21/07/10

A austeridade de Feijóo

Un feito que me parece lamentable, é que dende que o PP asumiu fai máis dun ano o actual goberno da Xunta de Galicia non investiu nada en Tirimol, nin colaborou con outras entidades no desenvolvemento de proxectos para mellorar as condicións de vida dos veciños e veciñas. Dentro das competencias e responsabilidades da Xunta de Galicia está a de colaborar no desenvolvemento da zona rural, especialmente en momentos difíciles. Pero parece que o goberno da Xunta de Galicia está máis preocupado en practicar o que eles definen como unha política de "austeridade".

Dous exemplos ilustrativos desa "austeridade" que está a levar a cabo o goberno de Feijóo son os seguintes: "a Xunta de Galicia está disposta a investir en plena recesión económica máis de medio millón de euros para dotar de mobiliario a biblioteca do Gaiás" ou "o goberno de Feijoó gasta máis de 6 millóns de euros en vehículos novos en apenas nove meses". E vendo isto, pregúntome se esta é a "austeridade" que durante a campaña electoral dicía Feijóo que ía a practicar na Xunta de Galicia?

Esa falsa austeridade é froito da hipocresía e demagoxia que utiliza o PP e aos feitos me remito. E parece que por esa "austeridade" a Xunta considera que non ten que realizar actuacións en Tirimol, porque a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas que vivimos nesta parroquia non está entre unhas desas prioridades que ten o goberno de Feijoó. Dende logo, quenes integran este goberno deberían poñerse a traballar e cumprir coas responsabilidades que lles encomendaron os cidadáns, porque non se deberían esquecer de que a cidadanía será a que xulgue o que fixeron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.