24/08/11

Novo programa formativo nos Telecentros Rurais


A partir do mes de setembro iniciaremos un novo programa de formación que contén actividades de difusión e formación sobre as novas tecnoloxías, enmarcado dentro do Proxecto europeo PARNET-tic, que xestionamos dende o Concello de Lugo, e que terá lugar nos telecentros rurais das parroquias de Santa María de Bóveda, Rubiás, Meilán, Vilachá de Mera, Calde e San Pedro de Mera. O prazo de inscrición neste programa formativo está aberto, debendo chamar ao teléfono do 010 do Concello ou ao 982 297 350 para chamadas desde fóra do municipio.

O programa formativo ten por obxectivo iniciar aos usuarios e ás usuarias no uso da Internet e das novas tecnoloxías aplicadas ao uso cotián. É un programa dirixido a toda a cidadanía, con actividades para os nenos, os pais, os maiores, as PEMEs e os agricultores.

No telecentro de Santa María de Bóveda as actividades terán lugar os vindeiros días 1, 2 e 5 de setembro en horario de 10.00 a 13.00 horas, mentres que no telecentro de Rubiás será ós mesmos días pero en horario de tarde, de 17.00 a 20.00 horas.

Comeza tamén no telecentro rural de Meilán á formación de novas tecnoloxías os días 6, 7 e 8 de setembro en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas, e no telecentro de Vilachá de Mera en horario de tarde, de 18.00 a 21.00 horas.

Por outro lado, os próximos días 9, 12 e 13 de setembro, empezan ditas actividades no telecentro rural de Calde de 10.00 a 13.00 horas, e no telecentro de San Pedro de Mera de 17.00 a 20.00 horas.

Estas actividades están incluidas no Proxecto europeo PARNET-tic, que se integra no programa de cooperación territorial "Espazo Sudoeste 2007-2013" da Unión Europea. E dende o meu blog anímovos a todos e todas a participar nas distintas actividades que organizamos dende o Concello de Lugo nos distintos telecentros municipais da zona rural. Para máis información no teléfono 010 do Concello ou na web www.lugo.es.

12/08/11

Apertura dos xardíns da Deputación

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, inauguraron o novo espazo dos fermosos xardíns da Deputación, que dende o mes pasado está aberto para a cidadanía e que foi rehabilitado conxuntamente polas dúas administracións co Plan Urban. Deste xeito os lucenses recuperamos como espazo público o que era de uso exclusivo, continuando coa apertura da Deputación á cidade e á provincia.

Os xardíns provinciais que foron acondicionados conxuntamente co Plan Urban, o programa europeo que impulsan ambas as dúas administracións e que inclúe ambiciosas actuacións como a reactivación do casco histórico ou a peonalización da praza de San Marcos. Desde hai catro anos os veciños convertemos nun xesto habitual o cruzar a porta da Deputación, ata ese momento a grande descoñecida. Dende hoxe, abriuse tamén a un dos monumentos máis importantes da provincia: a Muralla de Lugo, facendo máis visible esta institución que está ao servizo de todos e contribuíndo a ampliar o Paseo Interior.


A cidadanía temos a nosa disposición esta nova zona de estancia ata o de agora pechada ao público e que permite dar continuidade ao Paseo Interior da Muralla, logo da recuperación e adecuación dos calexóns que conectan desde a rúa do Teatro ata a Praza do Ferrol. A zona rehabilitada ocupa unha superficie de 8.000 metros cadrados e ten wifi gratuíto grazas ao programa Innova-TE de administración electrónica da Deputación. Nela inclúe un paseo pavimentado en pedra de máis de 100 metros que permite que a parte posterior do Pazo tamén sexa transitable, así como zonas verdes e mobiliario urbano que humanizan o espazo, facendo máis agradable a estancia dos usuarios. Os xardíns permanecerán pechados unicamente pola noite, das 24:00 ás 7:00 horas.