30/01/12

A Muralla de Lugo abandonada pola Xunta

Foi o 30 de novembro do 2000 cando tivo lugar un dos momentos máis importantes da historia moderna de Lugo: a concesión pola UNESCO do título de Patrimonio Mundial á Muralla Romana de Lugo. Esta distinción marcou un antes e un despois na forma de pensar dos lucenses, na autoestima e o orgullo dunha sociedade que avanzaba cara o século XXI. Pero desgraciadamente na actualidade temos que ver como a Xunta de Galicia está a desprezar o valor do monumento e o significado que ten para tódolos lucenses e as persoas que nos visitan.

Como podemos ver nesta fotografía a Xunta de Galicia ten abandonada a Muralla de Lugo, o monumento máis representativo da nosa cidade e que é Patrimonio da Humanidade. A titularidade deste monumento é da Xunta, a través da Consellería de Cultura, que é a administración responsable do seu mantemento e conservación.

O estado no que se atopa a Muralla é pésimo, porque a Xunta non realizou un mantemento das luminarias e a limpeza do adarve. Deste xeito estase a cubrir de herba e non conta cunha boa iluminación para poder pasear polo adarve cando anoitece. A imaxe que estamos a ver os lucenses e os turistas que nos visitan é de abandono e de falta de sensibilidade ante un monumento tan significativo.

É lamentable que a Xunta teña tan descoidada a Muralla. Por iso o Concello de Lugo e os lucenses xa levamos moito tempo reclamándolle á Consellería de Cultura que asuma as súas responsabilidades e que proceda o antes posible a realizar as labores de limpeza e mantemento, para que a Muralla de Lugo volva a lucir todo o seu esplendor.

14/01/12

Almorzos Saudables

O Concelleiro de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, Francisco Fraga, presentou a novena edición da campaña Almorzos Saudables. Trátase dunha iniciativa do Concello de Lugo para fomentar que os máis pequenos almorcen dun xeito saudable, que este ano se achegará a 2.000 nenos e nenas lucenses de entre seis e oito anos de 23 centros escolares públicos, privados e concertados.

Na campaña dos Almorzos Saudables tamén colabora a Asociación Galega de Nutricionistas e Dietistas a través de información para presentarlles aos nenos e nenas a pirámide nutricional, os tipos de alimentos e para que aprendan desde novos a comer equilibradamente.

Os obxectivos desta campaña, que dará comezo o vindeiro luns día 16 de xaneiro, son conseguir que os rapaces almorcen e ademais que o fagan do xeito máis saudable, é dicir, cun produto lácteo, que será fresco do día e que aportará a Gandería Quintián, froita, iogures e zumes de Eroski Center, e cereais ou pan de Ingapan. Como novidade este ano introdúcese o mel natural que aportan a Asociación Provincial Lucense de Apicultores.

Polo tanto, esta campaña do Concello de Lugo tenta complementar as ensinanzas sobre alimentación saudable que imparten os profesores durante todo o ano.

Nas enquisas que se fixeron dende o Concello de Lugo apreciouse unha redución notable do consumo de produtos con alto índice de contido graso. Dende a Concellería de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, destacouse que nestes anos puido verse unha evolución positiva nos hábitos alimentarios dos máis pequenos. Así, e tendo en conta os datos recollidos no ano 2004 aos nenos e nenas sobre as súas costumes no almorzo, pode facerse un bo balance. No ano 2010, un 1,4% dos nenos enquisados non almorzaban nada fronte ao 4,59% dos nenos non o facían no 2004. Outro dato salientable é a redución en 3,6 puntos no consumo de produtos de bollería, pasando de un 15,8% en 2004 a un 12,2% en 2010.

07/01/12

4 anos e 190 posts publicados

Hoxe fai catro anos que comecei a escribir no meu blog e este é xa o post número 190 que escribo neste espazo persoal, no que comparto con vós as miñas vivencias e as miñas opinións sobre distintos temas. Pretendendo que este blog sexa unha fiestra aberta ao mundo, coa que poder compartir as miñas opinións sobre distintos temas e escoitar a opinión dos lectores.

Quero celebrar que xa levo 4 anos con este blog e escritos 190 comentarios, escribindo e publicando este post. E quero comezar cunhas verbas de felicitación para todos e todas, desexándovos un próspero ano 2012. Un ano que nos traerá moitos máis acontecementos.

No 2012 celebramos o Ano Europeo do Envellecemento Activo e da Solieradiedade Interxeracional. O 2012 tamén foi declarado pola ONU como o Ano Internacional da Enerxía Sostible para Todos e o Ano Internacional das Cooperativas.

Ademais nestes momentos difíciles que estamos a vivir seguirei defendendo, aínda con máis intensidade, o Estado do Benestar e seguirei opoñéndome a calquera tipo de recortes en dereitos adquiridos pola cidadanía e que tanto nos constaron conseguir a todos e todas, como son os dereitos en educación, sanidade e servizos sociais.

Cando fai uns días que comezou o ano 2012, sigo escribindo neste blog dende fai catro anos con todas as forzas e a ilusión, como o primeiro día que o comecei. Dende aquel día moitos acontecementos pasaron, algúns dos cales fun compartindo con vós neste espazo.

De seguro que neste novo ano que comezou fai uns días nos esperan moitos acontecementos que vivir. O 2012 acaba só de comezar e quédame moito máis para compartir con vós no meu blog.


P.D.: Quero expresar as miñas condolencias polo falecemento este xoves do intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo, un piar esencial da nosa cultura, que nos deixa un importantísimo legado, porque desenvolveu un inxente labor como deseñador, pintor, ceramista, editor e empresario, polo que sempre o recordaremos.