31/03/12

Apaga a luz e acende o Planeta


Ás 20:30 horas de hoxe, sábado 31 de marzo, cidadáns, institucións, empresas e gobernos de todo o mundo apagarán as súas luces durante unha hora, participando así na celebración do evento A Hora do Planeta organizado por WWF, transcendendo todas as barreiras de relixión, cultura, sociedade, xeración e localización xeográfica nunha celebración global polo Planeta.

No que posiblemente será a maior chamada á acción para loitar contra o cambio climático, a Hora do Planeta 2012 conseguirá que centos de millóns de persoas de pobos e cidades dos seis continentes apaguen a luz durante unha hora. A Hora do Planeta pretende alcanzar o compromiso dun cambio global en beneficio do medio.

Ao animar a cidadáns, empresas e gobernos a comprometerse e actuar en favor da sostibilidade e demostrando tal compromiso ao apagar as luces durante unha hora concreta, a Hora do Planeta estará a lanzar unha poderosa mensaxe de esperanza do que podemos lograr se actuamos xuntos. Isto inspirará outros para que se unan ao obxectivo final de conseguir un mundo máis san.

A Hora do Planeta empezou nunha soa cidade dun país o 31 de marzo de 2007, cando 2,2 millóns de persoas de Sidney, Australia, apagaron as súas luces durante unha hora para reclamar accións contra o cambio climático. Un ano despois, 370 cidades de máis de 35 países converteron esta iniciativa nun movemento global pola sostibilidade, conseguindo que entre 50 e 100 millóns de persoas apagasen as luces na Hora do Planeta 2008. Edificios emblemáticos como a ponte Golden Gate, o Coliseo de Roma, Times Square ou o Cristo Redentor de Río de Janeiro uníronse a este chamamento de acción polo clima escurecéndose durante unha hora.

E dende o meu blog quero aproveitar para animarvos a que vos sumedes a esta iniciativa e durante unha hora apaguemos as luces, deste xeito estaremos actuando contra o cambio climático.

27/03/12

AgrupaLugo solicita máis policía no rural

Dende a Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo (AgrupaLugo) mostramos a nosa preocupación polo importante incremento de roubos nas parroquias da zona rural do municipio de Lugo. Esta situación está a crear unha percepción de inseguridade entre os veciños.

Cada día as asociacións e os veciños nos informan de máis casos de roubos no rural. Uns roubos que se producen sobre todo en alpendres, segundas vivendas e fincas. Tamén houbo un aumento de roubos e danos nos locais sociais das asociacións ou nas instalacións veciñais existentes nas parroquias rurais.

Pero o feito máis alarmante é que nalgúns alpendres e fincas xa entraron a roubar varias veces nun escaso período de tempo. Isto fai que os seus propietarios se sintan desprotexidos e que non poidan ter ferramentas ou materiais de valor, polo temor de que llos rouben.

Somos conscientes de que a importante extensión da zona rural do municipio de Lugo, a gran cantidade de núcleos rurais existentes e a dispersión existente entre as vivendas, son uns elementos que dificultan o labor da Policía e que, polo tanto, contribúen a unha maior inseguridade no rural.

Ante esta situación, dende AgrupaLugo solicitámoslle por escrito ao Subdelegado do Goberno unha maior presenza da Policía Nacional na zona rural do municipio de Lugo, como medida disuasoria de roubos e para aumentar a sensación de seguridade cidadá.

Así mesmo, AgrupaLugo e as asociacións veciñais que forman parte da nosa federación reiteramos a nosa disposición para colaborar coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, contribuíndo a mellorar a seguridade cidadá en Lugo. Por exemplo, seguiremos colaborando na organización de máis charlas sobre seguridade cidadá e formas de evitar roubos e estafas no rural, que son impartidas por axentes da Policía Nacional nos locais das asociacións.

Tamén animo a tódolos veciños do rural a que colaboren coa Policía Nacional, chamando ao teléfono 091 cando vexan situacións ou persoas sospeitosas.

16/03/12

Cursos no Telecentro do Castiñeiro

A Concellería de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, que dirixe Francisco Fraga, abriu o prazo para inscribirse nos cursos gratuítos de informática que se celebrarán durante o mes de abril no Telecentro do Castiñeiro. Para anotarse hai que chamar ao teléfono de atención cidadá 010 do Concello de Lugo.

Neste telecentro estase a realizar unha programación de cursos mensuais ó longo do ano. Durante o mes de abril haberá cursos de: Informática, Informática avanzada, Internet, Internet avanzado ou DNI-e e Administración electrónica. Ademais haberá un espazo de Aula aberta, para aclaración de dúbidas e materia personalizada.

Como novidade no mes de abril impartirase o curso Búsqueda activa de emprego, no que as persoas asistentes aprenderán a elaborar o seu curriculum e a manexar os portais de traballo máis importantes para a búsqueda de emprego.

