28/04/08

O meu agradecemento

Quero agradecervos a tódolos compañeiros e compañeiras da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais que me destes a vosa confianza para que fose o voso representante no Claustro da Universidade de Santiago de Compostela. Un agradecemento que tamén vos dou en nome de IESGA (Iniciativa Estudantil Galega) a tódalas persoas que nos apoiastes nestas eleccións.

E aínda que non conseguín obter os suficientes apoios para saír elixido, tédesme igualmente a vosa disposición para o que poida axudarvos. E tamén quero felicitar ás dúas persoas que saíron elixidas para ser as representantes do alumnado da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais no Claustro Universitario, ás que lles desexo moita sorte no seu traballo.

Se queredes máis información sobre este proceso electoral ou saber quen nos vai a representar podedes velo no apartado dedicado a estas eleccións na web da USC.

21/04/08

O 24 de abril vota IESGA


POR UNHA UNIVERSIDADE PÚBLICA, DE CALIDADE, DE VANGARDA, NA QUE TI CONTAS, NA QUE TI DECIDES.

PARTICIPA. 24 DE ABRIL, ELECCIÓNS AO CLAUSTRO. VOTA IESGA.

Como candidato a representante de estudantes de 1º e 2º ciclo da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais ao Claustro Universitario por IESGA (Iniciativa Estudantil Galega), quero pedirvos a vosa confianza nas eleccións do próximo día 24 de abril na Universidade de Santiago, para conseguir levar a cabo as nosas reivindicacións para o Claustro, que son tamén as túas reivindicacións. E, como di o noso lema, para conseguir unha universidade pública, de calidade, de vangarda, na que ti contas e na que ti decides.

O PRÓXIMO DÍA 24 DE ABRIL NON O DUBIDES...
VOTA INICIATIVA ESTUDANTIL GALEGA

17/04/08

Propostas de IESGA

Como comentei fai uns días nun comentario anterior no meu blog sobre as eleccións que vai a haber o 24 de abril na Universidade de Santiago, son candidato a representante de estudantes de 1º e 2º ciclo da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais ao Claustro Universitario por IESGA (Iniciativa Estudantil Galega). E a continuación póñovos cales son as nosas propostas para conseguir unha universidade pública, de calidade, de vangarda, na que ti contas e na que ti decides.

As nosas reivindicacións para o claustro

> Aumentar o número de prazas de estacionamento e acadar a gratuidade das zonas azuis para o estudantado
> Aumentar o número de comedores universitarios e a calidade dos que xa existen
> Mellorar o convenio coa empresa ARRIVA e crear un convenio con RENFE para mellorar as redes de comunicación entre as diferentes cidades e os campus
> Unificar os servizos de promoción e asesoramento do estudantado para que fagan un traballo en rede que mellore a calidade deste
> Crear un espazo web no que se conteña toda a información relativa a cursos, congresos, bolsas, actividades culturais, etc., debidamente actualizado
> Dotar de cafeterías aquelas facultades que carecen deste servizo
> Aumentar a frecuencia de buses entre facultades con máis paradas, fundamentalmente a liña 15
> Ampliar e mellorar a información sobre o Espazo Europeo de Educación Superior e os cambios que supón na Universidade
> Adecuar as datas e horarios de xestión de matricula ás necesidades do estudantado (flexibilidade de prazos, apertura continuada en período de matrícula…)
> Revisar as concesións das reprografías e dos criterios para estas
> Acadar o posicionamento da universidade en contra da progresiva suba de taxas e privatización do sistema universitario
> Aumentar o número de ordenadores nas aulasnet das diferentes facultades, a apertura en horario ininterrumpido de 9:00 a 21.00 h. para que o estudantado poida acceder a eles en igualdade de condicións
> Realizar melloras no mantemento e nos servizos que se prestan no SUR (Servizo Universitario de Residencias)
> Diminuír a ratio profesor/alumno/a
> Asociar malos resultados na Enquisa Docente a cursos de adaptación pedagóxica obrigatorios
> Sistema progresivo no custo da matrícula do alumnado en función da renda familiar
> Eliminar a penalización por segundas e terceiras matrículas, ou calquera outro tipo de recargo e devolución dos cartos da matrícula cando por diversas causas nos vexamos obrigados a anulala
> Accesibilidade directa a todos os fondos das bibliotecas e equiparación do empréstito entre alumnado e profesorado
> Maior número de prácticas en empresas e institucións públicas en condicións laborais dignas e cun seguimento efectivo das tarefas realizadas e a súa adecuación á materia
> Dotación dos medios audiovisuais necesarios para que os labores docentes acaden a calidade axeitada
> Mellorar as webs dos centros e departamentos. Fomentar o software libre, adquirir equipos e modernización os actuais ata chegar a unha adecuada proporción de ordenadores útiles por alumno/a
> Uso adecuado dos números de móbil do alumnado para a distribución de publicidade, de modo que só se envíen cuestións de interese para este

