Máis aló dos continuos e innumerables desprezos e indiferencia da Xunta de Feijóo con toda a provincia de Lugo, a cidade é, sen dúbida, a capital de provincia máis maltratada polo Goberno galego do PP, con infraestruturas abandoadas, promesas incumpridas e falta de apoio en servizos que deben ser básicos. Sen afondar nas cifras xa coñecidas do paro, a eliminación de servizos sociais e as consecuencias das medidas e recortes contra os que máis o necesitan, estas son algunhas das promesas incumpridas no referido ás infraestruturas.
1. HOSPITAL DE LUGO: A Xunta non cumpriu co seu compromiso de dotar o Hospital de Lugo de servizos básicos como a radioterapia ou a hemodinámica (infartos). Non hai dereito a que unha persoa con cancro teña que viaxar ata a Coruña para ser atendido de madrugada en condicións penosas.
2. ESCOLAS: A Xunta negouse a facer unha nova escola no centro, a pesar das queixas dos pais e da saturación do Quiroga Ballesteros. A aportación da Xunta ás escolas infantís é ridícula, a futura escola vaina construír a Fundación Paideia nun solar que cederá o Concello.
3. NOVO AUDITORIO: Lugo é A ÚNICA das grandes cidades de Galicia que non conta cun auditorio digno, xa que a Xunta mantén as obras bloqueadas, iso si, con grúas para que pareza que avanza.
4. MUSEO DA ROMANIZACIÓN NO CUARTEL DE SAN FERNANDO: un BIC totalmente abandoado, en ruínas e valado porque caen trozos á rúa.
5. MURALLA DE LUGO: Patrimonio da Humanidade e potencial turístico, cuxo estado de abandono chega ata tal punto que mesmo o Alcalde tivo que ameazar coa creación de patrullas cidadáns que se encargaran de facer o que a Xunta non fai. Outro exemplo do estado de abandono é a falla de iluminación no adarve, debido a que as máis de 300 luminarias que levan máis de dous anos rotas e sen que a Xunta se moleste en substituílas, o que impide camiñar pola Muralla tras a posta do sol.
6. RONDA LESTE: Paralizada a vía que comunica o hospital máis importante da provincia coa cidade.
7. PLAN PARADAI: Total incumprimento do convenio asinado. A Xunta ten paralizadas as fases que lle corresponden.
O 21 de outubro nas eleccións ao Parlamento de Galicia temos que dicirlle a Feijóo que non esquecemos os continuos incumprimentos e desprezos do seu goberno coa cidade de Lugo.