E antes de falarvos deste novo proxecto, quero aproveitar para agradecerlles aos compañeiros e compañeiras das entidades que facemos posible AGRUPALUGO, a confianza que depositaron en min para ser o Presidente desta Agrupación. Tamén lles quero agradecer a todos e todas a participación neste acto, no que contamos coa presenza da Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, e da Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, que viñeron en representación do Equipo de Goberno do Concello de Lugo.
Lamentablemente temos que falar dalgunhas ausencias, porque non quixeron asistir a este acto e non aceptaron a invitación que lles fixemos os representantes dos Grupos Municipais do PP e do BNG, que nin sequera tiveron deferencia de responder á invitación que lles fixemos dende a Agrupación. Pero non vou a ser eu o que entre a valorar este feito, que non atenta contra min, senón contra todas as entidades que formamos parte de AGRUPALUGO e que merecemos un respecto por parte de tódolos representantes da cidadanía.
Ademais o importante é que o acto nos axudou a coñecernos máis e a presentarnos ante a sociedade. A Agrupación integrámola as seguintes asociacións: Asociación Cultural, Xuvenil e Veciñal “O Castro” de Coeses; Asociacións de Veciños, Cultural e Deportiva “Castelo-Rato”; Asociación de Veciños “Río Miño” de Santiago de Meilán; e Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva de San Xoán de Tirimol.
Trátase dunha Agrupación sen ánimo de lucro, independente e plural, que traballará en beneficio das entidades que representa e da sociedade. A Agrupación respectará a propia autonomía de cada unha das asociacións que a integran nas decisións internas que adopten.
Os fins principais desta entidade serán dinamizar o traballo das entidades asociadas, o fomento do asociacionismo veciñal, a realización e promoción de actividades culturais e recreativas. Co que se pretende contribuír a unha concienciación social que fomente a participación cidadá.
Para levar a cabo estes fins a Agrupación defenderá os intereses das entidades que representa e prestaralles apoio, coordinación e colaboración. Tamén informará e asesorará de temas de interese as asociacións que a integran e programará diferentes actividades socio-culturais e deportivas, que sexan do seu interese e da sociedade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.