23/07/13

O meu aval


Onte dinlle o meu apoio ao compañeiro José Ramón Gómez Besteiro co meu aval para que sexa Candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, porque é un político dos que reivindica máis que nunca a Política con maiúsculas. Realiza unha posta firme polo diálogo, a participación e a transparencia, que nestes momentos son tan necesarios. Para el os problemas son oportunidades e o partido, o medio para transformar a sociedade.

A historia tamén avala o traballo de José Ramón, que comezou a militar no PSdeG-PSOE con 31 anos e formou parte do primeiro Goberno progresista na historia democrática da cidade luguesa tras décadas de gobernos populares. O 14 de xullo de 2007 chegou á Presidencia da Deputación de Lugo, presidida por vez primeira por un socialista. Nas eleccións municipais de 2011, Lugo foi o único caso en España en que o PSOE gañou tanto o Goberno da provincia como o da capital. Daquela, revalidou o apoio da cidadanía para liderar a única Deputación cun presidente socialista en Galicia.

O seu compromiso persoal e político obrigouno a dar un paso adiante para liderar un novo proxecto de partido, no que lle gustaría contar con todos e todas. Despois de percorrer preto de 6.000 quilómetros e coñecer en primeira persoa os compañeiros das agrupación locais, hoxe síntese con máis forza que nunca para seguir loitando por un futuro mellor.

José Ramón demostrou que cre neste partido e cre no que ten que ofrecer á sociedade galega: un proxecto político claramente definido baseado na igualdade, na xustiza social e na solidariedade. E aínda está máis seguro de que o PSdeG-PSOE é a única alternativa de goberno capaz de construír un modelo de progreso social e económico distinto ao actual desde o compromiso, a coherencia e a responsabilidade.

E fai agora 5 anos que xa dixen no meu blog que José Ramón era un político cun futuro prometedor, porque consideraba que estabamos ante unha figura emerxente dentro do PSdeG-PSOE e o tempo demostrou que non me equivocaba do que vos dicía. E hoxe volvo a repetir o que vos dixen daquela, porque é un home traballador e unha persoa honrada, ao que lle desexo o mellor na súa vida política e profesional.

Por todos estes motivos xa ten o meu aval e, se pensades o mesmo ca min, recoméndovos que tamén lle deades o voso aval, porque estou seguro de que non vos defraudará.  Na web http://gomezbesteiro.com tedes máis información de como podedes facelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.