10/04/08

Lingua de amor


Lingua de Amor é o concurso de declaracións de amor en galego a través do correo electrónico que por segundo ano organiza o Consello da Xuventude de Galicia a través do seu Servizo de Normalización Lingüística. Un dos principais obxectivos é dinamizar o uso da lingua galega por parte dos mozos e mozas nos novos espazos de comunicación: correos electrónicos, chats, foros...

E con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e do Día Internacional da Internet, o CXG presenta este concurso que interrelaciona as novas tecnoloxías e a lingua galega. Unha iniciativa que trata de normalizar o uso da lingua entre a mocidade, e qué mellor xeito de facelo que conmemorando o Día das Letras Galegas a través de declaracións de amor.

Así que anímovos a que participedes nesta segunda edición de Lingua de Amor.

08/04/08

Eleccións na Universidade de Santiago

A Universidade de Santiago de Compostela ven de convocar o pasado 28 de febreiro as eleccións para a renovación dos representantes no Claustro Universitario e dos representantes nos consellos de departamentos que se celebrarán o 24 de abril. E hoxe publicouse na web da USC a Relación provisional de candidaturas ás eleccións parciais ao Claustro Universitario, ás cales me presento como candidato polo sector de estudantes de 1º e 2º ciclo na circunscrición da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais pola agrupación electoral de IESGA (Iniciativa Estudantil Galega).

Eu entendo que a participación do alumnado na vida orgánica das universidades é un factor moi importante que axuda ao correcto funcionamento das mesmas. A representatividade dos estudantes nos órganos de goberno das universidades é un elemento democrático, que contribúe a achegar a nosa voz como estudantes a estes órganos, nos que se toman decisións importantes para toda a comunidade universitaria.

E dende esta responsabilidade e seguindo os meus principios e ideais preséntome como candidato na miña facultade por IESGA, que é a asociación de estudantes coa que estou colaborando. IESGA é un colectivo estudantil plural de orientación progresista interesado nas políticas educativas, na acción cultural innovadora e no desenvolvemento sustentable. E en cada centro goza de autonomía para desenvolver actividades, deste xeito estamos máis preto das necesidades reais dos e das estudantes.

Durante os próximos días seguireivos informando destas eleccións e quedo á vosa disposición para as consultas ou opinións que queirades realizarme.

24/03/08

Respectar as ideas dos demais

Despois de que pasaran estas eleccións xerais e de que manifestara no meu blog a miña preferencia política, houbo moitas persoas que libremente opinaron. Aínda que, como ben me indicaron algunhas persoas que falaron comigo, algún comentario era case un ataque as miñas ideas. Aínda que quen utiliza o ataque continuamente o que fai é que invalida o resto do seu discurso. Ademais eu non me teño que esconder de ninguén e son libre de expresar as miñas preferencias políticas no meu blog. E, xustamente, o que máis me agrada de ter un blog é poder compartir o que pensamos e que nos poidan deixar os nosos lectores a súa opinión. Así que eu non lle teño medo aos comentarios das persoas que visitan o meu blog. Por todo isto quixen ter un blog, un espazo para poder compartir e escoitar a opinión dos demais. Unha fiestra aberta a todos e todas na que poidamos opinar e, por suposto, opinar libremente.

Polo que respecto tódalas opinións, xa sexan a favor ou en contra da miña posición. Ademais eu, que defendo firmemente a democracia e a liberdade de expresión como un principio básico da mesma, creo que todos e todas podemos opinar. E neste sentido o filósofo francés Voltaire dicía: “Non comparto as túas ideas, pero daría a miña vida para que poidas expresalas”. Ademais estou convencido de que ninguén ten a verdade absoluta, polo que eu teño en conta tódalas opinións. Así que tamén debemos de aceptar as críticas que nos fagan. Pero, como todos sabemos e así se reflexa nos comentarios que me deixan no meu blog, hai críticas construtivas e críticas destrutivas. E eu sempre lle dou importancia ao que realmente a ten, é dicir, doulle importancia aos comentarios que me axudan a mellorar. Así que as críticas destrutivas non lles presto atención, porque están feitas desde o ataque e non desde a reflexión e o espírito construtivo.

E en conclusión, o que podo dicir é que non merecen a miña atención aquelas persoas que non me respectan e que non respectan as miñas ideas. Porque aínda que parece que hai quen non o entende, pero estamos nunha democracia e somos libres para manifestar as nosas ideas. Así que agradezo os comentarios que se me deixan no meu blog, porque ademais é un dos fins principais que creo que debe de ter un blog, onde poidamos expresarnos libremente, pero sempre sen atentar contra a dignidade das persoas. Porque cando se chegue a pasar este límite entón non me quedará máis remedio que eliminar eses comentarios. Algo que agardo que non chegue a pasar e que manteñamos sempre este mutuo respecto.

13/03/08

Un Presidente para todos e todas

Intervención de José Luís Rodríguez Zapatero celebrando a vitoria electoral: "Hace 4 años, me dijisteis aquí mismo que no os fallara. No lo he olvidado un solo día y me he esforzado por estar a la altura de vuestra exigencia. He sentido vuestro apoyo en todos momento, aún más durante esta campaña, y en especial en esta jornada. Habéis trabajado duro. Hemos trabajado duro. Ha merecido la pena. [...] Los españoles han hablado con claridad y han decido abrir una nueva etapa. Una nueva etapa sin crispación, una etapa que excluya la confrontación, una etapa que busque el acuerdo en los asuntos de Estado".

05/03/08

O domingo vota con todas as túas forzas

Quero animar a todos e todas a ir a votar o próximo 9 de marzo e a que votemos con todas as nosas forzas. Porque temos que decidir entre os que crispan e manipulan a verdade, ou o progreso e o futuro. Porque non é o mesmo que goberne Rajoy, ou que goberne Zapatero e, deste xeito, o noso futuro está en xogo.

03/03/08

Un momento moi especial para min


Onte o PSdeG-PSOE celebrou un acto electoral na miña parroquia, no Local Social de Tirimol. No acto interviñeron José López Orozco, Alcalde de Lugo; Carmen Basadre, Concelleira de Muller, Servizos Sociais e Xuventude; e Francisco Fernández Liñares, Concelleiro de Urbanismo e Zona Rural. E tamén os acompañamos José Piñeiro, Concelleiro de Infraestruturas; Manuel Flores, Pedáneo de Tirimol; e eu, como militante de Xuventudes Socialistas. Con este acto quixemos achegarlles aos veciños e veciñas de Tirimol as propostas do noso partido para as próximas eleccións xerais e pedirlles a súa confianza.

E quero darlles as grazas a tódolos veciños e veciñas que asistiron a este acto. E especialmente quero agradecerlles a José López Orozco, Carmen Basadre, Francisco Fernández Liñares e José Piñeiro a súa visita. Tamén lles quero agradecer aos meus compañeiros de Xuventudes Socialistas, Shirley, Suso e Anita, que me acompañaran neste momento. Moitas grazas compañeiros. Grazas a todos e todas, porque fixestes posible que este momento fora moi especial para min. Entre outras cousas, porque nos visitou un dos políticos aos que máis admiro e que para min é o mellor Alcalde para Lugo. Sen lugar a dúbidas, este foi un dos momentos máis emocionantes para min nesta campaña electoral.