17/05/09

Día das Letras Galegas e de Internet


Hoxe celébranse dúas conmemoracións, como son o Día das Letras Galegas e o Día de Internet e hai dous manifestos que apoio e que quero recomendar no meu blog. O Manifesto Socialista polo Día de Internet 2009, titulado "Por unha Internet libre, aberta e participativa" e o Manifesto das XSG polo Día das Letras Galegas 2009, que é unha homenaxe a Ramón Piñeiro.

Para descargar e asinar o Manifesto Socialista polo Día de Internet 2009 hai que accerder ao blog creado para tal finalidade. E a continuación poño o Manifesto das Xuventudes Socialistas de Galicia no Día das Letras Galegas, que tamén podedes consultar no blog das XSG.

Dende aquí deséxovos que teñades un Feliz Día das Letras Galegas e de Internet a todos e todas!!!


MANIFESTO DAS XSG NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O 17 de Maio conmemoramos o Día das Letras Galegas. Tódolos anos (dende 1963) é unha data sinalada, e este ano moi especialmente porque honramos a memoria dun dos intelectuais, escritores e políticos máis senlleiros da nosa historia. El foi, e seguirá sendo, un referente inmortal para os defensores da cultura, o idioma e a personalidade diferenciada de Galicia como pobo europeo.

Ramón Piñeiro pertence, por dereito propio, á longa lista de personalidades que máis e mellor representaron e souberon interpretar o particular espírito e anceios dunha terra comprometida cos ideais da paz, a liberdade, a igualdade e a fraternidade. El, coma outras e outros noutros tempos, viviu en carne propia a inxustiza e a incomprensión. Sufriu cadea e loitou, dende dentro, por dignificala memoria e a lingua dos galegos e das galegas, e por facer do noso un espazo democrático e normalizado de convivenza e de progreso.

Á súa inesgotable laboura debémoslle moito do que Galicia é hoxe como país. Un país plural e aberto ó mundo. Un país onde a súa xente posúe clara conciencia de pertenza a unha identidade distinta, pero que maioritariamente renega do conflito identitario. Onde os seus cidadáns aman e protexen a súa lingua a partes iguais, e onde hai que continuar pulando pola súa dignificación e respecto.

Ó carón da famosa mesa de braseiro atopáronse moitos mozos e mozas concienciados, na procura da comunicación, do debate e do pensamento crítico proscrito na época, ós que escoitaba e ós que inculcaba, sen adoutrinamento de ningún tipo, a paixón pola cultura dun pobo esmagado pola aterradora escuridade da longa noite de pedra.

Para as XSG Ramón Piñeiro soubo captar e condensar intelixentemente a sensibilidade e valores dos galegos, e é por iso que facemos nosas as súas verbas: “somos galegos de nación, españois por historia e europeos de cultura”.

O 17 de Maio XSG recordará, de maneira convencida, a figura deste home inesquecible pero tamén o fará tódolos días, e anima á xuventude galega e ós demáis cidadáns a facelo mesmo para que xuntos construamos unha Galicia semellante á que Ramón Piñeiro tiña en mente. Só así honraremos sinceramente a memoria dun grande do noso país. Un grande do que XSG se sinte orgulloso, pois considerámonos humildes continuadores da súa tarefa pola dignificacións dos nosos rasgos diferenciais, pero integradores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.