23/07/10

Pepe Blanco responde





Despois de ter a oportunidade de asistir como público ao programa "Blanco responde", recoméndovos ver estes dous vídeos que vos poño deste programa especial de Correo TV. Onde o Ministro de Fomento, José Blanco, responde ás preguntas de trinta cidadáns sobre distintos temas de actualidade. Así que agardo que estes vídeos sexan do voso interese.

Poderedes escoitar como importantes infraestruturas para Galicia están sendo unha realidade froito do traballo do Ministro de Fomento, José Blanco. Un home que dende o Ministerio de Fomento fixo posible que Galicia conte no mapa das infraestruturas. Deste xeito Pepe Blanco está tendo unha sensibilidade e adquiriu uns compromisos, que se están a materializar coa realización de proxectos necesarios para o avance de Galicia.

P.D.: Como estou de vacacións, vou a descansar uns días para volver con máis enerxías. Así que volverei a estar con vos no meu blog á volta. Ata entón pasádeo moi ben e que teñades un feliz verán!

21/07/10

A austeridade de Feijóo

Un feito que me parece lamentable, é que dende que o PP asumiu fai máis dun ano o actual goberno da Xunta de Galicia non investiu nada en Tirimol, nin colaborou con outras entidades no desenvolvemento de proxectos para mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas. Dentro das competencias e responsabilidades da Xunta de Galicia está a de colaborar no desenvolvemento da zona rural, especialmente en momentos difíciles. Pero parece que o goberno da Xunta de Galicia está máis preocupado en practicar o que eles definen como unha política de "austeridade".

Dous exemplos ilustrativos desa "austeridade" que está a levar a cabo o goberno de Feijóo son os seguintes: "a Xunta de Galicia está disposta a investir en plena recesión económica máis de medio millón de euros para dotar de mobiliario a biblioteca do Gaiás" ou "o goberno de Feijoó gasta máis de 6 millóns de euros en vehículos novos en apenas nove meses". E vendo isto, pregúntome se esta é a "austeridade" que durante a campaña electoral dicía Feijóo que ía a practicar na Xunta de Galicia?

Esa falsa austeridade é froito da hipocresía e demagoxia que utiliza o PP e aos feitos me remito. E parece que por esa "austeridade" a Xunta considera que non ten que realizar actuacións en Tirimol, porque a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas que vivimos nesta parroquia non está entre unhas desas prioridades que ten o goberno de Feijoó. Dende logo, quenes integran este goberno deberían poñerse a traballar e cumprir coas responsabilidades que lles encomendaron os cidadáns, porque non se deberían esquecer de que a cidadanía será a que xulgue o que fixeron.

12/07/10

España gana o Mundial

Xa fai uns días que non escribo no meu blog, porque por distintas cuestións non me quedaba moito tempo para facelo, así que teño varios temas dos que falarvos. Pero despois da vitoria de España onte no Mundial, non quero deixar pasar unha ocasión como esta, para falarvos deste importante acontecemento. Despois de tanto tempo que levábamos esperando este momento e foi este gran equipo deportivo e profesional quen o fixo posible!!!

Foi un Mundial moi ben xogado por España, que nos deu unha final apaixonante e unha vitoria merecidísima. Non foi unha tarefa fácil, pero foron quen de superar moitas dificultades polo camiño e facendo o seu xogo chegou o magnífico gol de Iniesta, que nos encheu de satisfacción a tantas persoas que tíñamos depositadas moitas esperanzas e ilusión neste gran equipo.

Grazas a este importante evento deportivo puidemos ver a moita xente unida por unha causa común, porque o xogo desta Selección Española foi quen de unirnos, de darnos autoestima, de darnos unha posibilidade de atopar unha bandeira común. Permitiunos disfrutar sentindo os colores e sentindo ese sentido de equipo.

Está claro que quen gañou foi o equipo formado por eses xogadores, os suplentes, o corpo técnico, o entrenador e a Federación Española de Fútbol, que nos fixeron sentirnos moi felices. Foi un equipo capaz de superar as dificultades, porque realizaron un excelente traballo e que contou co importantísimo apoio e ánimo de milleiros e milleiros de persoas, que confiábamos na nosa Selección.

Por todo isto dende o meu blog quero felicitalos a todos e darlles as grazas por todo o que conseguiron e que continúen os éxitos!!!