23/07/13

O meu aval


Onte dinlle o meu apoio ao compañeiro José Ramón Gómez Besteiro co meu aval para que sexa Candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, porque é un político dos que reivindica máis que nunca a Política con maiúsculas. Realiza unha posta firme polo diálogo, a participación e a transparencia, que nestes momentos son tan necesarios. Para el os problemas son oportunidades e o partido, o medio para transformar a sociedade.

A historia tamén avala o traballo de José Ramón, que comezou a militar no PSdeG-PSOE con 31 anos e formou parte do primeiro Goberno progresista na historia democrática da cidade luguesa tras décadas de gobernos populares. O 14 de xullo de 2007 chegou á Presidencia da Deputación de Lugo, presidida por vez primeira por un socialista. Nas eleccións municipais de 2011, Lugo foi o único caso en España en que o PSOE gañou tanto o Goberno da provincia como o da capital. Daquela, revalidou o apoio da cidadanía para liderar a única Deputación cun presidente socialista en Galicia.

O seu compromiso persoal e político obrigouno a dar un paso adiante para liderar un novo proxecto de partido, no que lle gustaría contar con todos e todas. Despois de percorrer preto de 6.000 quilómetros e coñecer en primeira persoa os compañeiros das agrupación locais, hoxe síntese con máis forza que nunca para seguir loitando por un futuro mellor.

José Ramón demostrou que cre neste partido e cre no que ten que ofrecer á sociedade galega: un proxecto político claramente definido baseado na igualdade, na xustiza social e na solidariedade. E aínda está máis seguro de que o PSdeG-PSOE é a única alternativa de goberno capaz de construír un modelo de progreso social e económico distinto ao actual desde o compromiso, a coherencia e a responsabilidade.

E fai agora 5 anos que xa dixen no meu blog que José Ramón era un político cun futuro prometedor, porque consideraba que estabamos ante unha figura emerxente dentro do PSdeG-PSOE e o tempo demostrou que non me equivocaba do que vos dicía. E hoxe volvo a repetir o que vos dixen daquela, porque é un home traballador e unha persoa honrada, ao que lle desexo o mellor na súa vida política e profesional.

Por todos estes motivos xa ten o meu aval e, se pensades o mesmo ca min, recoméndovos que tamén lle deades o voso aval, porque estou seguro de que non vos defraudará.  Na web http://gomezbesteiro.com tedes máis información de como podedes facelo.

08/07/13

Plan de Emprego en Lugo



O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, presentaron a segunda edición do programa experimental de fomento do emprego que nesta ocasión conta cun aumento do 8% no presuposto e no tempo de contratación das persoas en situación de desemprego. Así, nesta segunda edición, contará cun presuposto de 325.000 euros e un tempo mínimo de contrato de 6 meses. O Concello de Lugo leva 13 anos desenvolvendo programas de emprego cos seus propios recursos económicos. Primeiro foi o Plan PILES, que se desenvolveu entro o ano 2000 e o 2011, e en 2012 levouse a cabo a primeira edición do Programa Experimental de Servizos Locais e Fomento de Emprego, en substitución do anterior plan.

Ante o aumento das persoas en situación de desemprego, en Lugo xa son 10.500, e a falta de axudas por parte da Xunta de Galicia, o Concello que non é alleo aos problemas vese na obriga de aumentar o presuposto deste plan aínda que non sexa da súa competencia. Neste sentido, debemos recordar que o Real Decreto do Goberno Central impide a contratación de persoal por parte das administracións locais e, polo tanto, desenvolver determinados programas de inserción laboral como o PILES. Tamén é destacable dende que o señor Feijóo é Presidente da Xunta de Galicia nunca lle concedeu ningún programa de emprego nin escola-taller ao Concello de Lugo, algo que nunca antes sucedera.

Isto demostra que para o equipo de goberno do Concello de Lugo o emprego é un compromiso, porque a pesar de que o Concello non ten competencias en materia de emprego pero non permanece pasivo ante a situación do incremento de desempregados e da supresión de medidas de fomento de emprego por parte da Xunta e do Goberno Central.

