25/06/08

3 anos cambiando Galicia

Este é o vídeo conmemorativo dos 3 anos de goberno socialista en Galicia, posto que en xuño do 2005 os cidadáns galegos aportaron polo cambio. Tres anos despois os socialistas, forza motriz do cambio, podemos afirmar con orgullo que Galicia avanza, que ese ilusionante proxecto de transformación e modernización do país está a desenvolverse aceleradamente e con eficacia.

12/06/08

Lugo conseguiu o Plan Urban

Onte o Ministerio de Economía e Facenda concedeu o proxecto da Iniciativa Urbana de Lugo, coñecido como Plan Urban. Supón un investimento para a cidade de 16 millóns de euros, 8 millóns de euros procedentes de fondos FEDER, 1 millón de euros da Consellería de Economía da Xunta de Galicia, 3 millóns de euros da Deputación Provincial de Lugo e 3.942.000 euros do Concello de Lugo.

O traballo para a presentación desta iniciativa comezou xa en xullo do 2007 dende o Departamento de Desenvolvemento Local. A boa nova para Lugo chega no momento oportuno e demostra unha vez máis o resultado da xestión que se leva a cabo dende o Goberno Local. O Alcalde de Lugo, José López Orozco, destacou que á terceira vai a vencida e que outra vez conseguímolo entre todos.

E como lucense alégrome desta boa nova para Lugo e quero felicitar a tódalas persoas e entidades que co seu traballo e esforzo fixeron que este proxecto sexa unha realidade, especialmente as persoas que traballan no Departamento de Desenvolvemento Local e o Equipo de Goberno do Concello de Lugo.

09/06/08

Un político con futuro

Hoxe o xornal El País na súa edición de Galicia publica unha interesante entrevista a José Ramón Gómez Besteiro, Presidente da Deputación de Lugo. E recoméndovos que vexades esta entrevista a un político cun futuro prometedor, porque estamos ante unha figura emerxente dentro do PSdeG-PSOE e estou seguro que o tempo así o dirá. É un home traballador e unha persoa honrada, ao que lle desexo o mellor na súa vida política e profesional.

05/06/08

Día Mundial do Medio Ambiente

Hoxe conmemórase o Día Mundial do Medio Ambiente, que se ven celebrando o 5 de xuño de cada ano dende 1972, sendo o vehículo a través do cal as Nacións Unidas estimulan a concienciación sobre o medio ambiente a nivel mundial, ademais de promover a atención e acción política.

O lema seleccionado para este ano é “Deixa o hábito! Por unha economía baixa en carbono”. Entendendo que o cambio climático se está a converter no tema clave da nosa era, o PENUMA (Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente) está facendo un chamamento aos países, empresas e comunidades para que se esforcen en reducir as emisións de efecto invernadoiro.

O Día Mundial para o Medio Ambiente ilustrará as distintas iniciativas, así como os medios para promover unhas economías e estilos de vida baixos en carbono, como por exemplo o uso de técnicas máis eficientes no uso de enerxía, fontes de enerxía alternativas, conservación dos bosques e consumo ecolóxico.