31/05/11

Rompe co tabaco



Máis dun millón de mozos entre 16 e 24 anos fuma a diario segundo se desprende da Enquisa de Saúde en España do ano 2009. Segundo os expertos, un de cada tres consumidores de tabaco adolescentes desenvolverá unha dependencia clinicamente relevante ata a idade de 35 anos, o que significa aumentar o risco de desenvolver enfermidades relacionadas co consumo de tabaco na idade adulta.

Á vista destes datos, e para previr o tabaquismo e as súas consecuencias nos máis novos, a Asociación Española Contra o Cancro (aecc) lanzou unha campaña de concienciación que leva por título "Rompe co tabaco”. E hoxe, 31 de maio, coincidindo coa celebración do Día Mundial Sen Tabaco, quero compartir no meu blog este interesante vídeo que foi realizado para esta campaña.

Esta campaña, cuxo obxectivo é que os mozos deixen de fumar, contou coa participación de artistas e deportistas como Alejandro Sanz, Ricky Rubio, Jesús Olmedo, Dafne Fernández ou Diego Forlan, e coa colaboración de entidades xuvenís como o Instituto da Xuventude (INJUVE), o Consello da Xuventude de España (CJE) e a Rede de Universidades Saudables.

Os mozos e mozas, por riba de todo, queremos sentirnos libres, non obstante algúns deixan que o tabaco controle as súas vidas. Para deixar de fumar, é necesario que vexan o tabaco como unha atadura fronte á que deben rebelarse, de aí que o lema da campaña sexa: "Rompe co tabaco".

20/05/11

Para que gañe Lugo


A transformación que está a vivir Lugo non sería posible se non tivéramos un Alcalde como o que temos, que ten a mesma ilusión e as mesmas ganas de traballar por Lugo como o primeiro día. José López Orozco é un político cercano, que está preto da cidadanía e dos seus problemas. Traballa con forza e ilusión por un Lugo igualitario e moderno, na cidade e na zona rural, facendo propostas constructivas e, sobre todo, sen faltar ao respeto nunca aos seus adversarios políticos.

Temos un Alcalde que é un firme defensor de buscar a igualdade entre os veciños e veciñas, independentemente do lugar no que vivamos. Por iso este é un proxecto imparable, no que contamos e participamos todos e todas e do que nos sentimos orgullosos como lucenses. Grazas ao traballo realizado hoxe temos un Lugo que construímos entre todos, que ti contribuiche a facer. Agora é o teu momento para apostar por que continúe ese compromiso absoluto coa cidade, para que isto non se pare.

Os socialistas lucenses estamos locos por Lugo e entendemos a política coma un servizo público, por iso traballamos para mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas de Lugo. Por iso melloramos as entradas da cidade, os barrios, a zona rural. Tamén apostamos polos servizos públicos con Escolas Infantís, Centros de Convivencia, centros de Día e de dinamización no rural, zonas verdes, rúas limpas, rúas asfaltadas e con saneamento no centro e nos barrios, na zona zona urbana e na zona rural, iluminación...

Por todo o traballo feito e por todo o que queremos facer, pídoche a túa confianza o próximo domingo para o PSdeG-PSOE de Lugo, votando polo Alcalde Orozco e polo equipo que o acompañamos neste proxecto ilusionante, para que gañe Lugo.

17/05/11

O cambio de Lugo



Se pechas os ollos uns segundos e tratas de recordar como era Lugo hai 12 anos, verás o cambio que se produciu co goberno de José López Orozco, tal e como podemos ver neste vídeo, porque apostou polos barrios e polas parroquias, mellorando a calidade de vida de todos os veciños e veciñas, con independencia do lugar no que vivamos. E a transformación que está a vivir Lugo dá boa conta da aposta e do compromiso que ten José López Orozco. E isto é algo evidente, aínda que por moito que algúns o intenten, a realidade de Lugo non se pode negar, porque a vemos tódolos días os cidadáns.

O investimento realizado polo Concello de Lugo nos barrios e nas parroquias ao longo destes doce anos é unha boa mostra do cambio que deu Lugo. Agora Lugo está camiñando nunha nova etapa na que relanza a cidade: os barrios e o centro, así como a zona rural. As obras, entre outras actuacións levadas a cabo polo Concello de Lugo, produciron unha transformación dunha cidade que é pequena, pero que se pode comparar en servizos con calquera outra cidade de Galicia e de España. O cambio levado a cabo na cidade e na zona rural sentou as bases que permitirán seguir mellorando Lugo.

O cambio foi posible grazas a ter un Alcalde e un goberno socialista en Lugo, que está preto dos veciños e veciñas e escoitando as suxestións e inquedanzas para mellorar o noso concello, porque xuntos facemos Lugo. Os socialistas lucenses estamos locos por Lugo e por iso seguiremos traballando para mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas de Lugo, da zona urbana e da rural e realizando unha aposta por tódolos barrios e por tódalas parroquias do noso concello.

Se coma nos, ti tamén estás loc@ por Lugo, axúdanos a difundir este vídeo entre os teus contactos e amigos e sobre todo, recorda que o 22 de maio ti es o máis importante para que gane Lugo.