Este plan especial busca tres obxectivos fundamentais: a creación de novos postos de traballo e mantemento dos xa existentes; favorecer ás pequenas empresas locais, dándolles ocupación durante 6 meses e, ao mesmo tempo, levar a cabo diferentes actuacións de interese público en cinco áreas diferentes. Para as empresas participantes é requisito fundamental que dispoñan de local ou nave no termo municipal de Lugo.

O programa conta cun orzamento de 325.000 euros que se distribuirán en 5 proxectos de actuación diferentes que se adxudicarán a través de procedementos negociados. Así, un dos programas é para o servizo de infraestruturas, que terá como tarefas o arranxo de beirarrúas, vados e outras necesidades dos diferentes barrios da cidade. Outro dos programas é para o servizo de Medio Ambiente, no que se levarán a cabo desbroces urbanos, mantemento de xardíns e do inmobiliario urbano entre outros. Un terceiro para o servizo de Deportes para a realización de mantemento e reparación de instalacións deportivas. Un cuarto para a zona rural, que se encargaría entre outros actuacións dos desbroces e arranxos de espazos públicos como fontes ou escolas. E un último para o servizo de Educación no que se desenvolverán tarefas de reparación dos colexios. Todas estas necesidades de mantemento dos espazos públicos exceden á capacidade de recursos humanos existentes no Concello de Lugo polo que servirán non só para dar traballo a parados de longa duración senón tamén para contribuír á permanencia de empresas locais e levar a cabo actuacións de interese municipal.

O único requisito para presentarse é que cada empresa deberá contratar a un mínimo de 4 persoas en situación de desemprego (2 xa existente en cada empresa, e 2 de nova contratación). Co que se garante emprego para un mínimo de 20 persoas en situación de desemprego durante, polo menos, un mínimo de 6 meses que é a duración estimada de cada unha das actuacións, aínda que a previsión é que sexan máis os traballadores porque o compromiso de contratar o maior número posible de parados será o que rexe o criterio de adxudicación.

01/07/13

Programa Satelízate


A Deputación de Lugo dá un paso máis no seu esforzo por xeneralizar o uso das novas tecnoloxías na provincia co dobre obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e impulsar o desenvolvemento económico para crear emprego e fixar poboación. Deste xeito, pon en marcha o programa Sateliz@te, unha nova liña de axudas encamiñada a potenciar o acceso a Internet na zona rural, a través do que o organismo lugués custeará a conexión vía satélite a uns 800 veciños, asociacións sen ánimo de lucro e PEMES. Este proxecto conta con 385.000 euros da Unión Europea para o seu orzamento e financiará a dotación de banda longa a zonas de sombra da provincia, aquelas onde non existe a posibilidade de contar con outro tipo de cobertura.

Cada beneficiario do programa Sateliz@te recibirá unha axuda que cubrirá o 100% do custe da antena, a súa instalación e os equipamentos precisos para a conexión, como pode ser un router. A contía máxima de cada subvención será de 500 euros. O usuario deberá asumir despois o mantemento do servizo, aínda que a Deputación de Lugo garantirá tarifas vantaxosas, pois pactará o subministro con varias operadoras de telecomunicacións. A velocidade de Internet da que dispoñerán será dun mínimo de 2 Mb, mentres que o máximo dependerá do tipo de contrato que o usuario formalice coas empresas colaboradoras coas que contará a institución luguesa, aínda que podería chegar aos 12 Mb.

Os destinatarios das axudas poden ser particulares, asociacións sen ánimo de lucro, ou ben pequenas e medianas empresas, que residan ou desenvolvan a súa actividade na zona rural da provincia, é dicir, todo o territorio lucense, a excepción do perímetro urbano definido como tal no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lugo, e que non dispoñan de cobertura de banda longa de polo menos 2 megas mediante outra tecnoloxía.

Dado que o orzamento total do plan de acceso a Internet rural Sateliz@te é de 385.000 euros e que a contía de cada subvención non superará os 500 euros, os beneficiarios poderán ser un mínimo de 770 particulares ou entidades.

Unha vez aprobada na Xunta de Goberno a execución do programa, así como as bases e modelos que rexerán o procedemento de concesión de subvencións, a Deputación de Lugo realizou o proceso para seleccionar ás empresas colaboradoras. Estima que o prazo de solicitude das axudas se abrirá a principios de xullo, aínda que informará puntualmente da data exacta en canto estea fixada a través da súa web www.deputacionlugo.org.