino sen ataduras, hai que accerder á web creada para tal finalidade.

14/09/09

O Plan E

O Plan Español para el Estímulo de la Economía y el Empleo ou Plan E, no que se refire ao fomento do emprego, introduce medidas directas de impulso á creación de emprego, entre as que cómpre salientar o Fondo para Entidades Locais. No caso concreto do concello de Lugo, as obras financiadas polo FEIL supuxeron un investimento no municipio de máis de 16 millóns de euros, que posibilitaron levar a cabo 79 obras. Unhas obras que están a cumprir os obxectivos fixados: facer obras, contratar dotacións e crear emprego.

Trátase dunhas actuacións que permitiron a creación de 974 postos de traballo. As obras do Plan E promovidas polo concello de Lugo foron repartidas entre as parroquias rurais e os barrios da cidade, para que todos os veciños puidesen verse beneficiados. Neste sentido, na zona rural estanse a realizar actuacións en 42 pistas que permitirán que 54 parroquias teñan aglomerado en quente, o que vén a significar progreso, modernización e facer que os veciños do rural vivamos nas mellores condicións.

Deste xeito, por primeira vez o concello de Lugo emprega o aglomerado en quente para mellorar o firme de pistas principais, ou failles bases para suxeitar os contedores nas parroquias rurais. O que é resultado do compromiso do goberno local de mellorar o rural. Un traballo que é valorado moi positivamente polos veciños que vivimos nas parroquias, que estamos preocupados porque a zona rural mellore e que queremos que se siga por este camiño.

Fonte: Carta ao Director de Diego Pena Luaces, publicada no xornal El Progreso, 13 de setembro do 2009, páx. 32.