Ante as lamentables declaracións da Alcaldesa de Madrid, Ana Botella, en contra do rol das novas xeracións dos partidos, como militante das Xuventudes Socialistas de Galicia quero mostrar o máis profundo apoio ás organizacións xuvenís dos partidos políticos, así como a todo tipo de asociación xuvenil que traballa en construír unha sociedade máis participativa e democrática.
Deste xeito vemos como os gobernos do PP están atacando a democracia e a liberdade de expresión, porque non admiten criticas aos recortes que están realizando no Estado do Benestar. E nestes momentos difíciles que estamos a vivir é cando temos que defender, aínda con máis intensidade, o Estado do Benestar e opoñernos a calquera tipo de recortes en dereitos adquiridos pola cidadanía e que tanto nos constaron conseguir a todos e todas, como son os dereitos en educación, sanidade e servizos sociais. Por iso, debemos esixir que non recorten a voz da xuventude.
O labor da xuventude nos partidos é esencial para a rexeneración democrática destes, así como para facilitar a participación xuvenil na vida política e fortalecer a democracia. As organizacións xuvenís dos partidos políticos teñen unha gran función non só dentro dos partidos, senón tamén como escolas de cidadanía para unha gran cantidade de mozos e mozas.
O artigo 48 da Constitución Española establece que: "Os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural". Un labor no que a xuventude temos que ter un rol activo e constante, xerando espazos propios para o debate e a participación.
Nestes tempos de crise e desprestixio das nosas institucións públicas, temos que reforzar aínda máis se cabe o papel dos mozos e mozas que altruistamente queren implicarse na construción da sociedade, aumentando o seu papel nos partidos políticos, nas asociacións xuvenís, nos consellos da xuventude, nas iniciativas cidadás, etc. En definitiva, débese reforzar a implicación da xuventude para afianzar así a nosa democracia.
Se só escoitas queixas ao teu arredor pero ninguén actúa, se cres que outro mundo é posible, se cres que podes achegar algo á sociedade, entón é hora de empezar a actuar. A través deste vídeo que comparto e da campaña realizada polo Consello da Xuventude de España podes descubrir diferentes formas de participar e implicarte na sociedade.
Que non recorten a túa voz. Non te botes atrás, hai multitude de opcións segundo os teus intereses e o teu tempo dispoñible. Anímate... Asóciate e actúa!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.