17/11/09

Xuntos facemos Lugo

Hoxe estréase a nova web do PSdeG-PSOE de Lugo. A nova web ten espazos de participación para que a cidadanía envíemos as nosas opinións e as nosas propostas e axudemos a mellorar o noso concello. Podemos atoparnos con distintas seccións, para coñecer o Grupo Municipal Socialista, un equipo unido que traballa con forza e ilusión por un Lugo igualitario e moderno, na zona urbana e na rural. E tamén para coñecer a Executiva Local, descubrindo o nexo de unión e comunicación dos socialistas do noso municipio. Experiencia e ilusión ao servizo dos veciños e veciñas que apostan polo progreso de Lugo. Tamén hai outras novidades, como un foro ou os blogs de José L. Orozco, Sonia Méndez e Carlos Ferreiro.

Como o motor dos socialistas é traballar para mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas de Lugo, da zona urbana e da rural, a nova web conta co espazo Así vexo o meu barrio. Trátase dunha fiestra aberta para todos aqueles que queiran participar neste percorrido polo municipio de Lugo, a través dos comentarios, suxestións e fotografías. Deste xeito cada quincena, un barrio ou parroquia será a protagonista. Así que anímovos a que visitedes esta nova web e a que participedes nela coa vosa colaboración.

Seguindo neste camiño, a semana pasada o Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou a posta en marcha dunha campaña informativa que ten por obxectivo achegar a acción do Goberno Local aos cidadáns. Baixo o lema O Goberno de Lugo Contigo, o Executivo Local trasladarase a todos os centros de convivencia, colexios e escolas rurais co obxectivo de dar conta dos proxectos no que traballa o Equipo de Goberno, así como os investimentos realizados ata o de agora e aqueles programados para os próximos meses. Os veciños e veciñas de Lugo recibirán información detallada nas súas vivendas das convocatorias previstas.

Porque para os e as socialistas, Lugo facémolo entre todos e todas, por iso a opinión da cidadanía é moi importante. Neste sentido vai encamiñada a política do PSdeG-PSOE de Lugo, estando preto dos veciños e veciñas e escoitando as suxestións e inquedanzas que temos para mellorar o noso concello, porque XUNTOS FACEMOS LUGO.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Agradézoche que me deixes os teus comentarios, porque neste blog podes opinar libremente sobre o que ti queiras, mantendo sempre o respecto pola dignidade das persoas.