Ademais o Telecentro do Castiñeiro dispón dun posto informático con equipamento accesible para persoas con discapacidade visual, auditiva, cognitiva ou motriz. Este equipo conta con dispositivos especiais para que persoas con necesidades especiais e dependencias poidan acceder a Internet e beneficiarse das vantaxes que ofrecen as TIC para o seu desenvolvemento persoal ou profesional.

Desta maneira na Aula Multimedia do Castiñeiro séguese levando a cabo unha programación formativa dirixida a toda a poboación. Os beneficiarios destes cursos son, sobre todo, xente con idades comprendidas entre 45 e 75 anos e persoas desempregadas, que queren ter máis formación á hora de buscar traballo.

As actividades que se levan a cabo no Telecentro do Castiñeiro están a ter moito éxito, posto que na maioría dos cursos complétanse tódalas prazas e algúns teñen persoas en lista de agarda.

Con iniciativas como esta o Concello pretende achegar a tódolos veciños e veciñas de Lugo o uso das novas tecnoloxías, ensinándolles as vantaxes da súa utilización nas súas prácticas diarias e os beneficios que poden proporcionarlles ás súas vidas.

Para informarse ou inscribirse nestes cursos do Telecentro do Castiñeiro hai que chamar ao teléfono 010 do Concello de Lugo ou ao 982 297 350 para chamadas desde fóra do municipio.

13/03/12

A Reserva da Biosfera Terras do Miño

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou estes luns en rolda de prensa o I Concurso de Fotografía sobre a Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha convocatoria coa que pretende difundila riqueza deste espazo natural e as oportunidades de desenvolvemento socioeconómico que leva consigo, ademais de dinamizalo sector turístico atraendo visitantes á provincia. De xeito complementario, a Deputación organiza un programa de exposicións fotográficas pola provincia sobre este espazo protexido, que se inaugura este mesmo xoves en Lugo e Viveiro, e o venres en Ribas do Sil. Con estas dúas iniciativas a Deputación de Lugo continúa coa conmemoración do 10º aniversario da declaración de Terras do Miño, Reserva da que é a máxima responsable.

As fotografías a concurso poden entregarse ata o 27 de marzo nun sobre pechado no Rexistro Xeral da Deputación, no Pazo de San Marcos. As imaxes deberán tomarse no territorio da Reserva Terras do Miño; terán a auga como fío condutor e poderán orientarse nas seguintes temáticas: auga, natureza, patrimonio cultural e etnográfico, tradicións, gastronomía, e oficios e artesanía. Terras do Miño comprende 26 Concellos da Cunca Alta do Miño, pertencentes á súa vez a 7 comarcas lucenses: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara. Polo tanto, as imaxes terán que estar localizadas nestes municipios. Haberá tres premios en metálico: un 1º de 800 euros; un 2º, de 400; e un 3º, de 200 euros. O xurado, composto por cinco profesionais de recoñecido prestixio, fará público os nomes dos gañadores o 30 de marzo.

O 10º aniversario de Terras do Miño, a primeira Reserva declarada en Galicia, cúmprese oficialmente o 7 de novembro, pero os actos conmemorativos da Deputación de Lugo estenderanse ó longo de todo o ano. De feito, arrancaron xa no mes de xaneiro cunha exposición na Capela de Santa María composta por material fotográfico, audiovisual e artesán sobre as 40 Reservas da Biosfera existentes en España. Esta mostra, que estivo aberta hasta finais de febreiro, foi única en Galicia, pois a meirande parte do material foi cedido por polo Ministerio de Medio Ambiente e non se expoñerá en ningún outro lugar da comunidade autónoma.

As bases do I Concurso de Fotografía sobre Terras do Miño pódense consultar na páxina web www.deputacionlugo.org.

07/03/12

O xogo Pentacle


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, e o Director Xeral do Grupo El Progreso, José de Cora Paradela, presentaron hoxe en sociedade un xogo que contribuirá á difusión da cidade de Lugo a través da Internet. Trátase de Pentacle, un xogo en-liña, que incorpora dúas salas adicadas á nosa cidade nas que os xogadores deberán responder preguntas sobre distinta temática relacionadas con Lugo.

O xogo consta de máis de 50 salas, dúas delas adicadas a Lugo nas que se inclúen cinco mil preguntas sobre monumentos, historia, arte, literatura, costumes, personaxes ou fisionomía urbana da cidade, entre outros aspectos.

Para atinar coa resposta correcta á pregunta que se plantexa en cada momento, o xogador debe escoller entre catro posibles respostas e dispón dun máximo de dez segundos. Cada unha das partidas consta de quince preguntas e o xogo dispón de cinco niveis, segundo o nivel de dificultade das preguntas.

Os xogadores que atinaron máis preguntas na primeira partida e tamén os que o fagan nas primeiras 24 horas recibirán unha serie de premios que se entregarán o vindeiro venres.

Participa e descubre canto sabes de Lugo!

Para acceder a este xogo é necesario estar rexistrado en facebook e pódese acceder a el dende a páxina web do Concello de Lugo.