23/02/10

O Banco de Tempo

Tiven a oportunidade de participar como representante veciñal na Mesa de concertación do plan de programación do tempo na cidade de Lugo. Como son un defensor da transparencia e de achegarlle a información á cidadanía, quero falarvos no meu blog da principal medida de conciliación do tempo na cidade que acordamos e que foi poñer en marcha un Banco de Tempo en Lugo. Así que vou a explicarvos esta interesante iniciativa do Concello de Lugo.

Un Banco de Tempo é un sistema de intercambio de servizos por tempo. Nel a unidade de intercambio non son os cartos senón unha medida de tempo, por exemplo o traballo por hora. Trátase dun sistema de intercambio de servizos por servizos, ou de favores por favores. Propón a vantaxe de fomentar as relacións sociais e a igualdade entre distintas persoas. A idea da que se parte é que todos e todas teñen a capacidade de axudar a outras persoas que ao mesmo tempo poden devolver a axuda para resolver algunhas necesidades diarias.

Auxilia encargouse de poñer en marcha un Banco de Tempo en Lugo, como entidade prestadora de servizos sociais, coa colaboración do Concello de Lugo, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade. As persoas adscritas terán que ofrecer un determinado número de horas mensuais e demandar o mesmo número de horas para cubrir necesidades puntuais. Cada persoa adscrita ao servizo será titular dun conta corrente de tempo. Non se poderá acumular unha diferenza maior de 10 horas entre o tempo ofertado e o tempo recibido. O Banco do Tempo ofertará máis actividades canta máis xente teña inscrita. Soamente hai que anotarse e facer propostas, canto máis orixinais mellor.

Os interesados en participar podedes acudir á sede de Auxilia en Lugo, situada na Casa Clara Campoamor, local 4, que está na Avenida Infanta Elena, nº 11. Para recibir máis información pódese chamar ao teléfono de atención cidadá 010 e a través da páxina web http://www.bdtlugo.net.

17/02/10

Os intereses do PP

Despois de ver os acontecementos e o debate desta mañá no Congreso, quedoume ben claro o que quere o PP e cales son os seus intereses. Porque desgraciadamente os feitos demóstrannos que o PP desexa que lle vaia peor a España, pensando en que lles irá mellor a eles. E deste xeito vemos como o PP está máis preocupado e ocupado nos seus intereses como partido que nos intereses da cidadanía.

Neste debate Rajoy volveu usar a descualificación, o alarmismo e non expuxo nin unha soa proposta. Só lle propuxo ao Grupo Socialista que lle retirasen o apoio ao Presidente e que llo deran a el. Porque a Rajoy moléstalle que José Luís Rodríguez Zapatero sexa un líder con conviccións, ideas, valores e principios, que conta co apoio unánime de todo o PSOE.

O PSOE asume as críticas e, na medida en que unha circunstancia difícil como a actual esixe o concurso e o esforzo colectivo de todos, é receptivo ás propostas doutros e sempre é favorable ao pacto. O Parlamento é o escenario dun exercicio de pacto e acordo constante pola parte do PSOE. Deste xeito mentres o Presidente do Goberno chegou con propostas, ideas e cun firme compromiso con lograr un gran pacto, Mariano Rajoy non achegou nada. Demostrou que o PP non ten nin unha soa idea, nin alternativa.

Ata agora, o Partido Popular non acompañou nin unha soa das medidas que se puxeron en marcha, e que outros moitos grupos políticos si apoiaron. Por iso non puidemos escoitarlle ao PP detalle algún do seu proxecto económico, nin unha proposta, nin unha oferta de arrimar o ombreiro. O PP esaxera as malas noticias e silencia as boas. Xamais recoñece as realidades económicas positivas de España.

09/02/10

Compromisos cumpridos

Importantes infraestruturas para Lugo, como a Nova Ponte sobre o Río Miño, están sendo unha realidade froito do compromiso do Ministro de Fomento, José Blanco. Un home que fixo posible que Lugo conte no mapa das infraestruturas. Mentres que o Goberno do PP non atendeu as necesidades das infraestruturas que precisamos, o Goberno socialista presidido por Zapatero en outubro de 2004 tivo unha sensibilidade e adquiriu uns compromisos con Lugo, que se están a materializar coa realización de proxectos necesarios para o avance de Lugo.

Deste xeito o ano pasado o Ministro puxo en servizo o desdobramento da N-VI no tramo Nadela-Tolda de Castela, na circunvalación de Lugo. O investimento alcanzou os 28,8 millóns de euros e conseguiu mellorar os accesos e as comunicacións da cidade de Lugo. O trazado de 4,5 km. contemplou a construción de varias rotondas e na súa construción observáronse unha serie de medidas correctoras ambientais e arqueolóxicas, recollidas na Declaración de Impacto Ambiental.

Tamén no pasado ano o Ministerio de Fomento licitou e adxudicou as obras da nova ponte sobre o río Miño cun orzamento de 21,5 millóns de euros. Ademais da ponte, construiranse os viarios necesarios para conectar a circunvalación da N-VI coas estradas do sur de Lugo, coa estrada de Portomarín e coa antiga estrada de Santiago. Co acordo co Concello lucense sobre o acceso á ponte desde a glorieta que conecta coa N-VI, facilitaranse os accesos da capital á futura autovía de Lugo a Santiago.

Ademais están en construción outras infraestruturas que beneficiarán moito a Lugo, como as autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense. E nos próximos meses levarase a cabo o convenio para o arranxo de todos os espazos verdes das estradas do Ministerio de Fomento nas entradas da cidade.

Este avance de Lugo no sería posible sen o traballo do Ministro de Fomento e do Alcalde de Lugo. Deste xeito a nova Ponte e máis infraestruturas importantes para Lugo serán unha realidade grazas a José Blanco e a José L. Orozco. Eu estaba seguro de non nos fallarían aos lucenses e os acontecementos están a demostrar que non me equivocaba.