27/07/08

Finalizou o Congreso

Esta tarde rematou o 11 Congreso Nacional do Partido Socialista de Galicia. Nesta segunda xornada do Congreso a lista da Comisión Executiva do PSdeG recibiu o respaldo do 93,43% dos votos dos delegados e delegadas. Algunhas das novidades desta lista foron a creación do cargo de Vicesecretario Xeral, que será para Ricardo Varela, e o nomeamento dunha muller como Secretaria de Organización, a deputada autonómica e Concelleira de Urbanismo na Coruña, Mar Barcón.

Un Congreso no que se puxo de manifesto que o PSdeG-PSOE é o partido que está a cambiar Galicia, para que se converta nun país politicamente moderno, economicamente próspero e socialmente avanzado. E neste sentido Touriño dixo que o PSdeG é a forza capaz de transformar Galicia e de facelo a partir de ideas propias e dun proxecto propio, elaborado e desenvolvido en Galicia, nacido do diálogo coa sociedade galega e do compromiso cun ideario que se nutre continuamente dese diálogo.

Na foto podedes verme co meu compañeiro Suso e Adriana Viz, unha compañeira de Lalín que coñecín no Congreso e que tamén é unha blogguer. Nese momento estabamos na zona destinada aos bloggers. Na que vos podo dicir que houbo moita participación de compañeiros e compañeiras, que tamén quixeron comentar nos seus blogs o que acontecía neste Congreso.

26/07/08

1ª xornada do Congreso

Esta maña o meu compañeiro Suso e eu chagamos a Santiago de Compostela, onde deu comezo o 11 Congreso Nacional do PSdeG, que se celebra hoxe e maña no Pazo de Congresos e de Exposicións. O primeiro que tiven que facer foi recoller a miña credencial de blogger, que me permite acceder a calquera espazo do Congreso. E deste xeito podo contarvos o que acontece neste importante evento para o noso partido.

Un Congreso no que Emilio Pérez Touriño foi reelixido como Secretario Xeral do Partido Socialista de Galicia, co apoio do 97,37% dos delegados e delegadas presentes no Congreso. Nas urnas entraron 444 papeletas a favor e 12 abstencións, sen ningunha candidatura que se opuxese á oficial. Polo que Touriño acadou o apoio e a confianza para seguir catro anos máis á fronte dos socialistas galegos.

Este é o Congreso da revitalización e fortalecemento do noso partido para conseguir impulsar o proxecto do cambio político en Galicia. E está a ser un Congreso vivo, con debate e participación, onde a solución que se está a propoñer é máis e mellor Partido. Téntase avanzar nas seguintes liñas de acción política: fortalecemento do partido; potenciación do papel da militancia; revitalización do debate de ideas, do pluralismo e da democracia interna e participativa; apoio ás agrupacións das vilas e dos pequenos concellos; avanzar e dinamizar o cambio político en Galicia; e con vocación de acadar a maioría social en Galicia.

22/07/08

11 Congreso Nacional do PSdeG-PSOE

O 11 Congreso Nacional do PSdeG-PSOE terá lugar os días 26 e 27 de xullo no Pazo de Congresos e de Exposicións de Santiago de Compostela. Baixo o lema "A Forza de Galicia" celebrarase este Congreso, co desexo de ser cada día un partido máis útil para a sociedade galega, como dixo o Secretario de Organización dos socialistas galegos, Ricardo Varela.

Como novidade nesta edición os bloggers imos ter unha presenza importante e fundamental, xa que imos a ser os encargados de trasladar o desenvolvemento e as nosas opinións sobre o que acontece en cada momento no Congreso. Para o que a Organización habilitará unha zona WI-FI para arredor de 50 bloggers que faremos comentarios, propostas, e transmitiremos mensaxes on-line para os internautas.

O PSdeG é tamén pioneiro na creación dun blog, no que se amosa unha nova visión do Congreso e no que poderán participar os internautas enviando comentarios. E tamén hai unha web específica do 11 Congreso con información diversa e de interese, especialmente para os participantes no mesmo.

17/07/08

As miñas prácticas

Durante este verán estou a facer as prácticas no Departamento de Desenvolvemento Local do Concello de Lugo, unhas prácticas que realizo a través do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela. Así que durante tres meses, dende xullo a setembro, poderedes atoparme neste Departamento, que se atopa na Casa Consistorial, situado na praza Maior. Aínda que en pouco tempo nos trasladaremos para o edificio do antigo cuartel de Garabolos, lugar no que está o Centro de Empresas e Innovación.

Nestas semanas que levo estou cos meus compañeiros, Isabel, Montse e Servando, que somos os que estamos no Departamento, e contando coas visitas por motivos de traballo dos compañeiros que están no CEI (Centro de Empresas e Innovación) e noutros programas de emprego. E tamén se pasa polo Departamento a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, que ten un despacho onde leva os temas de emprego.

E estou a aprender moitas cousas e sobre todo grazas aos compañeiros, que me atenden moi ben e fan posible que cada día das prácticas me sexa de moita utilidade para min. Por iso lles quero agradecer a atención que me prestan cada día con toda a súa amabilidade. Xa vos contarei a evolución da realización das miñas prácticas. E se queredes facerme unha visita xa sabedes onde podedes atoparme durante estes meses, que eu estarei encantado de atendervos.

07/07/08

Propostas para o novo regulamento

A última reunión da Comisión encargada da elaboración do novo Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Lugo celebrouse o 26 de xuño. Nesta reunión cada un dos asistentes e membros desta comisión expuxemos as nosas suxestións á proposta de borrador feita polo Equipo de Goberno. E agora a Concelleira Delegada da Área de Servizos Xerais e os técnicos municipais responsables de Participación Cidadá van a estudar todas as propostas que fixemos e ver se hai posibilidades para incorporalas.

Como representante das asociacións non federadas defendín a proposta de que inicialmente Lugo teña dous distritos, un rural e outro urbano, como propuxo o Goberno Local na súa proposta de borrador. E unha vez que se poñan en funcionamento os distritos e tendo en conta a súa operatividade habería que ver se son suficientes ou se habería que facer unha nova división en máis distritos. Pero en principio as asociacións non federadas pensamos que é mellor esta división en dous distritos. Especialmente porque as parroquias da zona rural do concello teñen unha problemática distinta á dos barrios da cidade. E o que non compartimos é a proposta realizada pola Federación de Asociacións de Veciños feita na Comisión de poñer en marcha catros distritos agrupando as distintas parroquias cos distintos barrios, xa que cremos que a zona rural ten distintos problemas aos da cidade.

E por último en canto á elección dos pedáneos habería que concretar antes a súa figura xurídica, posto que na actualidade son representantes do Alcalde nas distintas parroquias, polo que é o Alcalde quen os debe designar. E tamén nos preguntamos dende as asociacións non federadas da zona rural por qué o PP e a Federación piden eleccións democráticas de pedáneos e cando gobernou o PP non facían o mesmo, xa que o PP non convocou eleccións de pedáneos e a Federación non o demandou daquela.

06/07/08

37 Congreso do PSOE

Este vídeo recolle as principais pasaxes do primeiro discurso de Zapatero ante o plenario, durante o 37 Congreso do PSOE, antes de ser reelixido Secretario Xeral. O 98,5% dos delegados e delegadas do Congreso apoiaron ao presidente.