24/01/08

Cen anos do xornal El Progreso

Este é un ano especial para o xornal El Progreso de Lugo porque cumpre cen anos de vida, dende que en 1908 fora fundado por Purificación de Cora y Más-Villafuerte. E faino cun cambio de deseño que actualiza a súa imaxe. Pero segue a ser o mesmo xornal de sempre que nos informa e achega a actualidade alí onde nos atopemos. Estes foron cen anos de progreso, nos que moitas cousas cambiaron, nos que houbo importantes avances na sociedade, aos que El Progreso non foi alleo, xa tamén os incorporou na súa tarefa informativa. E todo para seguir sendo o xornal que cada día máis lucenses lemos para estar informados do que acontece.

Durante este tempo pasaron eventos moi importantes que lle afectaron á sociedade lucense e que puido recoller El Progreso nas súas páxinas, uns de noticias agradables e outras que non eran tanto. E tamén serviu para recoller as distintas opinións que hai sobre moitos temas. Un pluralismo que axuda a algo tan importante como é coñecer os argumentos expostos polas distintas ideoloxías presentes na nosa sociedade. E todo este traballo non sería posible sen os profesionais que día a día fan posible que saía á luz este xornal.

E como se aprecia no logotipo que conmemora esta celebración, El Progreso é como unha árbore "informativa" con grandes ramas e que está profundamente enraizado en Lugo. Unha árbore que seguirá medrando e proporcionándonos día a día a información do que acontece ao noso redor. Polo que quero felicitar a El Progreso no ano do seu centenario e desexarlle que siga sendo o xornal de Lugo, tal e como o ven facendo dende 1908, e que nos siga acompañando nas nosas vidas moitos anos máis.

17/01/08

A ordenación do territorio

Sen lugar a dúbidas o tema do urbanismo está moi presente na actualidade en Galicia. Porque só temos que fixarnos nas construcións que se realizan en lugares nos que non se debería poder edificar. Exemplos disto son ao carón da costa, nas beiras dos ríos ou no medio dos montes. E o peor é que isto ás veces trae graves consecuencias, como as inundacións de edificios, o grave impacto visual que xeran ou que haxa un incendio forestal que os poña en perigo.

Tamén ocorre o caso de que nos podemos atopar industrias no medio rural, que non teñen nada que ver coas actividades que se desenvolven no rural e que, polo tanto, o lugar no que deberían de situarse é nun polígono industrial. Porque parece que non se pensa nas consecuencias que pode traer consigo isto, xa que no rural unha empresa non ten os servizos necesarios para realizar a súa labor. Entón atopámonos con problemas de que non trata correctamente os seus residuos industriais e emprega os contedores de uso domiciliario, ou os problemas que poida causar no subministro eléctrico para as persoas que viven nesa zona.

Especialmente en Galicia está presente a concepción de que se debe de poder edificar en calquera lugar, especialmente nos pobos. E a xente quere construír a súa vivenda no medio do monte, afastada dos núcleos de poboación. E logo quererá que lle proporcionen servizos, como por exemplo o asfalto da pista de acceso, o alumeado público, o saneamento ou que lle leven o cable do teléfono ou o da electricidade. E a dispersión dos núcleos de poboación e das vivendas é un dos grandes problemas deste país. Algo que se converte nun obstáculo á hora de poder garantilos servizos públicos en moitos lugares. E deste xeito non pode haber igualdade entre os cidadáns independentemente de onde vivan.

Así que débese de ordenalo territorio para protexelo e poñelo en valor. Obxectivos que han de acadarse dende o respecto ao territorio e planificando o crecemento urbanístico. E neste sentido vai encamiñada a campaña por un urbanismo responsable que fixo recentemente á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. E xa se tomaron algunhas medidas, como son a Lei de Medidas Urxentes ou os planeamentos urbanísticos adaptados á lexislación vixente. Pero hai que seguir traballando neste campo para mellorar a calidade de vida da sociedade galega, porque como di o lema desta campaña, onde vivimos, importa.

07/01/08

Benvida ao meu blog e ao 2008

Cando fai uns días que comezou o ano 2008 quero escribir o meu primeiro comentario no que a partir de agora será o meu blog. Xa que seguindo o que di o refrán "Ano novo, vida nova" comezo a escribir neste novo blog. E unha das razóns fundamentais é que quero que todos e todas me poidades deixar os vosos comentarios con máis facilidade. Ou tamén se queredes poderedes facelo de maneira anónima. Porque para min unha cousa moi importante dun blog é que as persoas que o visiten poidan opinar libremente.

Por todo isto considero que este cambio de blog é necesario. Xa que a moitas cousas chégalles un momento no que teñen que cambiar, algo que pode ser por diversos motivos. Incluso tamén as persoas podemos cambiar, no sentido en que pode cambiar a nosa forma de ver e entender a realidade que nos rodea. E debemos cambiar cando o cambio é positivo porque serve para mellorar a situación actual na que nos atopamos.

Quero aproveitar o meu primeiro comentario para comezar cunhas verbas de felicitación para todos e todas, desexándovos que pasedes un próspero 2008. Un ano no que agardo que se fagan realidade tódolos nosos soños para mellorar as nosas vidas. Así que recibide os meus mellores desexos para este ano que acaba de comezar.

Deste xeito este comentario é de benvida deste ano e deste blog. Polo que cos meus mellores propósitos para este novo ano e o novo blog douvos a miña benvida a todos e todas. E eu anímovos a que o visitedes e se queredes que me deixedes as vosas opinións. Así que agardo que non me falledes e que sigades sendo lectores dos meus comentarios neste novo blog no 2008.