25/02/13

Que non recorten a voz da xuventude



Ante as lamentables declaracións da Alcaldesa de Madrid, Ana Botella, en contra do rol das novas xeracións dos partidos, como militante das Xuventudes Socialistas de Galicia quero mostrar o máis profundo apoio ás organizacións xuvenís dos partidos políticos, así como a todo tipo de asociación xuvenil que traballa en construír unha sociedade máis participativa e democrática.

Deste xeito vemos como os gobernos do PP están atacando a democracia e a liberdade de expresión, porque non admiten criticas aos recortes que están realizando no Estado do Benestar. E nestes momentos difíciles que estamos a vivir é cando temos que defender, aínda con máis intensidade, o Estado do Benestar e opoñernos a calquera tipo de recortes en dereitos adquiridos pola cidadanía e que tanto nos constaron conseguir a todos e todas, como son os dereitos en educación, sanidade e servizos sociais. Por iso, debemos esixir que non recorten a voz da xuventude.

O labor da xuventude nos partidos é esencial para a rexeneración democrática destes, así como para facilitar a participación xuvenil na vida política e fortalecer a democracia. As organizacións xuvenís dos partidos políticos teñen unha gran función non só dentro dos partidos, senón tamén como escolas de cidadanía para unha gran cantidade de mozos e mozas. 

O artigo 48 da Constitución Española establece que: "Os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural". Un labor no que a xuventude temos que ter un rol activo e constante, xerando espazos propios para o debate e a participación.

Nestes tempos de crise e desprestixio das nosas institucións públicas, temos que reforzar aínda máis se cabe o papel dos mozos e mozas que altruistamente queren implicarse na construción da sociedade, aumentando o seu papel nos partidos políticos, nas asociacións xuvenís, nos consellos da xuventude, nas iniciativas cidadás, etc. En definitiva, débese reforzar a implicación da xuventude para afianzar así a nosa democracia.

Se só escoitas queixas ao teu arredor pero ninguén actúa, se cres que outro mundo é posible, se cres que podes achegar algo á sociedade, entón é hora de empezar a actuar. A través deste vídeo que comparto e da campaña realizada polo Consello da Xuventude de España podes descubrir diferentes formas de participar e implicarte na sociedade.

Que non recorten a túa voz. Non te botes atrás, hai multitude de opcións segundo os teus intereses e o teu tempo dispoñible. Anímate... Asóciate e actúa!

18/02/13

Fórmate en Verde


A Deputación de Lugo presentou o plan Fórmate en Verde, a través do que o organismo provincial creará emprego e fixará poboación no rural, pois dará formación e asesoramento técnico especializado, de maneira totalmente gratuíta, a un mínimo de 900 lucenses para que creen ou reconvertan empresas vinculadas á agricultura e á gandería ecolóxica, así como ó aproveitamento forestal sostible. A iniciativa conta con 1 millón de euros de orzamento, financiados ó 80% pola Unión Europea.

A Deputación arrancou coa captación dos beneficiarios do programa de emprego. Os interesados xa dispoñen tamén de toda a información sobre o programa na web provincial www.deputacionlugo.org. A inscrición abrirase a semana do 25 de febreiro e os cursos comezarán en marzo. Tódolos teñen capacidade limitada e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Desta oportunidade de futuro poderán beneficiarse un mínimo de 900 lucenses: desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou a urxencia de impulsar iniciativas de calado coma esta, ante a dramática subida do paro que se está a producir en Galicia e na provincia. Por iso a Deputación está comprometida coa creación de emprego, con medidas como o Pacto Provincial polo Emprego, ou as 150 becas para mozos e mozas. Fronte a este compromiso, o mandatario provincial lamentou que a Xunta de Galicia teña outras prioridades, pois mentres a Deputación fixo un gran esforzo aumentando un 63% os fondos para políticas activas de emprego nos Orzamentos deste 2013, a Xunta de Galicia, con 100 veces máis de presuposto, rebáixaos este ano nun 40%.

