31/08/09

Xa son un politólogo

Este venres entregáronme o certificado que acredita que son Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Polo que xa podo dicir que son un politólogo. Despois de pasar estes cinco anos de formación na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, fago un balance positivo do que me aportan no persoal e no profesional. Foron moitos os momentos vividos, uns máis agradables e outros menos, algúns dos cales fun compartindo con vos neste blog. Pero, como son positivo, eu quero quedarme con todos aqueles momentos que me aportaron máis na miña vida.

Durante esta etapa non só dediquei o tempo a estudar, senón que tamén tiven a oportunidade de realizar outras actividades que me resultaron moi enriquecedoras, entre elas teño que destacar a de ser Coordinador de IESGA na facultade, facer as prácticas na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Lugo, ser bolseiro SPIU (bolseiro de sostibilidade, participación e integración universitaria), ser alumno-titor de estudantes de 1º curso, ou ser representante dos estudantes na Xunta de Facultade.

Tamén teño que facer mención a moitas persoas que coñecín e das que aprendín moito, tanto na facultade e noutras facultades, como na Residencia Universitaria Monte da Condesa, ou noutras dependencias da Universidade. Sen lugar a dúbidas foron moitas as persoas que contribuíron a facer realidade a miña formación. A todas estas persoas que apareceron no meu camiño e das que aprendín tanto, nunca lles poderei agradecer o suficiente por todos estes momentos que pasamos xuntos.

Agora tócame servir como politólogo á sociedade. Unha sociedade que está vivindo un forte proceso de terciarización; é dicir, de ampliación das demandas de emprego no sector servizos como o turismo, o lecer, o deporte e a atención a colectivos con dificultades. E aquí é onde está un dos maiores xacementos de traballo para os politólogos. Tarefas como a xestión da Sociedade da información, a perspectiva de xénero, proxectos europeos, desenvolvemento e medio ambiente, variación no modelo de lecer como o turismo deportivo, saúde, turismo rural, urbano, industrial e as necesidades de empresas e institucións de xestión cultural ou consultoría son agora empregos altamente demandados.

Os politólogos temos instrumentos para analizar, predicir e modificar. Temos moito que dicir en planificación, organización, xestión e novas tecnoloxías da información. Estamos na sociedade da información, na que o procesamento desa información é fundamental para as empresas e as Administracións involucradas no e-government. As empresas e as Administracións teñen que tomar decisións en función da información que teñen, e os politólogos estamos en moi boas condicións para manexar esa información, prever situacións futuras e situarse ante elas para tomarlles vantaxe.

3 comentarios:

  1. Anónimo4/9/09 17:14

    Noraboa!! Iso si... xa sabes que eu defendo a palabra político. Polítologo soame ao estudo da vida dos políticos e nós adicamonos ao estudo da política en xeral. Cuetións gramaticais apartes, unha forte aperta e moita sorte co mundo de posibilidades que agora tes diante. Espero verte pronto por Compostela. Abur!!

    ResponderEliminar

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.