27/05/09

As aventuras de Oreja Mayor



Neste vídeo podedes ver a Oreja Mayor no ambulatorio. As aventuras de Oreja Mayor pódense seguir a través dun espazo en Internet.

Esta serie de vídeo sobre as aventuras de Oreja Mayor, na que se seguen os pasos dun candidato imaxinario cunha visión do mundo un pouco antiga e autoritaria, que non ten moita habilidade para entender aos mozos, que non comparte as súas ideas nin os seus soños, e que se mostra incapaz de comprender e aceptar a sociedade española e europea de hoxe en día.

Con estes vídeos, búscase introducir un ton humorístico e de parodia á campaña electoral, e facer fincapé nas diferenzas entre a Europa que defende a dereita e a dos socialistas europeos, á vez que se remarca o contraste entre a candidatura socialista e a do PP.

Porque o protagonista dos vídeos é un candidato que, a pesar de ter unha orella enorme, que é a que lle vale o seu nome, non é capaz de escoitar todo o que teñen que dicirlle os mozos, como lle ocorre ao PP, que tampouco se dará por decatado de todo o que lle dirá a mocidade deste país, a través do seu voto, o próximo 7 de xuño.

17/05/09

Día das Letras Galegas e de Internet


Hoxe celébranse dúas conmemoracións, como son o Día das Letras Galegas e o Día de Internet e hai dous manifestos que apoio e que quero recomendar no meu blog. O Manifesto Socialista polo Día de Internet 2009, titulado "Por unha Internet libre, aberta e participativa" e o Manifesto das XSG polo Día das Letras Galegas 2009, que é unha homenaxe a Ramón Piñeiro.

Para descargar e asinar o Manifesto Socialista polo Día de Internet 2009 hai que accerder ao blog creado para tal finalidade. E a continuación poño o Manifesto das Xuventudes Socialistas de Galicia no Día das Letras Galegas, que tamén podedes consultar no blog das XSG.

Dende aquí deséxovos que teñades un Feliz Día das Letras Galegas e de Internet a todos e todas!!!


MANIFESTO DAS XSG NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O 17 de Maio conmemoramos o Día das Letras Galegas. Tódolos anos (dende 1963) é unha data sinalada, e este ano moi especialmente porque honramos a memoria dun dos intelectuais, escritores e políticos máis senlleiros da nosa historia. El foi, e seguirá sendo, un referente inmortal para os defensores da cultura, o idioma e a personalidade diferenciada de Galicia como pobo europeo.

Ramón Piñeiro pertence, por dereito propio, á longa lista de personalidades que máis e mellor representaron e souberon interpretar o particular espírito e anceios dunha terra comprometida cos ideais da paz, a liberdade, a igualdade e a fraternidade. El, coma outras e outros noutros tempos, viviu en carne propia a inxustiza e a incomprensión. Sufriu cadea e loitou, dende dentro, por dignificala memoria e a lingua dos galegos e das galegas, e por facer do noso un espazo democrático e normalizado de convivenza e de progreso.

Á súa inesgotable laboura debémoslle moito do que Galicia é hoxe como país. Un país plural e aberto ó mundo. Un país onde a súa xente posúe clara conciencia de pertenza a unha identidade distinta, pero que maioritariamente renega do conflito identitario. Onde os seus cidadáns aman e protexen a súa lingua a partes iguais, e onde hai que continuar pulando pola súa dignificación e respecto.

Ó carón da famosa mesa de braseiro atopáronse moitos mozos e mozas concienciados, na procura da comunicación, do debate e do pensamento crítico proscrito na época, ós que escoitaba e ós que inculcaba, sen adoutrinamento de ningún tipo, a paixón pola cultura dun pobo esmagado pola aterradora escuridade da longa noite de pedra.

Para as XSG Ramón Piñeiro soubo captar e condensar intelixentemente a sensibilidade e valores dos galegos, e é por iso que facemos nosas as súas verbas: “somos galegos de nación, españois por historia e europeos de cultura”.

O 17 de Maio XSG recordará, de maneira convencida, a figura deste home inesquecible pero tamén o fará tódolos días, e anima á xuventude galega e ós demáis cidadáns a facelo mesmo para que xuntos construamos unha Galicia semellante á que Ramón Piñeiro tiña en mente. Só así honraremos sinceramente a memoria dun grande do noso país. Un grande do que XSG se sinte orgulloso, pois considerámonos humildes continuadores da súa tarefa pola dignificacións dos nosos rasgos diferenciais, pero integradores.

11/05/09

Nova Secretaria Xeral das XSG


Nas Xuventudes Socialistas de Galicia contamos dende este sábado cunha nova Secretaria Xeral, ao celebrarse o XIII Congreso Nacional das XSG. Logo do informe de xestión e dun total de 22 intervencións, na sesión vespertina do sábado foi presentada e votada e apoiada maioritariamente a candidatura da compañeira María Torres.

