28/06/13

Outro ataque á Sanidade Pública



A Xunta impuxo primeiro o repago farmacéutico, obrigando a 120.000 lucenses a pagar, por primeira vez na historia, as súas menciñas, coa única finalidade de ingresar nas arcas do Goberno galego ata 7 millóns de euros, procedentes das pensións máis baixas no país: as dos veciños de Lugo. Agora, Feijóo decidiu que máis de 40.000 galegos que necesiten dende próteses, oculares ou audiófonos para o benestar e calidade das súas vidas teñan que pagar, tamén por primeira vez, e por adiantado, o 100% do custe destes dispositivos, superando nalgúns casos os 4.000 euros. Deste xeito, os gobernos do PP están a poñer fin á Sanidade Pública e ao Estado do Benestar.

Ningún colectivo estará exento deste anticipo económico, de tal xeito que, as persoas menores de 30 anos con próteses amputadas, oculares ou audiófonos, deberán de pagar por primeira vez estes dispositivos. Ademais, nos casos nos que unha vez finalizada a necesidade, como pode ser o uso dunha cadeira de rodas, estes elementos tampouco serán devoltos para que poidan ser usadas por outros doentes afectados, tal e como se contemplaba no anterior convenio, mediante un sistema de préstamo mediado pola administración sanitaria autonómica.

Deste xeito, coa entrada en vigor do novo modelo de prestación ortoprotésica, dende o día 15 deste mes, a Xunta de Galicia xa non devolve o prezo do material subvencionado ao conxunto dos establecementos, senón que o fará de xeito individualizado con cada un destes elementos prescritos. Para elo, todos os usuarios, primeiro deberán de abonar o anticipo para logo poder solicitar ao departamento autonómico a devolución da contía subvencionada. Tal é así que, na orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), non figura nin cómo nin cándo se lles vai devolver o diñeiro aos usuarios. O SERGAS, eludindo así a súa responsabilidade, non aclara esta cuestión en ningún punto, e alega para elo, simplemente, que a implantación do novo sistema permitirá adaptar o catálogo de produtos galego ao estatal. Con todo, os expertos recoñecen que o prazo da devolución será elevado, pois en ningún caso será inferior ós cinco meses.

Debido á escasa información e precisión do Goberno Galego neste asunto, e tendo en conta que a norma remata de cheo coa prestación ortoprotésica, a nova medida xa suscitou o rexeitamento de diversos colectivos profesionais. É o caso da Asociación de Técnicos Ortopédicos de Galicia (ATOG), quen vén de denunciar publicamente que, ademais das citadas restricións inxustificadas, existen outras cuestións que se modifican e que repercutirán na economía dos usuarios, pois o custe destas prestacións pode superar nalgúns casos os 4.000 euros; un gasto demasiado elevado ó que moitas familias non poderán facer fronte hoxe en día.

Garantir a sostibilidade financieira do sistema sanitario público é un dos retos máis importantes que debe afrontar o noso país. Por tanto, permitir que o sistema sanitario se deteriore é a peor das políticas que pode levar a cabo un goberno, xa que supón poñer en risco a viabilidade do que é o principal instrumento de equidade e de redistribución da riqueza. Evitar a descapitalización do sistema sanitario público é un imperativo que se debe afrontar con urxencia, pero nunca se debe facer a costa de aplicar estas medidas que o degraden, como o copago farmacéutico, e que teñen un efecto negativo para a economía e a saúde dos cidadáns.

17/06/13

Festas de Tirimol 2013


Outro ano máis na parroquia de Tirimol celebramos as Festas Patronais de San Xoán, e dende o meu blog quero invitar a todos os meus veciños e ás persoas que nos visiten a que disfrutemos delas e pasemos uns días de ledicia cos nosos familiares e amigos.

Este ano os veciños e os visitantes poderemos gozar dun programa moi completo e variado, que conta con verbenas, unha exhibición de baile, pasarrúas, fogos de artificio, entre outras moitas actividades.

A Comisión de Festas agradece moi especialmente a todos os veciños e comerciantes o gran esforzo que fixeron colaborando para que as festas poidan seguir celebrándose. Tamén agradece ao Concello de Lugo e á Deputación de Lugo pola súa colaboración con estas festas.

Deséxovos a tódolos meus veciños e a todos os que nos visitedes estes días que pasedes unhas FELICES FESTAS!


