12/07/09

Chegou o momento do retroceso


O PP utilizou o lema "Chegou o momento" na pasada campaña das eleccións galegas. E agora podemos ver que o que chegou a Galicia é o momento do retroceso. Un dos exemplos máis palpables ocorre no sistema de gratuidade dos libros de texto, onde se produce un retroceso sen precedentes. Pero pode converterse no precedente doutros retrocesos, porque o transporte escolar non distingue rendas, nin as axudas aos comedores escolares.

Pasamos de ser a comunidade autónoma co mellor sistema de gratuidade, a ser a comunidade na que menos se subvencionan os libros de texto e somos unhas das comunidades coas rendas medias máis baixas de España.

Neste sentido maniféstase a Plataforma da Comunidade Educativa Galega pola Gratuidade dos Libros de Texto, que na súa web e no seu blog ten máis información sobre este tema e unha petición que comparto e que di o seguinte:

Petición polo mantemento da gratuidade dos libros de texto:

Os pais e nais do alumnado do ensino obrigatorio público e concertado galego, xunto co resto da comunidade educativa, ante as declaracións do Sr. Conselleiro de Educación manifestando a intención da súa Consellería de modificar o sistema actual de gratuidade dos libros de texto

Manifestamos que:
  • A gratuidade do ensino é un dereito consagrado na lexislación vixente.
  • A gratuidade dos libros de texto é unha conquista social de todos os galegos.
  • A intención do goberno galego de reducir gastos educativos, argumentada na crise económica, non debe afectar á gratuidade dos libros de texto, condición necesaria para acceder á igualdade de oportunidades na educación.
  • Dende hai 3 anos, todo o alumnado do ensino obrigatorio, en condicións de igualdade, recibe en préstamo os libros de texto que vai necesitar ao longo do curso escolar. Unha vez rematado o curso, os nenos devolven os libros, que serán usados ao ano seguinte por outros alumnos. Pasados 4 anos, os libros son renovados.
  • Todo isto significa que durante catro anos a administración non realiza novos investimentos, polo que, ao noso modo de ver o cambio do sistema de préstamo ao de libros en propiedade ten como único obxectivo o beneficio das editoriais, non entendendo o pretendido aforro económico.
  • O sistema de préstamo supón a implicación dos alumnos no coidado dos libros, fomenta a solidariedade e o respecto aos bens públicos, e da paso adiante na defensa do noso patrimonio ecolóxico.
  • Por outra banda, non entendemos as formas da Consellería de Educación, que pretende impoñer unha política de factos consumados durante a época estival, prexudicando directamente ás familias.
En consecuencia, esiximos á Consellería que manteña o sistema de gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio que se implantou en Galicia no curso 2003/04, negándonos rotundamente a mercar os libros de texto para o novo curso escolar se non temos garantías de que a gratuidade é universal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.