24/12/09

Boas Festas e Feliz 2010

Para ampliar a postal hai que premer na imaxe.

Con esta postal quero desexarvos a todos e todas unhas Boas Festas e un Feliz 2010, no que agardo que se fagan realidade tódolos nosos mellores desexos para o novo ano. Un ano máis dende o meu blog escribo para compartir con vos as miñas opinións sobre distintos temas e escoitar a vosa opinión como lectores. E agardo que no 2010 sigades visitando e participando neste blog.

Puxen esta imaxe na postal, porque no 2010 celebraremos o décimo aniversario da Declaración da Muralla de Lugo pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, así que este será o ano de Lugo, o ano dos lucenses, o ano da Muralla o símbolo cultural que une e reúne a todos e todas.

Eu volverei a estar con vos no meu blog con todas as forzas e a ilusión no ano novo despois destas festas. Ata entón pasádeo moi ben e que sexades moi felices!

09/12/09

Lugo é máis dixital

O Concello de Lugo organiza a I Xornada de Redes Sociais e Blogs en Lugo, que terá lugar o vindeiro venres 11 de decembro no Centro de Empresas e Innovación. Vai a ser unha gran cita para blogueiros expertos e emprendedores no campo da Internet, que debaterán sobre o actual fenómeno dos blogs e as novas iniciativas de participación na Rede.

Ademais contaremos con conferenciantes de primeiro nivel galego e nacional que analizarán desde diversos puntos de vista os novos fenómenos de Internet. Así que eu anímovos a que participedes nesta interesante xornada. A participación neste encontro será totalmente gratuíta, pero requírese unha inscrición previa a través da páxina web www.xornadas.es, chamando ao teléfono 010 de atención á cidadanía do Concello ou o día das xornadas de 9:30 a 10:00 horas.

Neste senso de achegar as novas tecnoloxías á cidadanía o Concello de Lugo está a facer unha importante labor, xa que leva feito importantes iniciativas neste campo, como son o proxecto Lugo Dixital ou o programa Conéctate en Lugo. E esta mañá presentouse no Salón de Plenos do Concello de Lugo o proxecto europeo PARNET-TIC, destinado ao fomento da Sociedade da Información nos territorios rurais. Deste xeito cada día Lugo é mais dixital.

02/12/09

Novas enerxías



Este vídeo titulado "Novas enerxías" foi creado especificamente para a acción explicativa da política económica e orzamentaria do Goberno socialista. Este documento audiovisual repasa os avances sociais que se deron en España grazas sempre aos Executivos socialistas. A entrada en Europa, a universalización da sanidade e da educación, o sistema de pensións garantido, a despenalización do aborto ou a Lei da Dependencia son algúns dos logros que menciona o vídeo.

Tamén insiste en que, a partir de agora, o traballo dos socialistas é impulsar a nova economía, o cambio de modelo produtivo que virá da man da Lei de Economía Sostible, presentada hoxe no Congreso dos Deputados polo Presidente do Goberno. Porque sabemos que o modelo económico do século XX está esgotado e que agora, cando vai comezar a segunda década do século XXI, hai que construír unha nova economía.

Trátase de construír a economía que se basee no coñecemento; a economía das enerxías limpas e renovables e do medio ambiente; a economía da igualdade social e da igualdade de oportunidades; a economía do benestar, capaz de dar solucións globais. Unha economía do benestar compartido e solidario entre todos e todas, que nos permita saír da crise, pero, sobre todo, que nos garanta que non se repetirá mañá. Porque co Goberno fronte a crise afrontamos o futuro inmediato con novas enerxías.