09/08/13

A Xunta malgasta diñeiro


Dende a Agrupación de Asociacións Veciñais de Lugo (AgrupaLugo) consideramos que a Xunta está malgastando 145.000 euros en levar a roupa do Hospital Universitario Lucus Augusti para lavala na Coruña e volvela a traer a Lugo, cando este hospital carece dos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear.

Mentres a Xunta gasta esa importante cantidade de diñeiro, na provincia de Lugo seguimos sen uns servizos sanitarios básicos no HULA e a pesar do clamor da cidadanía solicitando estes servizos.

No momento en que se inaugurou o HULA explicouse que era un dos hospitais máis modernos e que melloraría a atención sanitaria, pero isto parécenos un engano, mentres se continúe sen prestar uns servizos imprescindibles.

Ademais hai que ter en conta que posta en funcionamento deste servizos sanitarios aforraríase unha cantidade importante de diñeiro, atenderíanse aos pacientes nun menor tempo e en mellores condicións. E o máis importante sería que se reduciría o risco de falecemento.

Por todos estes motivos dende AgrupaLugo continuaremos realizando as accións que sexan necesarias para reclamarlle á Xunta uns servizos sanitarios básicos para a provincia. Ademais tendo en conta que Lugo é unha das provincias máis avellentadas, non só de Galicia, senón tamén de España, a dotación destes servizos aínda é máis necesaria se cabe.

Aproveito a ocasión para volver a solicitar a inmediata posta en funcionamento dos servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.