11/02/13

Paremos a Lei Wert


A Lei Wert supón unha completa involución, unha contrarreforma, que nos devolve ao pasado por implantar as reválidas, outorgar maior peso á materia de relixión católica e eliminar Educación para a Cidadanía. Ademais é inmoral segregar aos estudantes nas aulas mediante as reválidas que formula a reforma e rompe por completo a equidade na educación.

Esta lei primará claramente ao ensino privado e concertado sobre o público de calidade, subvencionará a centros que segregan ao alumnado por sexo, xerará conflitos nas comunidades con lingua propia, recortará a democracia nos centros, convertendo ao Consello Escolar nun floreiro, deixará tirados aos alumnos con dificultades de aprendizaxe e converterá aos estudantes de FP en man de obra barata.

O Ministro Wert trata de aprobar a súa Lei sen ningún diálogo e coa comunidade educativa en contra, e preferiu negociar antes o seu proxecto coa Conferencia Episcopal que cos pais, estudantes e profesores.

A Lei Wert e os recortes en educación realizados polo Goberno do PP rompen por completo o principio de igualdade de oportunidades que debe imperar na educación pública e supoñen desmontar dun plumazo décadas de consolidación da educación pública como principal instrumento de cohesión social.

A comunidade educativa, os cidadáns e cidadás, esiximos a retirada do anteproxecto da LOMCE, e reclamamos a elaboración dunha lei que naza do diálogo e acordo de todas as partes implicadas, xa que só así poderá gozar de garantías de estabilidade, tal e como acontece noutros países da noso entorno, e cumprir a función social que debe ter a educación.

04/02/13

#CancerEnLugo

Dende a Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo (AgrupaLugo) comezaremos este luns día 4 unha nova campaña nas redes sociais para reclamarlle á Xunta os servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA, coincidindo co Día Internacional contra o Cancro. En AgrupaLugo decidimos realizar esta campaña despois do éxito que tivo nas redes sociais a campaña #InfartarEnLugo, coa que se reclamou a Unidade de Hemodinámica para o HULA.

Por este motivo poñerase en marcha esta campaña nas redes sociais para mobilizar á cidadanía lucense e solicitar estes servizos sanitarios no HULA, para que Lugo deixe de ser a única provincia galega sen dispoñer de Radioterapia e Medicina Nuclear.

Esta campaña denomínase #CancerEnLugo e pretende que a cidadanía se sume á petición de AgrupaLugo, reclamándolle á Xunta Radioterapia e Medicina Nuclear para o HULA. Deste xeito dende AgrupaLugo invitamos aos lucenses a compartir nas redes sociais a imaxe desta campaña e a difundir o hashtag #CancerEnLugo, xunto coas consecuencias de non ter Radioterapia e Medicina Nuclear na provincia de Lugo.

A imaxe e a información desta campaña poderán compartirse dende as redes sociais das que dispoñemos en AgrupaLugo, coa nosa páxina en Facebook: http://www.facebook.com/AgrupaLugo e co noso Twitter: https://twitter.com/AgrupaLugo.

Ademais dende AgrupaLugo e as asociacións integrantes participaremos na concentración para demandar a dotación dos servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA. Esta concentración terá lugar o 4 de febreiro ás 17:00 horas diante da entrada principal do Hospital Universitario Lucus Augusti.

Ante a importancia deste asunto, dende AgrupaLugo animamos a tódolos veciños e veciñas de Lugo a que se sumen á petición de Radioterapia e Medicina Nuclear para o HULA, compartindo esta campaña nas redes sociais e asistindo á concentración prevista para este luns.

Dende AgrupaLugo non descartamos seguir realizando as accións que sexan necesarias ata conseguir dispoñer de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA. O obxectivo de todas as accións será sempre o de solicitar o maior número de apoios nun asunto prioritario para Lugo.