27/03/13

Exemplos de boa xestión económica


Esta semana coñecemos varios datos que reflicten a boa xestión económica que están a realizar os gobernos da Deputación Provincial e do Concello de Lugo. Isto permite que o Goberno local e o provincial están aplicando recortes á débeda, pero non ás políticas sociais, como fan os Gobernos de Rajoy e Feijóo. O que demostra que hai outra maneira de gobernar e de xestionar o diñeiro das administracións públicas.

O Concello de Lugo acabou o exercicio de 2012 con máis de 13,5 millóns de euros de superávit e dispón dun remanente de tesourería de 21,5 millóns. Deste xeito o Concello cumpriu así o Plan de estabilidade e non ten que facer ningún axuste xa que, de novo, acabou o ano con saldo favorable, nun momento no que moitas administracións teñen dificultades económicas. Estas cifras veñen demostrar como se xestionan os cartos nesta administración e tamén son proba de que se fixo un presuposto ben deseñado, axustado á realidade de ingresos e gastos do Concello e desmenten as acusacións de que estaba inflado.

O resultado orzamentario de 2012 foi de 13.508.525 euros de superávit. Este saldo positivo é o resultado duns dereitos recoñecidos que ascenderon a 84.997.000 euros e unhas obrigas por importe de 78.105.000 euros. Este superávit nas contas municipais de 2012 supón que o Concello de Lugo dispoña dun remanente de tesourería por importe de 21.580.000 euros. A liquidación orzamentaria de 2012 foi presentada na Comisión especial de Contas do Concello como paso previo á súa aprobación na sesión plenaria que vai celebrar o vindeiro luns a Corporación municipal

Mentres o Pleno provincial aprobou este martes unha nova redución da débeda financeira da Deputación de Lugo por valor de 3,5 millóns de euros, que se suman aos 10 que xa estaban previstos no Orzamento de 2013. Deste xeito, con estes 13,5 millóns, conseguiuse situar o endebedamento da Deputación ao finalizar este 2013 nos 37,5 millóns de euros e, dende que entrou este Goberno provincial, hai 6 anos, rebaixouno en 52,2 millóns de euros, o que supón un 60%. Todo isto grazas a unha boa xestión, responsable e eficaz, na que combinou políticas de crecemento, que potencian o emprego e o benestar, con outras de contención do gasto.

Neste 2013 a Deputación de Lugo non ten que solicitar ningunha operación de crédito, polo que, por segundo ano consecutivo, conseguiuse endebedamento financeiro cero. En canto á execución orzamentaria do 2012, os informes de liquidación determinan que acadouse un 80%, un nivel moi satisfactorio, que supera en 10 puntos ó rexistrado na Deputación da Coruña, a única galega que, xunto á de Lugo, fixo público por agora o seu informe de liquidación do pasado ano.

18/03/13

A Hora do Planeta



O sábado 23 de marzo ás 20:30 horas cidadáns, institucións e empresas de todo o mundo apagaremos as luces durante unha hora, participando así na celebración do evento A Hora do Planeta organizado por WWF, transcendendo todas as barreiras de relixión, cultura, sociedade, xeración e localización xeográfica nunha celebración global polo Planeta.

No que posiblemente será a maior chamada á acción para loitar contra o cambio climático, a Hora do Planeta 2013 conseguirá que centos de millóns de persoas de pobos e cidades dos seis continentes apaguen a luz durante unha hora. Esta iniciativa pretende alcanzar o compromiso dun cambio global en beneficio do medio.

Ao animar a cidadáns, empresas e gobernos a comprometerse e actuar en favor da sostibilidade e demostrando tal compromiso ao apagar as luces durante unha hora concreta, a Hora do Planeta estará a lanzar unha poderosa mensaxe de esperanza do que podemos lograr se actuamos xuntos. Isto inspirará outros para que se unan ao obxectivo final de conseguir un mundo máis san.

A Hora do Planeta empezou nunha soa cidade dun país o 31 de marzo de 2007, cando 2,2 millóns de persoas de Sidney, Australia, apagaron as súas luces durante unha hora para reclamar accións contra o cambio climático. Un ano despois, 370 cidades de máis de 35 países converteron esta iniciativa nun movemento global pola sostibilidade, conseguindo que entre 50 e 100 millóns de persoas apagasen as luces na Hora do Planeta 2008. Edificios emblemáticos como a ponte Golden Gate, o Coliseo de Roma, Times Square ou o Cristo Redentor de Río de Janeiro uníronse a este chamamento de acción polo clima escurecéndose durante unha hora.

