31/08/09

Xa son un politólogo

Este venres entregáronme o certificado que acredita que son Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Polo que xa podo dicir que son un politólogo. Despois de pasar estes cinco anos de formación na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, fago un balance positivo do que me aportan no persoal e no profesional. Foron moitos os momentos vividos, uns máis agradables e outros menos, algúns dos cales fun compartindo con vos neste blog. Pero, como son positivo, eu quero quedarme con todos aqueles momentos que me aportaron máis na miña vida.

Durante esta etapa non só dediquei o tempo a estudar, senón que tamén tiven a oportunidade de realizar outras actividades que me resultaron moi enriquecedoras, entre elas teño que destacar a de ser Coordinador de IESGA na facultade, facer as prácticas na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Lugo, ser bolseiro SPIU (bolseiro de sostibilidade, participación e integración universitaria), ser alumno-titor de estudantes de 1º curso, ou ser representante dos estudantes na Xunta de Facultade.

Tamén teño que facer mención a moitas persoas que coñecín e das que aprendín moito, tanto na facultade e noutras facultades, como na Residencia Universitaria Monte da Condesa, ou noutras dependencias da Universidade. Sen lugar a dúbidas foron moitas as persoas que contribuíron a facer realidade a miña formación. A todas estas persoas que apareceron no meu camiño e das que aprendín tanto, nunca lles poderei agradecer o suficiente por todos estes momentos que pasamos xuntos.

Agora tócame servir como politólogo á sociedade. Unha sociedade que está vivindo un forte proceso de terciarización; é dicir, de ampliación das demandas de emprego no sector servizos como o turismo, o lecer, o deporte e a atención a colectivos con dificultades. E aquí é onde está un dos maiores xacementos de traballo para os politólogos. Tarefas como a xestión da Sociedade da información, a perspectiva de xénero, proxectos europeos, desenvolvemento e medio ambiente, variación no modelo de lecer como o turismo deportivo, saúde, turismo rural, urbano, industrial e as necesidades de empresas e institucións de xestión cultural ou consultoría son agora empregos altamente demandados.

Os politólogos temos instrumentos para analizar, predicir e modificar. Temos moito que dicir en planificación, organización, xestión e novas tecnoloxías da información. Estamos na sociedade da información, na que o procesamento desa información é fundamental para as empresas e as Administracións involucradas no e-government. As empresas e as Administracións teñen que tomar decisións en función da información que teñen, e os politólogos estamos en moi boas condicións para manexar esa información, prever situacións futuras e situarse ante elas para tomarlles vantaxe.

25/08/09

Voces de Lugo

O programa Voces de Lugo, que se pode escoitar en Radio Voz de luns a venres das 8 ás 11 da mañá a través da emisora de Lugo no 105,6 FM, é presentado por Raquel González e Bea Franco. Un programa no que podemos atopar os temas, os debates, as entrevistas e os contidos que farán máis amena e interesante cada mañá.

Dende o meu blog quero felicitar as persoas que fan posible este programa, porque me parece moi entretido e con moi bos contidos. Tamén quero agradecerlles que me conviden a asistir ao programa para comentar sobre distintos temas de actualidade, como os relacionados coa participación veciñal, a actualidade política ou o endurecemento da Lei contra o tabaco, entre outros. Alégrame poder participar nuns momentos de tertulia e coñecer as distintas opinións e compartilas cos ouvintes.

Cada día, de luns a venres, este programa axúdanos a sentir máis cerca o que nos rodea. Conta coas voces que comparten connosco intereses, preocupacións, opinións. Pero tamén coas que, ata desde a discrepancia, axúdannos a entender o que nos rodea. En Voces de Lugo, cada día fan posible entreternos con temas vivos, facéndonos sentir a actualidade con personaxes que nos achegan os ingredientes que debuxan o perfil de cada xornada.

