30/09/08

Rematei as miñas prácticas

Hoxe rematei as miñas prácticas na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Lugo. E a miña valoración das prácticas é moi boa, porque profundicei especialmente no coñecemento das políticas da Unión Europea e dos proxectos que se cofinancian con fondos europeos. Podo tamén indicar que adquirín unha visión ampla da Administración Local e das súas funcións. Algo que me proporcionou a realización da colaboración en preparación e xustificación de proxectos en emprego, planificación estratéxica e desenvolvemento local.

E teño que dicir que este último día das prácticas foi un momento triste e alegre á vez. Triste porque me tiña que despedir dos meus compañeiros, aínda que en canto poida volverei pola axencia para facerlles unha visita. E alegre porque puiden coñecer a uns excelentes profesionais, que día a día me axudaron con toda a súa boa predisposición e amabilidade a aprender moitas cousas, que me serán de moita utilidade. E desta maneira fixeron que durante este tempo me sentira como se estivese na miña casa.

Nunca esquecerei estes meses cos meus compañeiros, Isabel, Montse e Servando, que son os que están na axencia, e dos compañeiros e compañeiras que están no Centro de Empresas e Innovación (CEI-NODUS), no Centro de Orientación Laboral, na Escola Obradoiro “Escola Solidaria”, no Plan PILES e da Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, que é a responsable de todos estes servizos. A todos eles lles quero agradecer o ben que me trataron e que me fixeran sentir como un membro máis do equipo.

23/09/08

O estado do concello de Lugo

Onte celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Lugo o primeiro debate sobre o estado do concello. Na súa intervención o Alcalde destacou que "Lugo atópase nun momento espléndido de transformación e de modernización e vive un momento de cambio evidente, froito do traballo de moitos ao que non é alleo o Concello mediante as xestións e accións do Goberno Municipal que presido". E isto é algo evidente, aínda que por moito que o intente a oposición, a realidade de Lugo non se pode negar, porque a vemos tódolos días os cidadáns e ben sabemos que as verbas do Alcalde de Lugo son certas.

Porque hai moitos proxectos que xa están realizados, como a nova estación de mercadorías no Ceao, o desdobramento da Campiña, os accesos do Ceao, o novo acceso ao barrio da Piringalla por Mar Cantábrico coa nova pasarela sobre a N-VI, iluminación da N-VI, Ceao-Tolda e o acceso a Garabolos, todas as travesías dos Convenios asinados con Fomento, os convenios co Ministerio de Defensa e coa Consellería de Vivenda e Solo, que posibilitaron que se estea a facer o Parque empresarial de As Gándaras...

E hai moitos máis proxectos que están en marcha e se están a realizar como a nova potabilizadora e a nova depuradora cos estanques de tormentas e saneamento integral das dúas marxes do río Miño, a I fase do Plan Paradai e a II que a está a levar a cabo a Deputación Provincial, a Ronda Leste, acceso ao novo Hospital e os viais perimetrais do mesmo que financia o Concello, o Auditorio, a nova Ponte, o Cetal, o Centro Asociado da UNED, os tramos das autovías Lugo-Santiago, Lugo-Ourense ao seu paso polo Concello...

Tamén seguro que quedan moitas cousas por facer, como recoñeceu o Alcalde, e de que podemos e debemos seguir nesta dirección que nos fai avanzar cara diante. Pero a tarefa de construción dun concello moderno, exemplar e modelo para outros concellos, debemos facela entre todos e todas. Tanto a cidadanía, como o goberno e por suposto a oposición. Porque sen lugar a dúbidas, Lugo facémolo entre todos e todas e debemos de estar todos á altura das circunstancias polo ben de Lugo.

Hoxe tamén quero condenar rotundamente os atentados cometidos esta fin de semana pola banda terrorista ETA. Ademais quero mostrarlle a miña solidariedade a tódolos afectados polos tres actos terroristas destes dous últimos días no País Vasco e en Cantabria e especialmente coa familia do brigada Luis Conde, ao que lle quitaron a súa vida nun acto que non ten ningunha xustificación.

