19/08/09

O exercicio da responsabilidade

Despois de ler o último comentario que publicou no seu blog o Alcalde de Lugo, podo dicir que estou totalmente de acordo coa afirmación do seu título. Estou convencido que na Política, non todo vale. Porque na Política, como na vida, non todo vale. A pesar de que desgraciadamente hai xente que pensa o contrario e fai que os cidadáns, cometendo o erro de xeneralizar, teñan unha imaxe negativa da Política.

Dende o meu blog quero manifestar que como en calquera outra profesión, na Política atópaste con Políticos responsables no seu traballo e con políticos que non son responsables no seu traballo. O mesmo que ocorre cos avogados, fontaneiros, xornalistas, músicos, mestres, ou calquera outra profesión na que pensemos.

A Política, en democracia, é un servizo público que ten unhas regras do xogo, a partir das cales os que exercitan esa nobre tarefa teñen distintas formas de buscar e interpretar ese servizo público. E como di o Alcalde de Lugo " pensemos que a democracia é un constante avance e as normas que a rexen nunha sociedade aberta, plural e democrática, son de todos".

Sendo unha realidade que na política nos podemos atopar con xente que debido a unha ambición desmedida ou por querer aferrarse ao poder, son capaces de facer calquera cousa e de non respectar as regras do xogo existentes na Política. Pero tamén nos atopamos con Políticos traballadores e responsables. E na Política, en democracia, non podemos esquecer nunca que os cidadáns son os que deciden avaliando o traballo feito.

Estou seguro que un Político debe actuar dende o exercicio da responsabilidade. Unha responsabilidade que é moi importante, porque estamos a falar de persoas que xestionan recursos de tódolos cidadáns. Polo que tamén é moi importante que os Políticos actúen respectando as regras do xogo. Por iso debemos ter presente sempre que na Política, non todo vale.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.