En Lugo o Concello e a Deputación sumáronse un ano máis a esta campaña, como unha mostra máis do seu compromiso coa loita contra o cambio climático e pola defensa do medio ambiente. Deste xeito a Muralla e o Pazo de San Marcos apagarán as súas luces exteriores para tomar conciencia do problema do cambio climático e coñecer a importancia da participación de todos e todas na defensa do medio ambiente.

E dende o meu blog quero aproveitar para animarvos a que vos sumedes a esta iniciativa e durante unha hora apaguemos as luces, deste xeito estaremos actuando contra o cambio climático.

08/03/13

Día Internacional das Mulleres


Hoxe conmemóramos o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Así que de xeito especial neste día quero recoñecer a gran importancia das mulleres na nosa sociedade. Porque a plena participación da muller na vida política, civil, económica, social e cultural en condicións de igualdade e a erradicación de todas as formas de discriminación por razóns de sexo teñen que ser sempre obxectivos prioritarios de toda a sociedade.

Desgraciadamente na actualidade as reformas e decisións tomadas a cabo polo Partido Popular agravan día tras día a situación familiar e laboral das mulleres, as grandes prexudicadas por estas políticas inxustificadas. Por iso é inadmisible este ataque directo aos dereitos da muller que está a levar a cabo o Goberno, poñendo a crise como escusa

Deste xeito súmome ás reivindicacións desta data e estou convencido de que este 8 de marzo, temos que celebrar todo o que queda por conseguir e que non queremos retroceder, porque froito do esforzo colectivo das mulleres do pasado e do presente, conseguíronse grandes avances, pero debemos ser conscientes de que aínda queda un longo camiño por percorrer. Temos que seguir dándolles todo o noso apoio na loita e defensa do feminismo, da Igualdade e dos dereitos das mulleres.

Xuntos temos que seguir traballando para conseguir a Igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos. Para que isto sexa unha realidade hai que seguir traballando no camiño da Igualdade, algo ao que sen dúbida entre todos e todas chegaremos. Porque levamos moitos anos reivindicando a Igualdade e avanzando moito, pero este 8 de marzo celebramos todo o que queda por conseguir e que non queremos retroceder nin un só paso atrás.

Hoxe e os 365 días do ano loitemos todos e todas pola Igualdade! Feliz Día das Mulleres!

01/03/13

Orzamentos participativos na Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que o organismo lucense dará voz á cidadanía para elaborar uns orzamentos participativos. Deste xeito, converterase na primeira institución provincial de Galicia e a terceira de toda España en implantar este mecanismo, co que mellorará a calidade democrática e transparencia da súa xestión.

A Deputación está traballando xa para que este novo instrumento de participación cidadá se aplique nos próximos Orzamentos, os de 2014. Forxará unha relación de dobre dirección con todos lucenses: por un lado, coñecer de primeira man as súas necesidades e facelos partícipes da xestión provincial, dándolles voz á hora de definir os orzamentos: a folla de ruta dunha administración, en que establece as súas prioridades e obxectivos; e, por outro, explicándolles para que serve esta institución, que proxectos desenvolve e a que destina os seus fondos.

Ademais de encontros de traballo, outro dos mecanismos que utilizará a Deputación para recibir as propostas da cidadanía serán os medios tecnolóxicos. Un dos recursos que usará será a súa páxina web: www.deputacionlugo.org, que, deste xeito, gaña cada vez máis importancia e é cada vez máis interactiva.

A Deputación de Lugo é a primeira galega e a terceira de España, despois de Málaga e Barcelona, que pon en marcha os orzamentos participativos. En España, esta experiencia está bastante estendida en Andalucía, Cataluña e País Vasco, pero na zona do noroeste do país apenas existen un par de experiencias. No conxunto de España hai medio cento de municipios que teñen orzamentos participativos.

Con este instrumento de participación, o Goberno provincial dá un paso máis no obxectivo que se marcou José Ramón Gómez Besteiro como Presidente da Deputación de Lugo: abrir a todos os veciños e veciñas da provincia esta institución, modernizala, e ser eficaces e transparentes.