14/04/08

Saúde e República!


Hoxe celébrase o día da República, porque o 14 de abril de 1931 proclamábase a Segunda República Española, sendo Éibar a primeira cidade na que se izaba a bandeira tricolor. E eu quero recordar esta data polo significado que tivo, porque tróuxonos dereitos tan evidentes e fundamentais desde a nosa perspectiva actual como o sufraxio feminino.

Foi unha loita pola consecución dos valores republicanos da Constitución de 1931, uns valores que seguen vivos e que defenden unha democracia mellor. Así que hoxe quero despedirme co cálido saúdo daqueles republicanos do 31: "Saúde e República".

10/04/08

Lingua de amor


Lingua de Amor é o concurso de declaracións de amor en galego a través do correo electrónico que por segundo ano organiza o Consello da Xuventude de Galicia a través do seu Servizo de Normalización Lingüística. Un dos principais obxectivos é dinamizar o uso da lingua galega por parte dos mozos e mozas nos novos espazos de comunicación: correos electrónicos, chats, foros...

E con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e do Día Internacional da Internet, o CXG presenta este concurso que interrelaciona as novas tecnoloxías e a lingua galega. Unha iniciativa que trata de normalizar o uso da lingua entre a mocidade, e qué mellor xeito de facelo que conmemorando o Día das Letras Galegas a través de declaracións de amor.

Así que anímovos a que participedes nesta segunda edición de Lingua de Amor.

08/04/08

Eleccións na Universidade de Santiago

A Universidade de Santiago de Compostela ven de convocar o pasado 28 de febreiro as eleccións para a renovación dos representantes no Claustro Universitario e dos representantes nos consellos de departamentos que se celebrarán o 24 de abril. E hoxe publicouse na web da USC a Relación provisional de candidaturas ás eleccións parciais ao Claustro Universitario, ás cales me presento como candidato polo sector de estudantes de 1º e 2º ciclo na circunscrición da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais pola agrupación electoral de IESGA (Iniciativa Estudantil Galega).

Eu entendo que a participación do alumnado na vida orgánica das universidades é un factor moi importante que axuda ao correcto funcionamento das mesmas. A representatividade dos estudantes nos órganos de goberno das universidades é un elemento democrático, que contribúe a achegar a nosa voz como estudantes a estes órganos, nos que se toman decisións importantes para toda a comunidade universitaria.

E dende esta responsabilidade e seguindo os meus principios e ideais preséntome como candidato na miña facultade por IESGA, que é a asociación de estudantes coa que estou colaborando. IESGA é un colectivo estudantil plural de orientación progresista interesado nas políticas educativas, na acción cultural innovadora e no desenvolvemento sustentable. E en cada centro goza de autonomía para desenvolver actividades, deste xeito estamos máis preto das necesidades reais dos e das estudantes.

Durante os próximos días seguireivos informando destas eleccións e quedo á vosa disposición para as consultas ou opinións que queirades realizarme.