26/03/11

Apagar a luz para acender o Planeta



Ás 20:30 horas de hoxe, sábado 26 de marzo, cidadáns, institucións, empresas e gobernos de todo o mundo apagarán as súas luces durante unha hora, participando así na celebración do evento A Hora do Planeta organizado por WWF, transcendendo todas as barreiras de relixión, cultura, sociedade, xeración e localización xeográfica nunha celebración global polo Planeta.

No que posiblemente será a maior chamada á acción para loitar contra o cambio climático, a Hora do Planeta 2011 conseguirá que centos de millóns de persoas de pobos e cidades dos seis continentes apaguen a luz durante unha hora. A Hora do Planeta 2011 pretende alcanzar o compromiso dun cambio global en beneficio do medio.

Ao animar a cidadáns, empresas e gobernos a comprometerse e actuar en favor da sostibilidade e demostrando tal compromiso ao apagar as luces durante unha hora concreta, a Hora do Planeta estará a lanzar unha poderosa mensaxe de esperanza do que podemos lograr se actuamos xuntos. Isto inspirará outros para que se unan ao obxectivo final de conseguir un mundo máis san.

A Hora do Planeta empezou nunha soa cidade dun país o 31 de marzo de 2007, cando 2,2 millóns de persoas de Sidney, Australia, apagaron as súas luces durante unha hora para reclamar accións contra o cambio climático. Un ano despois, 370 cidades de máis de 35 países converteron esta iniciativa nun movemento global pola sostibilidade, conseguindo que entre 50 e 100 millóns de persoas apagasen as luces na Hora do Planeta 2008. Edificios emblemáticos como a ponte Golden Gate, o Coliseo de Roma, Times Square ou o Cristo Redentor de Río de Janeiro uníronse a este chamamento de acción polo clima escurecéndose durante unha hora.

En Lugo o Concello sumouse un ano máis a esta campaña, como unha mostra máis do seu compromiso coa loita contra o cambio climático e pola defensa do medio ambiente. Polo que a Muralla, a Catedral, a Igrexa de San Froilán e o monumento do bimilenario apagarán as súas luces para tomar conciencia do problema do cambio climático e coñecer a importancia da participación de todos e todas na defensa do medio ambiente.

E dende o meu blog quero aproveitar para animarvos a que vos sumedes a esta iniciativa e durante unha hora apaguemos as luces, deste xeito estaremos actuando contra o cambio climático.

21/03/11

Apostar por Lugo

O Alcalde, José López Orozco, e o Equipo de Goberno do Concello de Lugo apostan polos barrios e polas parroquias, mellorando a calidade de vida de todos os veciños e veciñas, con independencia do lugar no que vivamos. E a transformación que está a vivir Lugo dá boa conta da aposta e do compromiso que ten o Concello.

O investimento realizado polo Concello de Lugo nos barrios e nas parroquias ao longo destes doce anos, demostra a diferencia existente entre un goberno progresista como o que temos e un que non o é. Así o principio fundamental que rexe a acción de Goberno do Concello que establece que, independentemente do barrio ou parroquia onde se viva, haxa igualdade de dereitos.

Agora Lugo está camiñando nunha nova etapa na que relanza a cidade: os barrios e o centro, así como a zona rural. As obras, entre outras actuacións levadas a cabo polo Concello de Lugo, produciron unha transformación dunha cidade que é pequena, pero que se pode comparar en servizos con calquera outra cidade de Galicia e de España. O cambio levado a cabo na cidade e na zona rural sentou as bases que permitirán seguir mellorando Lugo.

Ademais Lugo facémolo entre todos e todas e por iso a opinión da cidadanía é moi importante para o Alcalde e o Goberno Municipal. Porque neste sentido vai encamiñada a política do PSdeG-PSOE de Lugo, estando preto dos veciños e veciñas e escoitando as suxestións e inquedanzas que temos para mellorar o noso concello, porque xuntos facemos Lugo.

O motor dos socialistas lucenses é traballar para mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas de Lugo, da zona urbana e da rural e realizando unha aposta por tódolos barrios e por tódalas parroquias do noso concello. Porque apostar polos barrios da nosa cidade e polas parroquias da nosa zona rural é apostar por Lugo.

11/03/11

Un cargador para todos



Cada vez que cambiamos de teléfono móbil tamén adoitamos cambiar de cargador, o que dá lugar a unha cantidade enorme de cargadores desbotados que xa non se utilizan. Isto afecta tanto aos consumidores como ao medio ambiente. Non obstante, grazas á Comisión Europea, os principais fabricantes de teléfonos móbiles de Europa chegaron a un acordo para adoptar un cargador universal para móbiles.

En xuño de 2009, os principais fabricantes de teléfonos móbiles de Europa acordaron adoptar un cargador universal para teléfonos móbiles con servizos de datos vendidos na Unión Europea. Un Memorando de Entendemento (MdE), asinado ata a data por 14 fabricantes, compromete a industria a proporcionar cargadores compatibles sobre a base do conector micro USB.

A partir de 2011 só se necesita un cargador para todos estes teléfonos e os consumidores europeos podemos comprar un cargador para teléfono móbil estándar para todos os teléfonos de servizo de datos vendidos nos 27 Estados membros da Unión Europea.

Así pois, cando esquezamos nosos cargadores, poderemos cargar nosos móbiles usando o novo cargador común. Ademais, como os cargadores se venderán por separado, non teremos que comprar un novo cargador cada novo teléfono móbil. Así mesmo, dado que o número de cargadores se verá reducido, o impacto ambiental será positivo. A redución do número de cargadores vendidos innecesariamente reducirá considerablemente os residuos electrónicos nos próximos anos.

Con esta interesante iniciativa da Comisión Europea espérase que os beneficios ambientais da harmonización dos cargadores sexan considerables. O número de cargadores vendidos innecesariamente reducirá os residuos electrónicos xerados por este motivo. Tamén se espera que o cargador común mellore a eficiencia enerxética, ao cumprir as novas normas europeas harmonizadas e ao reducir, deste modo, o consumo de enerxía.


P.D.: Quero mostrarlle toda a miña solidariedade e todo o meu apoio aos damnificados e ao pobo de Xapón, que está pasando por uns momentos terribles a causa do forte tremor de terra que ocorreu hoxe.

08/03/11

100 anos celebrando o 8 de marzo



Hoxe conmemóramos o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, nunha data na que xa levamos 100 anos celebrando este Día. Así que de xeito especial neste día quero recoñecer a gran importancia das mulleres na nosa sociedade. Porque a plena participación da muller na vida política, civil, económica, social e cultural en condicións de igualdade e a erradicación de todas as formas de discriminación por razóns de sexo teñen que ser sempre obxectivos prioritarios de toda a sociedade.

Deste xeito súmome ao expresado neste vídeo das Xuventudes Socialistas e estou convencido de que este 8 de marzo, temos que celebrar todo o que queda por conseguir, porque froito do esforzo colectivo das mulleres do pasado e do presente, conseguíronse grandes avances, pero debemos ser conscientes de que aínda queda un longo camiño por percorrer. Temos que seguir dándolles todo o noso apoio na loita e defensa do feminismo, da Igualdade e dos dereitos das mulleres.

Xuntos temos que seguir traballando para conseguir a Igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos. Para que isto sexa unha realidade hai que seguir traballando neste camiño da Igualdade, algo ao que sen dúbida entre todos e todas chegaremos. Porque levamos 100 anos reivindicando a Igualdade e e avanzando moito. Levamos 100 anos celebrando este Día e neste 8 de marzo celebramos todo o que queda por conseguir.