07/07/08

Propostas para o novo regulamento

A última reunión da Comisión encargada da elaboración do novo Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Lugo celebrouse o 26 de xuño. Nesta reunión cada un dos asistentes e membros desta comisión expuxemos as nosas suxestións á proposta de borrador feita polo Equipo de Goberno. E agora a Concelleira Delegada da Área de Servizos Xerais e os técnicos municipais responsables de Participación Cidadá van a estudar todas as propostas que fixemos e ver se hai posibilidades para incorporalas.

Como representante das asociacións non federadas defendín a proposta de que inicialmente Lugo teña dous distritos, un rural e outro urbano, como propuxo o Goberno Local na súa proposta de borrador. E unha vez que se poñan en funcionamento os distritos e tendo en conta a súa operatividade habería que ver se son suficientes ou se habería que facer unha nova división en máis distritos. Pero en principio as asociacións non federadas pensamos que é mellor esta división en dous distritos. Especialmente porque as parroquias da zona rural do concello teñen unha problemática distinta á dos barrios da cidade. E o que non compartimos é a proposta realizada pola Federación de Asociacións de Veciños feita na Comisión de poñer en marcha catros distritos agrupando as distintas parroquias cos distintos barrios, xa que cremos que a zona rural ten distintos problemas aos da cidade.

E por último en canto á elección dos pedáneos habería que concretar antes a súa figura xurídica, posto que na actualidade son representantes do Alcalde nas distintas parroquias, polo que é o Alcalde quen os debe designar. E tamén nos preguntamos dende as asociacións non federadas da zona rural por qué o PP e a Federación piden eleccións democráticas de pedáneos e cando gobernou o PP non facían o mesmo, xa que o PP non convocou eleccións de pedáneos e a Federación non o demandou daquela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.