Por iso, cada día propóñennos un variado menú de Voces de Lugo para facer a mellor descrición do que rodea a nosa vida. Só temos que acender a radio e unirnos a Radio Voz, algo que vos recomendo que fagades, para estar máis preto do que nos rodea.

19/08/09

O exercicio da responsabilidade

Despois de ler o último comentario que publicou no seu blog o Alcalde de Lugo, podo dicir que estou totalmente de acordo coa afirmación do seu título. Estou convencido que na Política, non todo vale. Porque na Política, como na vida, non todo vale. A pesar de que desgraciadamente hai xente que pensa o contrario e fai que os cidadáns, cometendo o erro de xeneralizar, teñan unha imaxe negativa da Política.

Dende o meu blog quero manifestar que como en calquera outra profesión, na Política atópaste con Políticos responsables no seu traballo e con políticos que non son responsables no seu traballo. O mesmo que ocorre cos avogados, fontaneiros, xornalistas, músicos, mestres, ou calquera outra profesión na que pensemos.

A Política, en democracia, é un servizo público que ten unhas regras do xogo, a partir das cales os que exercitan esa nobre tarefa teñen distintas formas de buscar e interpretar ese servizo público. E como di o Alcalde de Lugo " pensemos que a democracia é un constante avance e as normas que a rexen nunha sociedade aberta, plural e democrática, son de todos".

Sendo unha realidade que na política nos podemos atopar con xente que debido a unha ambición desmedida ou por querer aferrarse ao poder, son capaces de facer calquera cousa e de non respectar as regras do xogo existentes na Política. Pero tamén nos atopamos con Políticos traballadores e responsables. E na Política, en democracia, non podemos esquecer nunca que os cidadáns son os que deciden avaliando o traballo feito.

Estou seguro que un Político debe actuar dende o exercicio da responsabilidade. Unha responsabilidade que é moi importante, porque estamos a falar de persoas que xestionan recursos de tódolos cidadáns. Polo que tamén é moi importante que os Políticos actúen respectando as regras do xogo. Por iso debemos ter presente sempre que na Política, non todo vale.

10/08/09

O FEIL en Lugo

O Plan Español para el Estímulo de la Economía y el Empleo consta de catro eixes de actuación: medidas de apoio a empresas e familias; de fomento do emprego; medidas financeiras e orzamentarias; e, por último, medidas de modernización da economía. E o Goberno de Zapatero ten o propósito de pór en marcha e xestionar integramente o conxunto de medidas que contén o Plan E.

No que se refire ao fomento do emprego o Plan E introduce medidas directas de impulso á creación de emprego, entre as que cómpre salientar o Fondo para Entidades Locais e o Fondo Especial para a Dinamización da Economía e o Emprego, tanto polo volume de fondos que se mobilizan, 11.000 millóns de euros, como pola capilaridade das actuacións que se porán en marcha, que xerarán 300.000 empregos distribuídos por toda a xeografía española.

No caso concreto do concello de Lugo as obras financiadas polo FEIL (Fondo Estatal de Investimento Local) supuxeron un investimento no municipio de máis de 16 millóns de euros que posibilitaron levar a cabo 79 obras. Unhas obras que están a cumprir os obxectivos fixados no "Plan Zapatero": facer obras, contratar dotacións e crear emprego.

Trátase dunhas actuacións que permitiron a creación de 974 postos de traballo o que, tal e como salientou o Alcalde de Lugo, “permitiu superar as expectativas que se marcaron". As obras do “Plan Zapatero” promovidas polo Concello de Lugo foron repartidas entre a zona rural e os barrios da cidade para que todos os veciños puidesen verse beneficiados.

Neste sentido, na zona rural estanse a realizar actuacións en 42 pistas que permitirán que 54 parroquias teñan aglomerado en quente, o que vén a significar progreso, modernización e facer que os veciños do rural vivamos nas mellores condicións. O que é resultado do compromiso de mellorar o rural, como xa comentei nun comentario anterior no meu blog.