01/03/13

Orzamentos participativos na Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que o organismo lucense dará voz á cidadanía para elaborar uns orzamentos participativos. Deste xeito, converterase na primeira institución provincial de Galicia e a terceira de toda España en implantar este mecanismo, co que mellorará a calidade democrática e transparencia da súa xestión.

A Deputación está traballando xa para que este novo instrumento de participación cidadá se aplique nos próximos Orzamentos, os de 2014. Forxará unha relación de dobre dirección con todos lucenses: por un lado, coñecer de primeira man as súas necesidades e facelos partícipes da xestión provincial, dándolles voz á hora de definir os orzamentos: a folla de ruta dunha administración, en que establece as súas prioridades e obxectivos; e, por outro, explicándolles para que serve esta institución, que proxectos desenvolve e a que destina os seus fondos.

Ademais de encontros de traballo, outro dos mecanismos que utilizará a Deputación para recibir as propostas da cidadanía serán os medios tecnolóxicos. Un dos recursos que usará será a súa páxina web: www.deputacionlugo.org, que, deste xeito, gaña cada vez máis importancia e é cada vez máis interactiva.

A Deputación de Lugo é a primeira galega e a terceira de España, despois de Málaga e Barcelona, que pon en marcha os orzamentos participativos. En España, esta experiencia está bastante estendida en Andalucía, Cataluña e País Vasco, pero na zona do noroeste do país apenas existen un par de experiencias. No conxunto de España hai medio cento de municipios que teñen orzamentos participativos.

Con este instrumento de participación, o Goberno provincial dá un paso máis no obxectivo que se marcou José Ramón Gómez Besteiro como Presidente da Deputación de Lugo: abrir a todos os veciños e veciñas da provincia esta institución, modernizala, e ser eficaces e transparentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.