30/10/08

Interesante reflexión

Onte o compañeiro José Manuel Lage, deputado socialista no Parlamento de Galicia, recollía no seu blog esta viñeta de Máximo. Pareceume tan interesante a maneira coa que nos fai reflexionar dun tema que está tan presente na nosa sociedade, que quixen tamén poñela no meu blog e invitarvos tamén á reflexión.

22/10/08

Unha fin de semana completa

Esta fin de semana tívena moi completa. O venres pola tarde e o sábado tiven a oportunidade de asistir á IV Escola de Formación 2008 das Xuventudes Socialistas de Galicia, que se celebrou na Casa da Cultura de Sarria. O título da escola foi "A visión estratéxica dunha campaña electoral" e tivo un interesante e completo programa formativo, que me serviu para aprender aspectos relacionados con esta temática. Ademais contou con tres ponentes excelentes, como son a nosa querida compañeira María Torres, Secretaria de Formación das XSG; o actual xefe de prensa da FEGAMP, Javier Carnota; e o noso gran experto en formación Fran Martínez, Ex-Secretario de Formación das XSG.


O domingo organizamos dende a Xunta Directiva da Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva de San Xoán de Tirimol, da que son Secretario, a V Comida Veciñal de Tirimol, na honra á Nosa Señora do Rosario, cun amplo programa. Ás 13:00 horas houbo unha Misa Solemne na Igrexa Parroquial e procesión. A comida foi ás 14:15 horas no Campo da Festa, cuberto cunha carpa pechada lateralmente e a comida estivo amenizada pola actuación musical da Orquestra Alianza. Tamén houbo xogos inchables gratuítos para os nenos que asistiron e sorteouse unha viaxe para dúas persoas a unha casa de turismo rural entre tódolos asistentes. Ademais contamos coa asistencia do Alcalde de Lugo e de varios membros da Corporación Municipal do Concello de Lugo.


Como vedes tiven unha fin de semana completa, pero moi produtiva para min. E quero aproveitar a ocasión para felicitar aos compañeiros e compañeiras de Xuventudes Socialistas de Galicia, polo traballo que realizaron e que fixo posible esta nova escola de formación, á que sinto non poder ter asistido a xornada do domingo, pero as miñas obrigas impedíronmo. E tamén quero agradecerlle a tódolos socios e veciños de Tirimol que participaron na comida veciñal e que fixeron que fora un éxito. Porque a mellor recompensa que nos poden facer á organización é participar nas actividades que lles propoñemos e que gocen das mesmas.

15/10/08

Día de Acción Blog

Hoxe celébrase o Día de Acción Blog, día no que a blogosfera mundial debate simultaneamente sobre un asunto concreto. O obxectivo é establecer un diálogo mundial contando coas opinións e ideas de milleiros de persoas sobre un mesmo tema, este ano da pobreza. E despois da xuntanza de bloggers socialistas de hoxe e do que nos dixo a compañeira Mar Barcón, Secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, quedoume claro que non podemos quedar calados ante o dato de que 800 millóns de persoas pasan fame no mundo. Así que isto nos debe de facer reflexionar a todos e todas.

E en relación a isto estou a recordar a imaxe que un ano máis nas festas do San Froilán puidemos ver das persoas que están a vender polas rúas de Lugo. Son centos de persoas que buscan un pouco de diñeiro para sobrevivir. E ante isto eu cuestiónome como pode haber quen pide que a policía actúe máis contundentemente contra eles, se a culpa non é destas persoas, senón das mafias que fabrican e trafican con prendas falsificadas e que se aproveitan da fame destas persoas. Así que a solución ao problema da fame que pasan moitas persoas pasa porque traballemos xuntos por un mundo máis solidario.

13/10/08

Xuntanza de bloggers socialistas

O vindeiro mércores 15 de outubro ás 16:30 horas na Sede Nacional do PSdeG-PSOE, que se atopa na rúa do Pino en Santiago de Compostela, celebrarase unha xuntanza de bloggers socialistas. A esta xuntanza asistirá a Secretaria de Organización, Mar Barcón.

Nesta xuntanza poderemos falar durante un rato sobre a blogosfera socialista en Galicia e poñer cousas en común. Ata o de agora algúns compañeiros e compañeiras xa confirmamos a nosa asistencia, como podedes ver no blog do compañeiro Blas García, a quen te tes que dirixir se queres asistir ou máis información.

11/10/08

I Asemblea Nacional de IESGA

Hoxe celebrouse a I Asemblea Nacional de IESGA (Iniciativa Estudantil Galega) no Paraninfo da Maestranza na Coruña. Os actos comezaron pola mañá coa apertura da Xornada por parte de Loli Rodríguez, Presidenta do Consello da Xuventude de Galicia. A continuación interviñeron Alberto Rodríguez e Isabel Lema, falando do movemento estudantil e da importancia das asociacións de estudantes nos órganos de goberno. Despois os compoñentes do Comité Fundador, Javier Fariña, José Manuel Lage, Fernando Martínez e Loli Rodríguez, coa ausencia desculpada de Xaime Méndez, explicáronnos a historia de IESGA e como, cando e por que nace unha organización estudantil progresista hai 12 anos.

Pola tarde celebrouse a Asemblea Nacional, onde os delegados e delegadas eliximos aos compañeiros e compañeiras que compoñen a Coordinadora Nacional de IESGA, aos que quero felicitar e desexarlles moitos éxitos no seu traballo, nela entraron os compañeiros da USC Mario, Adriana e Juanje. Despois a compañeira Azu Rodríguez presentou a nova páxina web de IESGA e a nova campaña de afiliación co lema “Participa”, porque participación é a palabra fundamental que describe o que é IESGA. Finalmente o peche realizouno a nova Coordinadora Nacional. E dende o meu blog quero aproveitar para agradecerlle aos compañeiros e compañeiras que traballaron e fixeron posible que se celebrara esta asemblea.

04/10/08

Festas do San Froilán 2008


Dende hoxe e ata o día 12 de outubro Lugo está de festa co San Froilán. Durante nove días os lucenses e os que nos visiten poderemos gozar dun amplo programa festivo con actividades para tódolos gustos. Unhas festas que foron declaradas no ano 2006 como Festa de Interese Turístico Nacional e que como dicía Cunqueiro, “son as máis fermosas do outono galego”.

Nestas festas organizadas polo Concello de Lugo podemos ir a concertos, dar unha volta polo recinto feiral, comer o polbo á feira nas casetas, todos eles uns elementos que non poden faltar no San Froilán. E os nenos teñen o San Froilanciño cunha morea de actividades para eles. Así que como lucense invítovos a todos e a todas a que veñades a Lugo, porque o pasaredes moi ben.

Entre todos e todas faremos e teremos unhas felices festas.