25/11/08

O día 25 de novembro



O 25 de novembro é o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero e o Día das persoas "sen teito". Son dúas conmemoracións que nos deberían de invitar a todos e todas á reflexión. Eu penso que ante todo hai que ter en conta de que en ámbolos dous casos, mulleres maltratadas e persoas sen teito, estamos a falar de seres humanos que teñen dereito a unha vida digna, como calquera outra persoa.

No caso das mulleres maltratadas temos que darlles todo o noso apoio e loitar para que estes asasinatos rematen, para que os covardes dos seus maltratadores deixen vivir a estas mulleres. E ademais disto hai que seguir traballando para conseguir a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos.

E en canto as persoas sen teito, tamén teñen o mesmo dereito que calquera outra persoa a ter garantidas as súa necesidades básicas, como son comer, un teito, etc. Pero ademais disto, tamén precisan do noso cariño e afecto, como calquera outro ser humano, xa que é unha necesidade vital máis das persoas.

En definitiva, tódalas persoas teñen dereito a unha vida digna: sen malos tratos, a unha igualdade de oportunidades e cunha atención das súa necesidades vitais.

18/11/08

A pegada ecolóxica

Poño esta viñeta que me pareceu moi interesante e porque trata dun tema que eu estou a ver moi detalladamente, ao ser o Bolseiro de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela asistín o mes pasado ao seminario "A pegada ecolóxica" e este xoves temos o seminario "A débeda ecolóxica", organizados polo Plan de Desenvolvemento Sostible da USC. Onde vemos que o concepto de ‘pegada ecolóxica’ representa os custes ecolóxicos dun determinado modelo de vida.

En total, celebraranse un total de catro seminarios en cada campus que, ademais de analizar a pegada ecolóxica, servirán para abordar os hábitos de consumo e alimentación, o transporte e a mobilidade ou a débeda ecolóxica. Ao remate das sesións formativas, os bolseiros organizaremos unha actividade para transmitir dun xeito ameno e práctico algúns dos conceptos teóricos aprendidos ao longo dos seminarios.

10/11/08

Lugo terá orzamentos no 2009

Esta tarde o Pleno do Concello de Lugo outorgou a súa confianza ao equipo de goberno municipal, que dirixe José López Orozco. E deste xeito apróbanse os orzamentos municipais para o ano 2009. Foi posible grazas ao apoio do Grupo Municipal Socialista e a abstención do Grupo Municipal do BNG. E deste xeito os orzamentos entrarán en vigor o 1 de xaneiro do 2009.

Esta foi unha nova positiva para o concello de Lugo. Trátase duns orzamentos que apostan decididamente polo gasto social, o fomento do emprego, a auga de calidade e a continuidade da obra pública, que é tan necesaria neste momento. O Alcalde presentou esta cuestión de confianza para evitar que a cidade de Lugo se quedase sen orzamentos novos nun ano tan difícil economicamente como o que se aproxima debido á crise.

Esta situación puxo de manifesto que mentres o equipo de goberno de Lugo tivo aberto un proceso de diálogo no que se pediu a participación de todos os grupos políticos, o PP non quixo facer ningunha proposta e o BNG decidiu rectificar hoxe e absterse na votación. Así que quedou claro quen traballa por Lugo actuando con responsabilidade e quen non presentou nin unha soa proposta e xustifícano dicindo que en 25 días non foron capaces de facer nada.

07/11/08

Teremos novo regulamento?

Na última reunión da Comisión encargada da elaboración do novo Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Lugo chegamos a importantes acordos entre as distintas partes. Deste xeito o texto do novo proxecto de Regulamento xa está listo para aprobar, aínda que non se logrou chegar a acordar un aspecto que tanto PP como BNG tachan de imprescindible para poder aprobalo en pleno, como é a elección democrática dos pedáneos.

Neste sentido a Lei 5/1997, do 22 de xuño, de Administración Local de Galicia (BOE núm. 237, do 3 de outubro de 1997) recolle no seu Artigo 158 o seguinte: “As entidades locais menores contarán cun alcalde pedáneo [...]. O alcalde pedáneo será elixido directamente polos veciños da correspondente entidade local menor, por sistema maioritario, mediante a presentación de candidatos polos distintos partidos, federacións, coalicións ou agrupacións de electores, coincidindo coas eleccións locais".

Tendo en conta que as 54 parroquias da zona rural do concello de Lugo non teñen a consideración de entidades locais menores, non existe a figura xurídica de alcalde pedáneo. E o que realmente existe nas parroquias rurais do concello de Lugo son representantes do alcalde en cada parroquia. E polo tanto correspóndelle ao alcalde de Lugo o seu nomeamento.

Polo tanto non ten ningún sentido que os dous partidos políticos da oposición, tanto o PP como o BNG, pidan a elección democrática dos pedáneos. E como veciño da zona rural cuestiónome por qué o PP, o BNG e a Federación de Asociacións de Veciños piden eleccións democráticas de pedáneos e cando gobernou o PP non facían o mesmo, xa que o PP non convocou eleccións de pedáneos e o BNG e a Federación non o demandaron daquela.

Pero especialmente despois de todo o traballo que levamos feito as distintas partes nesta Comisión, para poder ter un novo regulamento, eu poño en cuestión se todos estamos dispostos a chegar a un consenso polo ben de Lugo, ou se como se está vendo, hai quen non quere ceder e non quere que teñamos un novo regulamento e pon como escusa que os pedáneos sexan elixidos democraticamente.

04/11/08

Xa queda menos!

Xa queda menos para que moitas cousas cambien! E somos moitos os que estamos agardando que chegue este momento, que se producirá con Obama como Presidente dos EEUU... Yes, we can!

ACTUALIZACIÓN:
Hoxe, día 5 de novembro, o compañeiro Fran Martínez, publicou no xornal dixital Xornal.com o artigo “A lección americana”. Recoméndovos que vexades este interesante comentario do resultado das eleccións nos Estados Unidos.