25/06/10

Arde Lvcvs

O Arde Lucus MMX deu comezo oficialmente hoxe venres coa inauguración do Macellum -mercado- e do campamento dos forxadores ás cinco da tarde. Comezaron así os tres días de festa nos que se recreará o pasado romano da cidade de Lugo. Deste xeito do 25 ao 27 de xuño Lucus Augusti arderá de novo.

Moitas actividades, actuacións e espectáculos conforman o programa desta nova edición da festa Arde Lucus, que se celebrará desde este venres á tarde ata o domingo á noite e que está organizada polo Concello de Lugo.

Dende este momento a cidade comezará a vivir tres días de intensa actividade nos que lucenses e visitantes poderemos disfrutar coa recreación da historia, das tradicións e da cultura romana. E como lucense invítovos a todos e a todas a que veñades a Lugo, porque o pasaredes moi ben.

16/06/10

Festas de Tirimol 2010

Os días 19, 20, 23 e 24 de xuño celebraránse as Festas Patronais de San Xoán de Tirimol. Este ano temos un programa moi completo, que conta con pasarrúas pola parroquia a cargo do Grupo Devandoira os días 19 e 20 ou a actuación do Orfeón Xoán Montes na Misa Solemne o día 20, entre outras moitas actividades. A festa faise na Pista Polideportiva, que se usa como Campo da Festa e que está ao lado do Centro Social de Tirimol.

A Comisión de Festas quixo que o programa de festas fose variado, para que houbera actuacións para tódolos gustos. Porque desta maneira tódolos veciños e todos aqueles que nos visiten durante estes días poderán gozar destas festas. Ademais estades todos convidados a vir ás Festas de Tirimol, porque seguro que o pasaredes moi ben e vos divertiredes moito, porque a diversión está asegurada.

Deséxovos a tódolos meus veciños e a todos os que nos visitedes estes días que pasedes unhas BOAS FESTAS!


PROGRAMA:
Sábado, 19 de xuño:
Pasarrúas pola mañá a cargo do Grupo DEVANDOIRA
Misa Solemne e procesión ás 13:00 horas
Ás 14:15 horas Sesión Vermú amenizada pola Orquestra ODEON
Ás 23:00 horas Verbena amenizada pola Orquestra ODEON
Ás 00:30 horas actuación de SABELA

Domingo, 20 de xuño:
Pasarrúas pola mañá a cargo do Grupo DEVANDOIRA
Misa Solemne cantada polo Orfeón XOÁN MONTES e procesión ás 13:00 horas
Ás 14:15 horas Sesión Vermú amenizada pola Orquestra STEREO SHOW
Ás 21:00 horas Verbena amenizada pola Orquestra STEREO SHOW
Ás 22:30 horas actuación do Mago LAMAS

Mércores, 23 de xuño:
Ás 21:00 horas Gran Churrascada e actuación da Orquestra RÍA DE BETANZOS
Ás 22:30 horas queima da Fogueira do Lume Novo

Xoves, 24 de xuño: DÍA DO PATRÓN
Misa Solemne e procesión ás 12:00 horas
Ás 21:00 horas actuación da Orquestra ESCAPARATE
Ás 22:30 horas sorteo dun año


Haberá fogos de artificio e competicións deportivas.

12/06/10

25 anos en Europa

Hoxe España e Portugal celebran o XXV aniversario da súa entrada na Comunidade Económica Europea, celebración que ademais coincide coa Presidencia Española da Unión Europea. E durante estes últimos vinte e cinco anos Europa foi clave na transformación que España e Portugal experimentaron, non só polos recursos económicos que os dous países recibiron, senón sobre todo polo impacto modernizador que a pertenza a Europa tivo nas súas sociedades. A participación no proxecto europeo contribuíu a acelerar o cambio de mentalidade e das estruturas políticas, económicas e sociais tanto de Portugal coma de España.

A Unión Europea conta con 27 Estados membros que forman unha comunidade e un mercado interior de 493 millóns de cidadáns. Con todo, as disparidades económicas e sociais entre estes Estados e as súas 271 rexións son, o mesmo tempo, moi importantes. Unha de cada catro rexións teñen un PIB (produto interior bruto) por habitante inferior ó 75% da media da Unión Europea dos 27.

A política rexional da Unión Europea favorece a redución das diferenzas estruturais entre as rexións da Unión, o desenvolvemento equilibrado do territorio comunitario e unha verdadeira igualdade de oportunidades entre as persoas mediante a transferencia de recursos das rexións máis ricas ás máis pobres. É un instrumento de solidariedade financeira e unha poderosa ferramenta de integración económica.

Por iso no actual contexto económico tanto o Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, como as demais personalidades que participaron nos actos conmemorativos da entrada de España e Portugal nas Comunidades Europeas, nos seus discursos fixeron un chamamento a responder á actual crise e aos desafíos do mundo globalizado reforzando aínda máis a Europa.

28/05/10

Hipocresía e demagoxia


Este vídeo recolle un exemplo claro da política que está a levar a cabo o PP, porque podemos ver claramente como utilizan a hipocresía e a demagoxia, para intentar enganar e á cidadanía e atacar ao Goberno de España. Deste xeito podemos ver claramente o que quere o PP e cales son os seus intereses. Porque desgraciadamente os feitos demóstrannos que o PP desexa que lle vaia peor a España, pensando en que lles irá mellor a eles.

