25/01/10

Lugo solidario con Haití

Onte tivo lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo a Gala de Maxia Solidaria "Maxia por un soño". Un evento benéfico a favor de Haití, que foi posible grazas á colaboración da Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, de Abracadabra Produccións, da Cadena Ser, do Centro Comercial As Termas, de El Progreso, de Descubrelugo.com e de IMC Imprenta Dixital.

A Gala foi presentada por Jose Antonio Díaz (presidente do Colectivo Máxico Waldemar) e contou coas actuacións dos seguintes magos: Mago Rafa (Lugo), Manuel Lamas (Lugo), Mago Teto (Viana do Bolo), Dani García (Neda), Martin Andersen (Arxentina), Román García (A Coruña) e dos Malabaristas Pablo Trasno e Fredi Circanelo de Lusco e Fusco (Santiago de Compostela).

Todo o diñeiro recadado neste evento está destinado aos damnificados de Haití a través de Cruz Roja e de Médicos Sin Fronteras. A recadación fíxose coa venda das entradas a 5 euros e coas doazóns realizadas. E a min encantoume poder asistir como público e ver a resposta que tivemos os lucenses con esta Gala. No Auditorio había moitos nenos e tamén moitos maiores e ata houbo lucenses que non puideron entrar, porque o aforo do mesmo completouse moi pronto.

Foi unha boa mostra da solidariedade da cidadanía lucense co pobo de Haití, que está pasando por uns momentos terribles a causa do forte tremor de terra que o día 12 de xaneiro fixo cambalear a vida tódolos haitianos. Así que quero felicitar a todas as persoas e entidades que fixeron posible este evento e agradecerlles o seu gran traballo a favor desta causa. E por suposto felicito a tódolos lucenses que asistiron e que quixeron colaborar, tanto os que puidemos entrar, como os que non puideron entrar.

Eventos como este son unha boa mostra da predisposición que temos a colaborar nestes duros momentos e de mostrarlles a nosa solidariedade aos que peor o están pasando. Porque sucesos como a de Haití débennos facer reflexionar que os problemas que temos non teñen tanta importancia, en comparación co desastre que están a sufrir moitas persoas alí. Polo que nestes momentos a nosa colaboración con estas persoas é moi necesaria, para axudarlles a saír adiante desta terrible situación.

19/01/10

O PP non pescou nada

O PP está intentando pescar un peixe pola zona rural do concello de Lugo, pero moi mal o deben estar facendo, porque o peixe non lles morde o anzol. E á parroquia de Tirimol, onde eu vivo, xa viñeron dúas veces a pescar, unha vez o ano pasado e outra vez este ano. Como se pode ver nesta foto que vos poño e que saíu publicada nos medios de comunicación fai un ano. Na foto pódese ver ao concelleiro do PP de Lugo, Manuel López, intentando pescar coa axuda doutro home. Pero parece que este pescador non ten sorte, porque non dá collido o peixe. A razón de que o PP non consiga pescar debe estar en que intentan pescar o peixe coa demagoxia e coa mentira, vindo unha vez ao ano a pescar e que coincida no inverno e nunha época na que chova moito.

No mes de febreiro do ano pasado viñeron pescar a Tirimol. E intentaron convencer ao peixe dicíndolle que o goberno municipal socialista non quería arranxar as fochancas das pistas, cando estabamos no inverno e nunha época na que chovera moito. Din que coñecen o rural, pero parece que aínda non saben que no inverno cando chove non se poden arranxar as fochancas no rural, porque coa auga que hai nas fochancas non quedarían ben tapadas e o que se lle botara non duraría nin unha semana.

O goberno socialista do Concello de Lugo a través dos fondos do Plan E, mellorou no verán a capa de rodaxe deste camiño con aglomerado en quente. Deste xeito, por primeira vez o Concello emprega o aglomerado en quente para mellorar o firme de pistas principais, ou failles bases para suxeitar os contedores nas parroquias rurais. O que é resultado do compromiso do goberno local de mellorar o rural.

