30/04/09

A Pensión

Cando empeza o curso Sara aluga unha habitación a un estudante. Pero esta non é unha pensión calquera, ten unhas normas moi estrictas que hai que cumprir...

A Pensión é unha obra de Redrum Teatro, que é unha nova compañía creada por mozos procedentes de diversos campos do sector audiovisual e que nace coa clara intención de ofrecer alternativas creativas que axuden ao desenvolvemento da industria teatral galega. A obra está dirixida por Alex Sampayo e conta coa actuación dos actores Guillermo Carbajo, Rosa Álvarez e Tamara Canosa.

E se queredes saber como continua esta historia, anímovos a que vaiades ao Teatro Principal de Santiago a ver esta obra teatral. Eu fun onte a vela e gustoume moito, entre outras cousas porque actúa unha das mellores actrices galegas, a compañeira Tamara Canosa, á que quero desexarlle moita sorte con esta obra.

27/04/09

Acto de licenciatura


Este sábado ás 18:00 horas tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC o acto de licenciatura dos compañeiros e compañeiras que formamos parte da 14ª promoción, que cursamos a Licenciatura en Ciencias Políticas e da Administración entre os anos 2004 e 2009. O acto foi presidido polo Director do Departamento de Ciencia Política e da Administración, o Prof. Xosé Luís Barreiro Rivas e polo noso padriño, o Prof. Ramón Bouzas Lorenzo, que foron os encargados de entregarnos os diplomas. Despois tivemos unha cea no Hotel Puerta del Camino para continuar a celebración.


Esta foi unha xornada festiva e de reflexión sobre o futuro que nos espera unha vez que rematemos e sexamos licenciados e licenciadas e sobre o noso papel na sociedade. Dende aquí felicito a todos os meus compañeiros e compañeiras de promoción, que a maioría estamos a piques de licenciarnos. Así que xa nos queda menos para que sexamos politólogos e poidamos axudar á nosa sociedade.

14/04/09

78º Aniversario da II República

Manifesto das Xuventudes Socialistas de Galicia conmemorativo do 78º Aniversario da II República:

Fai 78 anos materializáronse as esperanzas de millóns de demócratas que xamais puideran saberse donos e señores dos seus designios políticos cando o 14 de abril de 1931 España di si ó progreso e a democracia coa proclamación da II República.

A vitoria dos republicanos nas eleccións municipais celebradas dous días antes, fai comprender a Alfonso XIII que o pobo xa non quere ser reinado, abocándoo o exilio e permitindo que a II República Española se presentara como unha realidade allea a toda imposición violenta. A Comunidade Internacional admirou a lección de civismo dos/as españois, que lograban instaurar a democracia co exercicio do voto.

Dende ese momento e ata o estoupido da Guerra Civil xa non houbo pobo deste ou doutro rei, senón cidadáns. Xa non houbo máis príncipes nin princesas e si un único soberano: o pobo.

O aniversario da II República é o anual recordatorio dos nosos inescusables referentes ideolóxicos, a clave de bóveda que soporta a construción histórica do noso ideario político.

As nosas reivindicacións nunca se escoitaron tan alto como na cita electoral do ano 36. Os que coa súa dedicación comezaron o camiño da transformación dunha España obsoleta e case estamental son e serán sempre os nosos referentes más enérxicos, o paradigma da entrega e a loita pola igualdade.

A nosa organización é a testemuña de que os valores que sustentaron esta etapa preclara da nosa historia seguen latentes na sociedade. A xustiza, a liberdade, a igualdade, a fraternidade entre os pobos... son principios que impregnan o ideario político dos e das cidadáns de esquerdas, e pretender desvincular a consecución material dos mesmos do ínterim 1931-1936 é desnaturalizar as nosas reivindicacións.

No ano 1931 emprendéronse reformas que puideron converter a España en referente do progreso mundial se a vontade dos e das cidadáns nas eleccións do ano 36 non fose secuestrada e enreixada durante case corenta anos. Pero as XSG sabemos que a sociedade xa non está cega, xorda e muda, sabemos que defender os valores que sustentaron as reformas emprendidas por Azaña é defender a igualdade entre homes e mulleres, a separación entre Igrexa e Estado, a solidariedade e a pluralidade.

Por todo isto enaltecemos este acontecemento histórico como o temperán produto da dignidade democrática dos e das cidadáns, como o resultado da necesidade de progreso e xustiza.

Xuventudes Socialistas de Galicia entende que a igualdade debe facerse extensiva ata reflectirse sobre a máis alta representación do Estado, pois o noso espírito bebe dos ideais que espertaron do seu letargo ós cidadáns españois que ese 12 de abril acudiron en masa (cunha participación do 70%) a decidir sobre o seu presente, a decidir República.

Como xóvenes albergamos a esperanza de amencer nun futuro realmente xusto, no que non caiba ningunha discriminación, e igual que o 12 de abril de 1931 acudiremos ás furnas alá onde a solidariedade, a igualdade, a xustiza e o progreso precisen de nós.

Saúde e república!


Romance do 16 de febreiro. Anónimo.

Foi no ano trinta e nove,
foi no primeiro de abril,
cando a barbarie franquista
entrou ladrando en Madrid.

Ladrando contra as bandeiras
do dezaseis de febreiro
e ouveando polas calles
os seus instintos máis negros;

burlándose da República
e, con fero fanatismo,
pregoando que xa nunca
habería Socialismo.

Pero na España de Franco,

sempre ó fascismo proclive,
aínda hai xentes entre os nosos
que, pese os tempos terribles,
non perden as esperanzas,
e hai unha voz que lles di:
"Sodes soldados vencidos
dun Exército invencible"

06/04/09

30 anos de democracia municipal

- O caciquismo nácelle aos pobos como che nace a ti a barba. Aféitate, home, aféitate! (Viñeta de Castelao recollida en "Cousas da Vida")

Os concellos están estes días de celebración, cando se cumpren 30 anos dende as primeiras eleccións municipais democráticas. E esta é unha boa ocasión para tratar un mal da política, como é o caciquismo. Especialmente tendo en conta que os concellos son a administración que está máis próxima á cidadanía e aos seus problemas. E cando hai un contacto político tan directo cos veciños, o problema do caciquismo é maior.

Durante estes anos desgraciadamente estivo moi presente o caciquismo. O que foi un ataque directo á democracia municipal e ao proceso ilusionante de construción das nosas cidades e concellos. Aínda que é certo que cada vez, a medida que avanzamos no tempo e se consolida máis a democracia municipal, o caciquismo vai en descenso grazas ao traballo de moitas persoas que cremos na democracia municipal.

Non debemos esquecer nunca que a Política é e debe ser un servizo público, tal e como a entendemos moitos cidadáns. Os servizos públicos son un dereito que temos os cidadáns e nunca deben repartirse por "amiguismo" ou converterse nunha débeda de favores. E isto é algo que debemos ter ben claro tamén cando falamos da Política municipal.

Canta razón tiña Castelao nesta viñeta de "Cousas da vida", cando nos dicía isto do caciquismo. O que temos que facer é seguir traballando para eliminar este mal, criticando e evitando os comportamentos caciquís na Política, especialmente na municipal. Así que "afeitemos" o caciquismo e sigamos traballando con ilusión e con ganas polos nosos concellos e en beneficio de toda a cidadanía.

Dende aquí mándolle as miñas felicitacións aos concellos e a todas as persoas que fixeron e facemos posible a democracia municipal!