Mentres o PSOE asume as críticas e, na medida en que unha circunstancia difícil como a actual esixe o concurso e o esforzo colectivo de todos, é receptivo ás propostas doutros e sempre é favorable ao pacto. Porque como di o Alcalde de Lugo, no seu blog "é tempo de construción, non de destrución". Porque agora é tempo de propostas e de feitos e non da loita política sen fundamento.

Nestes momentos a cidadanía reclama especialmente que os políticos e os responsables sociais traballen xuntos nunha mesma dirección, esperando que estean á altura das circunstancias. Pero lamentablemente vemos como o PP está máis preocupado e ocupado nos seus intereses como partido que nos intereses da cidadanía, utilizando para elo a hipocresía e a demagoxia.

17/05/10

O Día de Internet no rural

Un dos compromisos do Alcalde de Lugo e do seu Equipo de Goberno é o de buscar a igualdade entre os veciños e veciñas, independentemente do lugar no que vivamos. Por iso este ano o Concello de Lugo celebrará o Día Mundial de Internet na zona rural e poñerase en funcionamento a Rede de Telecentros Rurais, que será unha realidade grazas ao proxecto de extensión da Banda Larga mediante tecnoloxías WIMAX/WIFI en zonas rurais do municipio de Lugo, que permitirá que as antigas escolas rurais dispoñan de conexión a Internet.

Porque debido ás dificultades que temos moitas veces os veciños e veciñas que vivimos no rural para poder acceder a algúns servizos, como é o acceso a Internet e en vista de que as compañías privadas de telecomunicacións non acaban de dar unha solución, dende o Concello de Lugo búscanse solucións que permitan reducir as diferenzas que poidan existir entre vivir nun lugar ou vivir noutro, para reducir esta "fenda dixital" e dar a posibilidade de conectarse a Internet e de poder acceder a gran cantidade de información e servizos que ofrece.

Por iso este ano dende o Concello de Lugo convidámoste á celebración do Día Mundial de Internet mañá, martes 18 de maio, no Telecentro Rural de Coeses, que está situado na Antiga Escola desta parroquia, onde teremos moitas actividades lúdicas preparadas para ti.

Pola mañá inaugurarase ás 11:15 a Rede de Telecentros Rurais do Concello de Lugo. Despois dende o Telecentro de Coeses o Alcalde saudará mediante unha videoconferencia aos veciños e veciñas que estarán nos Telecentros de Calde, San Xoán do Campo e Santa María de Bóveda.

Tamén se poderán ver as obras que participaron no certame de pintura en rede Pinta con nós, que estarán expostas e se visualizarán tamén nunha pantalla. A continuación fallarase o premio á mellor pintura en rede e o nome da gañadora ou do gañador desvelarase pola tarde ás 18:00 horas, e entregaráselle un Notebook (ordenador portátil).

E como hoxe é o 17 de maio, ademáis de ser o Día Mundial de Internet, tamén é o Día das Letras Galegas, así que aproveito para desexarvos dende o meu blog un Feliz Día das Letras Galegas e de Internet a todos e todas!!!

12/05/10

A ventá de Lugo

Baixo o lema “Desde a cidade e o campo mira pola mesma ventá. Xa todos somos iguais” o Concello de Lugo presenta: A ventá de Lugo, unha iniciativa promovida pola Concellería de Servizos Xerais que dirixe Luisa Zarzuela, co obxectivo de difundir entre os cidadáns da zona rural e da cidade as ventaxas de realizar os trámites co Concello a través de Internet. A partir do 24 de maio un monitor informará, guiará e a axudará a todos os veciños de Lugo a descubrir as potencialidades da e-Administración (Administración electrónica) e os beneficios que as novas tecnoloxías poden achegar ás súas vidas. Realizaranse actividades orientadas a todos os públicos de luns a sábado ata o día 29 de xuño nos oitos telecentros rurais da Rede de Telecentros Rurais e os sete quioscos da e-Administración situados nas diferentes dependencias municipais.

A Concelleira de Servizos Xerais explicou que é o momento de que todos os veciños descubran os beneficios que as novas tecnoloxías poden achegar ás súas vidas e os beneficios de realizar diferentes trámites desde as súas casas, traballos ou desde a rúa. Mostraranse as funcionalidades de Tramita na túa casa, que proporcionará á cidadanía unha zona onde poder consultar datos de información persoal que o Concello dispón sobre o mesmo e realizar unha serie de trámites administrativos. Para participar hai que concertar unha sesión gratuíta chamando ao teléfono 010 do Concello de Lugo ou a través da web aventadelugo.es e unha monitora acompañará aos participantes durante toda a sesión para que descubran as ventaxas de realizar os trámites sen moverse de casa.

Tamén dende a Concellería de Servizos Xerais do Concello de Lugo estamos a preparar unha serie de actividades para celebrar o Día Mundial de Internet, que terá lugar o próximo día 18 de maio. Ese mesmo día terá lugar a inauguración da Rede de Telecentros Rurais do Concello de Lugo. Tamén animamos á cidadanía a participar no certame de pintura en rede Pinta con nos. A temática do concurso será a Muralla de Lugo, que este ano cumpre 10 anos como Patrimonio Mundial. O período para participar no concurso será desde o día 10 ao 14 de maio ás 20:00 horas, ambos inclusive. As obras estarán expostas no Telecentro de Coeses, durante a celebración do Día de Internet, e ese mesmo día fallarase o premio á mellor pintura en rede sendo o gañador obsequiado cun Notebook (ordenador portátil).

Para máis información na páxina aventadelugo.es.