25/11/09

Maltrato cero

Hoxe, 25 de novembro, é o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero. E as mulleres maltratadas teñen que sentir que teñen todo o noso apoio e que toda a sociedade está loitando para que estes malos tratos e estes asasinatos rematen, para que os covardes dos seus maltratadores deixen vivir a estas mulleres. Pero esta tarefa non é un só día, senón que son os 365 días do ano.

E ademais disto temos que seguir traballando para conseguir a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes en tódolos ámbitos. Porque tódalas persoas teñen dereito a unha vida digna, sen malos tratos e a unha igualdade de oportunidades. E froito do esforzo colectivo das mulleres, conseguíronse grandes avances, pero debemos ser conscientes de que aínda queda un longo camiño por percorrer. Para que isto sexa unha realidade hai que seguir traballando xuntos neste camiño da Igualdade, algo ao que sen dúbida entre todos e todas chegaremos.

Temos que estar xunto a elas, porque nos necesitan e porque non consentimos que sexan maltratadas baixo ningún concepto e menos por ser mulleres. Porque de tódalas mulleres que haxa na miña vida, NINGUNHA SERÁ MENOS CA MIN. Porque entre un home e unha muller, MALTRATO CERO.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.