19/09/08

Programa km0 da Deputación de Lugo

Un grupo de 36 persoas da Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva de San Xoán de Tirimol participamos onte no programa de visitas institucionais da Deputación de Lugo ‘km0. Deputación de Lugo’, unha iniciativa que é totalmente gratuíta para os participantes. Este programa leva implícita a recollida no punto de orixe, traslados, visitas guiadas e acompañamento por persoal especializado, xantar, organización e xestións, seguros e retorno ao lugar de orixe.

Primeiro visitamos o Pazo Provincial, que é a sede da Deputación de Lugo. No Salón de Actos déronnos unha explicación do Pazo da Provincia e logo fomos a ver o Salón de Plenos. Tamén nos saudou o Presidente da Deputación e entregáronnos documentación con información da ruta que iamos a realizar e uns obsequios. Despois visitamos o Mazo de Santa Comba. A continuación fixemos unha visita degustación a unha adega en Francos, un lugar situado en Doade, onde tamén nos deron o xantar. Logo fixemos unha ruta a pé ata miradoiro de A Pena do Castelo sobre o río Sil. Despois desprazámonos ata o embarcadoiro de Ponte do Sil, situado en Doade e fixemos unha travesía fluvial en catamarán contemplando as viñas de Amandi.

Dende ás nove e cuarto da maña e ata as oito da tarde os veciños de Tirimol que participamos nesta actividade pasámolo moi ben e descubrimos fermosos recunchos da nosa provincia. E como Secretario da Asociación Veciñal de Tirimol e persoa que solicitou esta viaxe quero felicitar e agradecerlle á Deputación Provincial de Lugo e ao seu Presidente, que leven a cabo esta importante e interesante iniciativa, que é pioneira en España, e que ten tres obxectivos claros: dar a coñecer aos lucenses o traballo do organismo provincial; potenciar a economía provincial e poñer en valor os nosos recursos naturais, empresariais e comerciais; e fomentar o orgullo de ser lucense.

16/09/08

Un disparate máis de Rajoy

Este vídeo recolle as disparatadas declaracións do líder do PP, Mariano Rajoy, manifestando que “180.000 extranjeros cobrando el seguro de desempleo y 20.000 españoles solicitando ir a trabajar fuera de España”. Deste xeito Rajoy quixo ilustrar a súa preocupación pola crise, que asegurou con estes datos. E o que fai é volver a relacionar o paro coa inmigración.

Ao dicir isto parece que Rajoy non sabe que os traballadores estranxeiros que cobran o desemprego tiveron que cotizar á Seguridade Social os períodos que establece a lei, xerando dito dereito. Un dereito que é igual para calquera persoa que traballe en España, independentemente do seu lugar de orixe. A cuestión é como pode o principal líder da oposición dicir unha cousa así e quedarse tan tranquilo.

04/09/08

Inxustiza económica cos concellos

Onte o xornal El Progreso recollía na súa portada que “El Concello de Lugo perderá un millón de euros si Solbes aplica su plan económico”. E ante este dato non é de estrañar que tanto o Alcalde de Lugo como o Presidente da Deputación lucense rexeiten a redución da aportación económica estatal aos concellos e sosteñan que, polo contrario, deberían recibir máis fondos para equiparse co resto de Europa.

Certamente a día de hoxe os concellos son os que máis servizos lle ofrecen á cidadanía. E os concellos con menos poboación, especialmente moitos concellos das provincias de Lugo e Ourense, están a pasar por dificultades económicas. E debemos de ter en conta que, para que os concellos poidan prestar os servizos que prestan na actualidade, deben de recibir o diñeiro que lles corresponde. Só deste xeito poderán levar a cabo as súas tarefas.

Ademais hai que ter en conta que os concellos están a prestar servizos que non lle competen, como a atención aos inmigrantes ou as garderías infantís e que, como asegurou o Presidente da Deputación de Lugo, se comparamos o seu gasto público co de outras administracións, resulta moi superior. Agora os cidadáns debemos de agardar que esta inxustiza cos concellos non se produza polo ben de toda a cidadanía.