23/07/11

Actividades nos Telecentros Rurais


Os Concelleiros de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, Francisco Fraga, e o de Zona Rural, Manuel Chaín, xunto cos técnicos do Proxecto PARNET-tic no Concello de Lugo, visitamos varios telecentros rurais. Nestas visitas presentámoslles o programa formativo de verán aos pedáneos e aos representantes das asociacións veciñais das parroquias.

Este programa desenvolverase durante o mes de agosto nos telecentros rurais das parroquias de Castelo, Coeses, Santiago de Saá e San Xoán do Campo. O programa contén actividades de difusión e formación sobre as Novas Tecnoloxías, que se desenvolverán nestas parroquias da zona rural do municipio dentro do Proxecto europeo PARNET-tic.

O programa formativo ten por obxectivo iniciar os usuarios no uso de Internet e das Novas Tecnoloxías aplicadas ao uso cotián. Un programa dirixido a toda a cidadanía, con actividades para os nenos, os pais, os maiores, as PEMEs e os agricultores.

O equipo de PARNET-tic no Concello deseñamos a programación destas actividades, establecendo o calendario e os horarios nos que se desenvolverán, para o cal contamos coas suxestións dos pedáneos e dos representantes das asociacións veciñais.

O Proxecto europeo PARNET-tic está destinado ao fomento da sociedade da información nos territorios rurais, fomentando o acceso ás infraestruturas da comunicación e á sociedade da información. Este proxecto intégrase no programa de cooperación territorial "Espazo Sudoeste 2007-2013" da Unión Europea.

E dende o meu blog animo a tódolos lucenses a participar nas distintas actividades que organizamos dende o Concello de Lugo nos distintos telecentros municipais da zona rural e da cidade. Para máis información no teléfono 010 do Concello ou na web www.lugo.es.


P.D.: Quero condenar rotundamente a matanza de Utoya e o atentado cometido en Oslo. Ademais quero mostrarlle a miña solidariedade aos compañeiros das Xuventudes Laboristas, ao Goberno de Noruega e ás familias dos falecidos, aos que lles quitaron a súa vida nuns actos que non teñen ningunha xustificación.

Como estou de vacacións, vou a descansar uns días para volver con máis enerxías. Así que volverei a estar con vos no meu blog á volta. Ata entón pasádeo moi ben e que teñades un feliz verán!

15/07/11

Internet é prioritario no rural


Tal e como vos acabo de adiantar fai uns minutos a través das redes sociais, o Valedor do Pobo dálle a razón a AGRUPALUGO e suxírelle á Xunta de Galicia prioridade no desenrolo da banda larga no rural de Lugo e un acceso de calidade.

Deste xeito o Valedor do Pobo responde ao escrito de queixa que presentamos dende AGRUPALUGO ante esta Institución, no que criticamos o total abandono ao que a Xunta de Galicia está a someter o seu compromiso coa banda ancha no medio rural de Lugo, xa que pesar de ser a Xunta quen ten a competencia nesta materia, o Goberno galego non se preocupa por levar Internet ao rural. Motivo polo cal dende AGRUPALUGO denunciamos a través dos medios de comunicación que co novo sistema de identificación animal a Xunta "tómalle o pelo aos gandeiros".

O escrito de queixa que presentamos ante o Valedor do Pobo deu lugar a un expediente, que foi admitido a trámite e que rematou cunha investigación pola súa parte. E a continuación fago público no meu blog o resultado completo desta investigación que levou a cabo o Valedor do Pobo a instancia de AGRUPALUGO:

"Dita queixa refírese ás dificultades que no ámbito rural de Lugo existen para acceder a Internet, especialmente no ámbito das explotacións gandeiras. Como vostede sabe, tras o estudo e análise deste asunto, fixemos unha suxestión á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia para que no desenrolo da banda larga en Galicia dese prioridade os sectores que por razóns profesionais teñan necesidades dun acceso a Internet de calidade.

Esta Secretaría Xeral respondeu afirmativamente a dita suxestión. Así mesmo, indica que nos despregamentos do Plan Banda Larga de Galicia 2010-2013 da Xunta de Galicia se terá en conta ademais da demanda da poboación do rural de Galicia a demanda do sector empresarial e do sector público. Téñase en conta que se trata dun plan a catro anos e que nos próximos meses iniciaranse novos despregamentos co fin de seguir incrementando a porcentaxe de acceso de calidade no rural de Lugo."

Así que agora dende AGRUPALUGO velaremos polo cumprimento dos compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia de levar a banda larga ao rural, para que se garanta a igualdade de toda a cidadanía de acceso aos dereitos e aos mesmos servizos.

09/07/11

Rubalcaba: escoitar, facer, explicar



Rubalcaba é un político auténtico que vai traballar cos instrumentos da política de sempre: a escoita, o diálogo e o debate buscando solucións para a maioría social, a maioría coa que sempre gobernou o PSOE.

Rubalcaba escoita para saber o que pensa, o que sente e o que quere a xente, para actuar e dar solucións, para explicar por que e como se fixeron as cousas. En definitiva, "Rubalcaba: escoitar, facer, explicar" son as tres patas coas que o PSOE vai camiñar durante toda a campaña electoral, porque é o que mellor sabe facer o noso candidato socialista e ademais é o que cremos que a xente está a demandar da política: máis política, pero máis próxima.

E a min paréceme un traballo e un reto ilusionante, porque como nos dixo: "España es un gran país y los grandes países lo son, no por estar libres de dificultades, sino por su capacidad de superarlas".

Agora todos e todas estamos con Rubalcaba, porque o noso candidato Rubalcaba emplázanos a traballar desde XA mesmo: "¡Hagamos que suceda! ¡A la tarea!"