María é membro da Executiva saínte, ocupará durante os vindeiros catro anos ó máximo cargo dentro da organización, tarefa que asume "con ilusión, e coa responsabilidade de saber que aínda queda moito traballo por facer". A nova Secretaria Xeral púxose a disposición de todas e cada unha das agrupacións locais de Xuventudes Socialistas de Galicia para lograr que dende a máis pequena ata a máis numerosa forme parte deste proxecto, porque como dixo,"sen dúbida, os militantes sodes a peza clave que lle dá sentido ás XSG".

Dende que coñecín o proxecto que ten María para as XSG mostreille todo o meu apoio, porque é un proxecto de futuro e realista, que fará que as XSG continuemos avanzando. E aínda que hai quen prefire a frase "sexamos realistas e fagamos o imposible", para min o imposible por definición non é posible, así que prefiro ser realista e facer o posible, que é traballar para seguir facendo realidade que as XSG sigan sendo un referente para a mocidade galega.

Quero felicitar aos compañeiros e compañeiras que entramos nos distintos órganos das XSG, na Executiva Nacional das XSG, no Comité Federal, no Comité de Garantías e no Comité Nacional do PSdeG-PSOE. Pola miña parte como delegado das XSG no Comité Nacional do PSdeG-PSOE, quero agradecerlle a María que contara comigo para asumir esta importante responsabilidade de representar as XSG.

Pero teño que recoñecer que para min este foi un momento de sentimentos enfrontados, porque por un lado alégrome moito pola nosa nova Secretaria Xeral e polos demais compañeiros e compañeiras, pero por outro estou triste porque marcha Loli, a compañeira que durante estes últimos anos dedicou todo o seu traballo e todos os seus esforzos nas XSG. Grazas a ela e ao seu equipo as XSG avanzaron e conseguiron que hoxe teñamos a gran organización que temos. Especialmente a Loli dende aquí quero agradecerlle o seu gran traballo durante estes anos nas XSG, porque lle estou moi agradecido polo seu apoio e por estar sempre cando a necesitamos.

Tamén quero agradecerlles a moitas máis persoas das XSG que están ao meu lado e me apoian, como Loli, Tamara, María García, Pablo, María Torres, Azu, Antonio, Rocío, Alberto, ... Demostráronme que non estou só e danme forzas para seguir adiante día a día. O que fai que me sinta aínda máis orgulloso de estar e de participar nas XSG.

08/05/09

XIII Congreso das XSG


Xuventudes Socialistas de Galicia celebra o seu XIII Congreso Nacional os días 9 e 10 de maio no concello de Fene.

Un congreso non é só unha actividade orgánica, é o momento de tomar partido, de dicirlle á sociedade e ós mozos e mozas galegos quen somos, que queremos, cara onde imos.

Cando dicimos que DECIDIMOS queremos dicir que contamos, que opinamos, que escoitamos.

DECIDIMOS movernos.

DECIDIMOS opinar, contar.

DECIDIMOS decidir.

DECIDIMOS participar.

DECIDIMOS loitar por unha Galicia de todos/as e para todos/as.

E tí, que decides?

04/05/09

130 anos

O Partido Socialista fundouse clandestinamente en Madrid, o 2 de maio de 1879 ao redor dun núcleo de intelectuais e obreiros, fundamentalmente tipógrafos, encabezados por Pablo Iglesias, Jaime Vera, Antonio García Quejido, José Mesa e outros socialistas pertencentes a diversas asociacións políticas e profesionais de ideoloxía marxista, que inicialmente contou con preto dun milleiro de afiliados, distribuídos entre Madrid, Barcelona e Guadalajara. O primeiro programa do novo partido político foi aprobado nunha asemblea de 40 persoas, o 20 de xullo dese mesmo ano.

O PSOE convértese así nun dos primeiros partidos socialistas que se fundan en Europa, como expresión dos afáns e intereses das novas clases traballadoras que xurdían coa revolución industrial. Desde entón, orientou o seu labor cara ao logro dos grandes ideais emancipatorios do socialismo, cos cambios lóxicos de estratexia que os momentos históricos impuxeron en cada caso e que decidiron o conxunto dos afiliados.

Este ano celebramos o 130 aniversario do PSOE e facémolo desde o agradecemento a quenes loitaron e dérono todo pola liberdade que hoxe gozamos. A eles e elas o noso recoñecemento na certeza de que defenderemos os valores socialistas para entre todos e todas construír unha sociedade máis xusta, libre e en igualdade de oportunidades.

E remato recordando o que nos dixo Pablo Iglesias: "Sois socialistas no para amar en silencio vuestras ideas, ni para recrearos con su grandeza y con el espíritu de justicia que las anima, sino para llevarlas a todas partes."

P.D.: Quero expresar a toda xente que forma parte do EMEVÉ e especialmente á familia de Aida e de Iris que os acompaño no sentimento, devido a esta traxedia que sentimos todos os lucenses. Todo o meu apoio nestes momentos tan duros para o EMEVÉ.