11/05/11

Lugo en primeira persoa



Neste vídeo vemos a Lugo en primeira persoa, co noso Alcalde e candidato á Alcaldía polo PSdeG-PSOE, José López Orozco. No vídeo podemos ver un proxecto de cidade iniciado hai doce anos que continúa, porque así o quixemos os lucenses, e que levou á modernización, mellora e cambio deste Concello como nunca se deu no seno do mesmo. E isto é algo evidente, aínda que por moito que algúns o intenten, a realidade de Lugo non se pode negar, porque a vemos tódolos días os cidadáns.

Este proxecto ilusionante do PSdeG-PSOE de Lugo permitiu un cambio profundo no eido social, sen esquecer nunca aos que más o necesitan; un cambio da vida cultural, porque Lugo está á altura das cidades das súas características; un cambio no eido deportivo, no que as instalacións deportivas nada teñen que ver coas que había antes de 1999; un cambio no coñecemento e promoción da cidade e por iso no aumento paulatino de turistas que estamos a vivir; un cambio no desenvolvemento urbanístico, que levou a que barrios enteiros ofrezan un aspecto totalmente distinto o que tiñan.

Un cambio nas dotacións e nos equipamentos, tanto na zona urbana como na zona rural; un cambio nas infraestructuras viarias e medioambientais, que fan da nosa cidade e da zona rural un modelo a seguir; un cambio na preocupación e deseño na colaboración na educación por parte do Concello de Lugo; un cambio na atención as persoas en paro cos continuos programas de reinserción laboral e promocións de políticas emprendedoras do Concello; un cambio constante na apertura da administración municipal aos veciños, tanto da zona urbana como rural, facendo que cheguen as novas tecnoloxías; un cambio que fixo da cidade de Lugo unha das cidades máis seguras de España...

Por todo o que está feito e porque aínda quedan cousas por facer, así que podemos e debemos seguir nesta dirección que nos fai avanzar cara diante. Para que Lugo siga mellorando, para que Lugo gañe, os socialistas lucenses pedimos a confianza neste proxecto imparable, no que contamos e participamos todos e todas e do que nos sentimos orgullosos como lucenses.

25/04/11

25 anos da Lei Xeral de Sanidade



Hoxe, 25 de abril, cando se cumpren 25 Anos da Aprobación da Lei Xeral de Sanidade 14/1986, quero facer referencia no meu blog a este importante acontecemento, citando algunhas ideas do Manifesto do PSOE polo 25 aniversario da Lei Xeral de Sanidade e deste vídeo. Porque con esta Lei creouse o noso Sistema Nacional de Saúde, que foi un dos legados máis importantes que nos deixou o primeiro goberno socialista de Felipe González e unha das leis clave da nosa democracia.

Esta Lei, promovida polo ministro socialista, Ernest Lluch, puxo en marcha a reforma e modernización da sanidade española, consagrando os principios de universalidade e financiamento público a través de impostos, transcendental para asegurar o papel de alicerce fundamental de Estado de Benestar que se quería que desempeñase o sistema sanitario para todos os españois. Tiña un obxectivo prioritario: substituír a caridade por dereitos, vinculando a protección sanitaria á condición de cidadán.

Atopámonos por tanto cun bo sistema do que temos que estar todos orgullosos, froito do traballo de moitas xeracións, constituíndo, hoxe en día, un referente de primeira orde nas políticas de benestar en España e un dos máis avanzados e eficientes de cantos existen en Europa, tanto pola solidez do sistema, a formación e alta cualificación dos seus profesionais, como pola súa calidade científica e polas súas prestacións.

Agora temos que seguir apoiando o futuro dun sistema público e universal que se puxo en marcha hai 25 anos. Ante os que propoñen menos servizos públicos para deixar todo en mans do mercado, os socialistas apostamos por servizos públicos máis potentes, mellor dotados e máis eficaces, como elemento intrínseco da xustiza social que defendemos.

15/04/11

Ano europeo do Voluntariado



Onte asistín ás xonadas “Novas redes para o voluntariado en Europa. 2011 Ano Europeo do voluntariado”, que están organizadas polo Concello de Lugo, a través do Centro de información europea Europe Direct-Lugo, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e as entidades sociais da cidade de Lugo.

Nestas xornadas vin este vídeo, que me gustou moito e que quero compartir con vos, porque podedes ver como as persoas voluntarias animan á cidadanía a participar en actividades de voluntariado por unha infinidade de motivos.

O ano 2011 foi nomeado pola Comisión Europea, Ano Europeo do voluntariado. O obxectivo xeral deste ano e fomentar é apoiar o intercambio de experiencias e boas prácticas para crear as condicións na sociedade civil, que favorezan o voluntariado e mellorar a visibilidade das actividades de voluntariado.

Este Encontro de Voluntariado, organizado con motivo do ano 2011, ten como obxectivo favorecer o coñecemento das actividades de voluntariado entre toda a cidadanía. O voluntariado como forma de expresión da participación cidadá é un feito que podemos atopar en diferentes países e que nos debe facer reflexionar sobre a necesidade de compartir experiencias de traballo en rede que nos permita descubrir outras realidades diferentes da lucense.