Pero este ano o pescador volveu a Tirimol outra vez a intentar coller o peixe no mesmo lugar que viñeran o ano pasado. Desta vez o pescador intenta botarlle a culpa ao goberno local socialista de que saía para o camiño moita auga dun sumidoiro. Pero o que non di é que ese sumidoiro é da canalización subterránea da liña eléctrica e que, polo tanto, é responsabilidade da empresa eléctrica que o fixo. Tamén esquece este pescador, ao pedir que se fagan cunetas para canalizar a auga, que está nun dos lugares da parroquia máis estreito, porque hai muros de pedra e polo tanto non hai terreo para poder facer unhas cunetas.

E agora este pescador “confunde” os días da semana e di nun xornal que ven a pescar o domingo a Tirimol, cando veu o venres. E faino para alardear de que é moi "bo" pescador, pero como di o refrán: dime de que presumes e direiche de que careces. Deste xeito o PP non pescou nada e parece que o peixe que queren coller non lles quere morder o anzol que lle poñen.

13/01/10

Lugo10

O luns asistín no Círculo de las Artes de Lugo á gala de presentación de "Lugo10", que é un interesante programa de actividades e non quero deixar pasar a oportunidade de falarvos del no meu blog. Este programa celebraráse ao longo do ano 2010 con motivo do décimo aniversario da proclamación da Muralla de Lugo como Patrimonio Mundial.

Foi o 30 de novembro do 2000 cando tivo lugar un dos momentos máis importantes da historia moderna de Lugo: a concesión pola UNESCO do título de Patrimonio Mundial á Muralla Romana de Lugo. Esta distinción marcou un antes e un despois na forma de pensar dos lucenses, na autoestima e o orgullo dunha sociedade que avanzaba cara o século XXI.

O Concello de Lugo quere seguir contribuíndo a convertir a Lugo nesa cidade sobresaínte que todos e todas comezamos a soñar ese día e que se viu enormemente fortalecida cando o mundo enteiro recoñeceu o gran tesouro que é o noso patrimonio. Sobre esa idea versará todo un programa de actividades e actos que se desenvolverán ao longo do ano, e que estarán dirixidos á cidadanía en xeral.

A programación recolle preto de 30 accións coas que achegar Lugo ao mundo para o cal será preciso a implicación da cidadanía, para facer que a Muralla e a cidade, o Lugo10 sexa de todos e todas, máis aló das nosas fronteiras. Artículase como un ambicioso programa que pretende potenciar o turismo e axudar na reactivación económica.

O Concello quere que a programación que se poña en marcha inclúa numerosas actividades na rúa. Cada acción que se programe debe ter como protagonista á Muralla, o pasado romano da cidade e o Camiño de Santiago que pasa por Lugo e que no ano 2010 ten un gran protagonismo coa celebración do Xacobeo.

Así que anímovos a participar en Lugo10, porque Lugo é 10.

08/01/10

Un ano 10

Cando fai uns días que comezou o ano 2010, sigo escribindo neste blog dende fai dous anos con todas as forzas e a ilusión, como o primeiro día que o comecei. E quero comezar cunhas verbas de felicitación para todos e todas, desexándovos que pasedes un próspero 2010. Un ano no que agardo que se fagan realidade tódolos nosos mellores desexos para este novo ano.

E teño o presentimento de que este será un gran ano, un ano 10. Porque eu son positivo, pero especialmente porque creo que este novo ano nos traerá boas novas e importantes acontecementos, que nos axudarán a mellorar e ese é o meu desexo para o 2010.

Ademais tendo en conta o refrán que di "año de nieves, año de bienes", esta idea confírmase. Porque este é un ano de neves, como se pode ver na foto que vos poño neste post e que fixen esta mesma mañá en Tirimol no concello de Lugo. Polo que de cumprirse este refrán este será un ano de boas novas.

No 2010 celebramos acontecementos importantes, como o Ano da Muralla Romana de Lugo, co gallo do décimo aniversario da Declaración da Muralla de Lugo pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, ou a Presidencia Española da UE.

De seguro que neste novo ano que comezou fai uns días nos esperan moitos máis momentos que vivir. O 2010 acaba só de comezar e quédame moito que compartir con vos, polo que agardo que neste novo ano sigades visitando e participando no meu blog.

P.D.: Para que teñamos un bo ano e debido ao temporal que estamos a sufrir, dende o meu blog quero recordar que debemos de ter presentes as recomendacións das autoridades e ter moita precaución, para evitar situacións de perigo.