25/11/09

Maltrato cero

Hoxe, 25 de novembro, é o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero. E as mulleres maltratadas teñen que sentir que teñen todo o noso apoio e que toda a sociedade está loitando para que estes malos tratos e estes asasinatos rematen, para que os covardes dos seus maltratadores deixen vivir a estas mulleres. Pero esta tarefa non é un só día, senón que son os 365 días do ano.

E ademais disto temos que seguir traballando para conseguir a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos. Porque tódalas persoas teñen dereito a unha vida digna, sen malos tratos e a unha igualdade de oportunidades. E froito do esforzo colectivo das mulleres, conseguíronse grandes avances, pero debemos ser conscientes de que aínda queda un longo camiño por percorrer. Para que isto sexa unha realidade hai que seguir traballando xuntos neste camiño da Igualdade, algo ao que sen dúbida entre todos e todas chegaremos.

Temos que estar xunto a elas, porque nos necesitan e porque non consentimos que sexan maltratadas baixo ningún concepto e menos por ser mulleres. Porque de tódalas mulleres que haxa na miña vida, NINGUNHA SERÁ MENOS CA MIN. Porque entre un home e unha muller, MALTRATO CERO.

17/11/09

Xuntos facemos Lugo

Hoxe estréase a nova web do PSdeG-PSOE de Lugo. A nova web ten espazos de participación para que a cidadanía envíemos as nosas opinións e as nosas propostas e axudemos a mellorar o noso concello. Podemos atoparnos con distintas seccións, para coñecer o Grupo Municipal Socialista, un equipo unido que traballa con forza e ilusión por un Lugo igualitario e moderno, na zona urbana e na rural. E tamén para coñecer a Executiva Local, descubrindo o nexo de unión e comunicación dos socialistas do noso municipio. Experiencia e ilusión ao servizo dos veciños e veciñas que apostan polo progreso de Lugo. Tamén hai outras novidades, como un foro ou os blogs de José L. Orozco, Sonia Méndez e Carlos Ferreiro.

Como o motor dos socialistas é traballar para mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas de Lugo, da zona urbana e da rural, a nova web conta co espazo Así vexo o meu barrio. Trátase dunha fiestra aberta para todos aqueles que queiran participar neste percorrido polo municipio de Lugo, a través dos comentarios, suxestións e fotografías. Deste xeito cada quincena, un barrio ou parroquia será a protagonista. Así que anímovos a que visitedes esta nova web e a que participedes nela coa vosa colaboración.

Seguindo neste camiño, a semana pasada o Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou a posta en marcha dunha campaña informativa que ten por obxectivo achegar a acción do Goberno Local aos cidadáns. Baixo o lema O Goberno de Lugo Contigo, o Executivo Local trasladarase a todos os centros de convivencia, colexios e escolas rurais co obxectivo de dar conta dos proxectos no que traballa o Equipo de Goberno, así como os investimentos realizados ata o de agora e aqueles programados para os próximos meses. Os veciños e veciñas de Lugo recibirán información detallada nas súas vivendas das convocatorias previstas.

Porque para os e as socialistas, Lugo facémolo entre todos e todas, por iso a opinión da cidadanía é moi importante. Neste sentido vai encamiñada a política do PSdeG-PSOE de Lugo, estando preto dos veciños e veciñas e escoitando as suxestións e inquedanzas que temos para mellorar o noso concello, porque XUNTOS FACEMOS LUGO.

10/11/09

Europa máis preto

Os resultados das enquisas indican que maioría da cidadanía sinte que a Unión Europea está lonxe, porque non coñecen en que lles afecta ou pensan que non ten importancia. Por iso as iniciativas que contribúen a mellorar o coñecemento que teñen os cidadáns da UE son moi importantes. Un exemplo destas iniciativas é á rede de Centros de Información Europea.

En Lugo contamos dende xaneiro cunha Oficina de Europa Direct xestionada polo Concello de Lugo. Esta oficina ofrece un servizo rápido, directo e accesible para achegarse á Unión Europea desde Lugo. Deste xeito os cidadáns temos máis preto a información relacionada coa UE, porque esta oficina proporciona un servizo de información sobre temas relacionados coa UE.

A oficina ofrécenos este servizo a través de consultas, acceso a documentación relacionada coa Unión Europea, acceso desde os ordenadores do centro ás bases de datos comunitarias e outras fontes de información da UE, ou información a través da súa páxina web e do seu boletín electrónico mensual de toda a actualidade sobre as políticas da UE.

Europe Direct-Lugo, pertencente á rede de Centros de Información Europea, é o punto desde o que o Concello de Lugo ofrece un servizo de proximidade que permite aos cidadáns obter información, asesoramento, axuda e respostas as súas dúbidas sobre a lexislación, as políticas, os programas e as posibilidades de financiación da Unión Europea.

Diríxese a todos os cidadáns, entidades públicas ou privadas que estean interesadas na procura de información sobre a Unión Europea: Administracións, colectivos, empresarios, traballadores, estudantes, profesores, etc. A Oficina de Europa Direct de Lugo está situada na Avenida da Coruña 490 (Antigo cuartel de Garabolos).

02/11/09

Unha canción con sentimento



Quero compartir no meu blog esta preciosa canción da cantautora Silvia Penide titulada "Amo", unha canción que coñecín por uns amigos. Silvia demóstranos que cunha canción se pode transmitir mensaxes con moito sentimento. Por iso quero compartir con vós o vídeo desta canción, para que vexades as mensaxes que nos transmite da vida e como pode chegar a facernos reflexionar.

A min transmíteme moito sentimento e algo que só se pode coñecer escoitándoa, polo que creo que sobran as palabras que eu vos poida dicir. Así que anímovos a que escoitedes esta canción, porque estou seguro que non vos deixará indiferentes e vos fará reflexionar.