PROGRAMA:

Sábado, 22 de xuño:
13:00 horas: Misa Solemne e procesión na Igrexa Parroquial.
14:00 horas: Sesión Vermú amenizada pola Orquestra LA BAMBOLA.
23:00 horas: Verbena amenizada pola Orquestra LA BAMBOLA e o Dúo SOMBRAS.

Domingo, 23 de xuño:
12:30 horas: Pasarrúas a cargo do grupo de gaitas OS MIÑOTOS.
13:00 horas: Misa Solemne e procesión na Igrexa Parroquial.
14:00 horas: Sesión Vermú amenizada pola Orquestra TRIUNFO.
23:00 horas: Verbena amenizada pola Orquestra TRIUNFO.
00:00 horas: Queima da Gran Fogueira de San Xoán.
00:30 horas: Exhibición de baile do Grupo profesional RITMO LUGO con 8 famosos bailaríns.

Luns, 24 de xuño: DÍA DO PATRÓN
13:00 horas: Misa Solemne e procesión na Igrexa Parroquial.
14:00 horas: Sesión Vermú amenizada polo Trío AREAL.
22:30 horas: Verbena amenizada polo Trío AREAL.
00:00 horas: Sesión de fogos de artificio.

10/06/13

Arde Lucus MMXIII


O Arde Lucus MMXIII celebrarase o venres 14, sábado 15 e domingo 16 de xuño. Durante estes tres días Lucus Augusti arderá de novo e recrearase o pasado romano da cidade de Lugo. Este ano acádase a duodécima edición desta festa e estará dedicada ás mulleres, formándose un novo grupo que dará a réplica ao Senado de Lucus Augusti.

Arde Lucus é unha Festa de Interese Turístico Galego e creceu grazas ás ilusións, á alegría e o bo humor de todas as persoas que, dun modo ou outro, participamos nesta festa. A nosa cidade converterase de novo nunha urbe romana, porque retrocederemos no tempo para gozar do noso legado cultural e histórico en primeira persoa.

Neste Arde Lucus hai máis de 190 actividades, das que 55 son novidosas. Estas actividades conforman o programa desta nova edición da festa, que se celebrará desde este venres á tarde ata o domingo á noite e que está organizada polo Concello de Lugo.

Co Arde Lucus a cidade comezará a vivir tres días de intensa actividade nos que lucenses e visitantes poderemos disfrutar coa recreación da historia, das tradicións e da cultura romana. E como lucense invítovos a todos e a todas a que veñades a Lugo a disfrutar desta festa, porque o pasaredes moi ben.

03/06/13

Uns servizos sanitarios indispensables para Lugo


Este xoves día 6 de xuño ás 20:30 horas con saída diante da Delegación de Sanidade terá lugar a manifestación para demandar a dotación dos servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti. Nesta manifestación xa está confirmada a participación de máis de 120 entidades representativas da sociedade de Lugo.

Dende AgrupaLugo facemos un chamamento á cidadanía lucense para que participe nesta manifestación reclamando estes servizos sanitarios, porque coa posta en marcha deste servizos aforraríase unha cantidade importante de diñeiro, atenderíanse aos pacientes nun menor tempo e en mellores condicións. E o máis importante sería que se reduciría o risco de falecemento.

Ademais no momento en que se inaugurou o HULA explicouse que era un dos hospitais máis modernos e que melloraría a atención sanitaria, pero isto parécenos un engano, mentres se continúe sen prestar uns servizos indispensables como Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear.

Todos xuntos temos que reclamarlle á Xunta de Galicia uns servizos sanitarios que son tan necesarios para a provincia. Ademais tendo en conta que Lugo é unha das provincias máis avellentadas, non só de Galicia, senón tamén de España, a dotación destes servizos aínda é máis necesaria se cabe.

Anímovos a tódolos veciños e veciñas de Lugo a que asistades á manifestación que se celebrará o 6 de xuño ás 20:30 horas con saída diante da Delegación de Sanidade na rúa Montevideo.

27/05/13

En defensa do IES As Mercedes


A Dirección Xeral de Formación Profesional, a través do Consello da Xunta de Galicia, acordou a través dun Decreto, de forma unilateral, a conversión do IES As Mercedes en Centro Integrado de Formación Profesional, sen contar, segundo todos os indicios, con ningún informe que avale tal acordo e sen sequera dar razóns e explicación algunha sobre o mesmo.

