12/08/11

Apertura dos xardíns da Deputación

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, inauguraron o novo espazo dos fermosos xardíns da Deputación, que dende o mes pasado está aberto para a cidadanía e que foi rehabilitado conxuntamente polas dúas administracións co Plan Urban. Deste xeito os lucenses recuperamos como espazo público o que era de uso exclusivo, continuando coa apertura da Deputación á cidade e á provincia.

Os xardíns provinciais que foron acondicionados conxuntamente co Plan Urban, o programa europeo que impulsan ambas as dúas administracións e que inclúe ambiciosas actuacións como a reactivación do casco histórico ou a peonalización da praza de San Marcos. Desde hai catro anos os veciños convertemos nun xesto habitual o cruzar a porta da Deputación, ata ese momento a grande descoñecida. Dende hoxe, abriuse tamén a un dos monumentos máis importantes da provincia: a Muralla de Lugo, facendo máis visible esta institución que está ao servizo de todos e contribuíndo a ampliar o Paseo Interior.


A cidadanía temos a nosa disposición esta nova zona de estancia ata o de agora pechada ao público e que permite dar continuidade ao Paseo Interior da Muralla, logo da recuperación e adecuación dos calexóns que conectan desde a rúa do Teatro ata a Praza do Ferrol. A zona rehabilitada ocupa unha superficie de 8.000 metros cadrados e ten wifi gratuíto grazas ao programa Innova-TE de administración electrónica da Deputación. Nela inclúe un paseo pavimentado en pedra de máis de 100 metros que permite que a parte posterior do Pazo tamén sexa transitable, así como zonas verdes e mobiliario urbano que humanizan o espazo, facendo máis agradable a estancia dos usuarios. Os xardíns permanecerán pechados unicamente pola noite, das 24:00 ás 7:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.