23/12/11

Boas Festas e Feliz 2012


Para ampliar a postal hai que premer na imaxe.

Con esta postal quero desexarvos a todos e todas unhas Boas Festas e un Feliz 2012, agardando que o novo ana traia moita felicidade e prosperidade. A imaxe da postal é da Muralla de Lugo con neve na zona da Mosqueira.

Un ano máis dende o meu blog escribo para compartir con vos as miñas opinións sobre distintos temas e escoitar a vosa opinión como lectores. E agardo que no 2012 sigades visitando e participando neste blog.

Eu volverei a estar con vos no meu blog con todas as forzas e a ilusión no ano novo despois destas festas. Ata entón pasádeo moi ben e que sexades moi felices!

12/12/11

O teléfono 010 do Concello de Lugo


Os datos demostran o bo funcionamento do Servizo de Información Municipal 010 do Concello de Lugo. O Concelleiro de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, Francisco Fraga, informou que o teléfono 010 nos anos que leva funcionando xa atendeu 458.407 chamadas. Este servizo de información funciona dende marzo do 2005 e presta atención telefónica para achegar a administración aos cidadáns, na actualidade consta de unha plantilla de 5 teleoperadoras.

Diariamente o 010 atende a unhas 410 chamadas aproximadamente, aínda que os meses de maior volume de chamadas son o meses de xuño e outubro con motivo da celebración do Arde Lucus e do San Froilán chegando as 620 chamadas diarias. Cabe destacar que o tramo horario cun maior volume de chamadas é o comprendido entre ás 10:00 da mañá e a 13:30 do mediodía, supoñendo un 75% do volume de chamadas diarias.

Chamando ao Servizo de Información Municipal 010 do Concello de Lugo podedes obter información sobre servizos municipais, actividades, actos e programación das diversas concellerías, e sobre os eventos que teñan lugar na nosa cidade. Poderás, así mesmo, dispor da información actualizada sobre como realizar os trámites que precises no Concello. O Servizo 010 recibe tamén os avisos de avaría e suxestións.

Calquera persoa pode chamar, simplemente marcando o número 010 no termo municipal de Lugo, tanto dende teléfonos fixos como dende móbiles de calquera operador. Para chamadas de fóra do municipio, o número ao que hai que chamar será 982 297 350. Tamén pode enviar un enviar un correo electrónico ó enderezo: 010@concellodelugo.org.

O horario de servizo é de 8:30 da mañá a 20:30 da noite en días laborables, e os sábados de 9:00 a 14:00 horas. Fóra deste horario de atención do Servizo 010 está en funcionamento un buzón de voz conectado cos servizos de emerxencia e tamén se poden deixar consultas, que serán atendidas en horario laborable.

Así mesmo, merece unha mención especial o Servizo de Mensaxería "Todo o Concello no teu móbil" que realiza o Concello de Lugo dende fai cinco anos ofrecendo información municipal a través de mensaxes de texto nos teléfonos móbiles dos cidadáns; na actualidade conta con 1.850 persoas inscritas.

O Concello de Lugo quíxose sumar ao aforro polos difíciles momentos que estamos a vivir, implantando unha nova canle para recibir esta mesma información, fomentando o emprego do correo electrónico, xa que é un servizo gratuíto, tendo moi boa aceptación por parte dos antigos usuarios, contando na actualidade con 2.870 persoas inscritas, o que supuxo unha importante redución nos custes deste servizo.

Ademais dende maio o 010 é máis accesible a través dun servizo para que as persoas xordas poidan realizar as súas consultas coa administración, sendo estas tramitadas coa maior celeridade posible. As consultas poden realizarse a través de distintos medios dispoñibles no Buzón de consultas para persoas xordas.

Así pois, dende o meu blog anímovos a utilizar o Servizo de Información Municipal 010 a través dalgún destes medios cos que o Concello de Lugo nos ofrece este interesante servizo a toda a cidadanía.

Servizo de Información Municipal: 010 ou 982 297 350 para chamadas desde fóra do municipio de Lugo.