Con esta medida, a zona sur da cidade de Lugo queda sen un só Instituto de Ensino Secundario público no que se oferten ESO e máis os Bacharelatos de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais que, ata agora, se ofertaban no IES As Mercedes, para incrementar a masificación doutros centros da cidade.

Dende AgrupaLugo apostamos pola continuidade de ESO e Bacharelato neste centro e, por iso, decidimos formar parte da Plataforma Cidadá en defensa do IES As Mercedes, na que estamos presentes todas as federacións veciñais de Lugo, a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Lugo e todas as ANPAs dos centros afectados.

Para esta Plataforma Cidadá a reivindicación da continuidade do IES As Mercedes é unha demanda imprescindible para esta zona sur da cidade de Lugo. E temos a seguridade que, se agora o cerran, non tardarán en ter que volver abrir. O compromiso desta plataforma veciñal é que non desistiremos, dende logo, ata que se produza a revogación ou conxelación de dito acordo e que se sigan mantendo no IES As Mercedes as ensinanzas de ESO e os bacharelatos ata agora ofertados.

O IES As Mercedes é un modelo de convivencia e integración de alumnos que estudan FP, ESO e BAC. O cambio que quere facer á Xunta de Galicia neste centro público prexudica ao conxunto da cidade e do ensino. Por iso, recoméndovos que participedes na manifestación en defensa do IES As Mercedes o próximo xoves 30 de maio ás 19:30 horas diante deste instituto.

20/05/13

Congreso #INLUGO


A Deputación de Lugo presentou o I Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais InLugo, un encontro que reunirá a elite de Internet na capital lucense os días 7 e 8 de xuño, situando á provincia luguesa á vangarda en materia de coñecemento e formación no ámbito dixital. Máis de 30 recoñecidos profesionais en España, de sectores como o xornalismo, turismo, tecnoloxía, emprego, marketing online ou acción social, cuxos blogs e redes sociais contan con miles de seguidores, compartirán nesta cita o seu coñecemento a través de varias ponencias e debates, nos que abordarán os cambios nos hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade.

Tamén haberá espazo para a innovación e o emprendemento, coa presentación de proxectos nos que se empregan as redes sociais como medio de expresión e negocio, ou cunha mesa redonda na que se abordará como a Rede pode impulsar empresas ou produtos. Como colofón, este pioneiro encontro acollerá a entrega dos Premios INLUGO, cos que a Deputación recoñecerá o labor que están a realizar empresas lucenses no ámbito dixital.

Xa se adiantou o nome dalgúns dos expertos nacionais que se darán cita en Lugo o 7 e 8 de xuño. Entre eles atópanse: Mario Tascón, especialista en medios dixitais e redes sociais, así como ex director de elmundo.es e elpais.com; Sebastián Muriel, responsable de expansión internacional de Tuenti e ex director de Red.es (organismo estatal encargado do fomento de Internet e novas tecnoloxías); Óscar Reboiras, licenciado en periodismo e responsable do departamento de comunicación do operador galego de telecomunicacións R; Francisco Polo, un dos puntais do activismo na Rede, fundador de Actuable e director de comunicación de Change.org; Javier Pedreira (más coñecido como Wicho) fundador e autor de Microsiervos, o blog español máis popular da historia, ou Alfonso Alcántara (Yoriento), especialista en persoal branding, motivación e emprego 2.0.

Trátase dun encontro totalmente gratuito e para todos os públicos, cun primeiro aforo limitado de 160 persoas, que é a capacidade do Salón de Actos do Pazo Provincial, e un segundo aforo doutras tantas que o seguirá en directo dende o Salón de Pleno da Deputación. Por este motivo, é necesario a previa inscrición neste congreso. Para a participación, respectarase rigorosamente a orde de entrada das inscricións. Ademais, todos os interesados poderán seguir as actividades deste pioneiro Congreso a través de Internet grazas á colaboración dos profesionais da Fundación TIC, que se encargarán da súa emisión en streaming.

As persoas interesadas poderán formular a súa solicitude a partires deste martes, 21 de maio, na páxina web www.inlugo.com ou ben en www.deputacionlugo.org.