18/02/11

Agradecemento ao Concello de Lugo

Dende a Asociación Veciñal de Tirimol organizamos onte no Centro Social un acto de agradecemento ao Concello de Lugo pola mellora do alumeado público da parroquia, no que participaron o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, os membros da Xunta Directiva da Asociación e veciños e veciñas da parroquia.

O último proxecto de mellora do alumeado público que levou a cabo o Concello de Lugo consistiu na instalación de 11 puntos de luz nun camiño da parroquia moi transitado polos veciños, o que supuxo unha importante inversión por parte da Concellería de Medio Ambiente e Zona Rural. Este proxecto é moi beneficioso para a parroquia de Tirimol, porque o camiño no que se puxeron os puntos de luz é moi utilizado polos veciños que van a coller o bus urbano á última parada que ten en Ramil.

Proxectos como este demostran o traballo que realizamos dende a nosa Asociación e dende o Equipo de Goberno do Concello de Lugo para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas que vivimos na parroquia de Tirimol. O que demostra o noso compromiso con Tirimol e co seu progreso e desenvolvemento. Unha tarefa na que continuaremos a traballar xuntos, para que a nosa parroquia siga mellorando.

14/02/11

Loco por Lugo


O noso Alcalde, Pepe Orozco, ante a necesidade de proclamar o seu amor por Lugo, aproveitou este día tan sinalado, o día dos Namorados, para escribirlle unha carta de amor a cidade pola que se desvive e a que quere con locura.

A carta podédela ler completa no seu Videoblog e tamén ver o vídeo no que o Alcalde nos conta que ten unha locura pola cidade de Lugo, que o fai traballar e lle dá ilusión e ganas e lle fai entregarse día a día a este fermoso traballo, que comparte con todos nós, para animarmos a que todos xuntos traballemos por Lugo.

Estas son as frases que lle adica o Alcalde á nosa cidade: "Lugo QUÉROTE e por ti traballo, desvívome e preocúpome pero tamén desfruto polas túas rúas e coa túa xente". E se todos traballamos nesta dirección, conseguiremos solucionar os problemas que temos.

Así que eu quero sumarme a estas verbas do Alcalde, dicindo que eu tamén estou LOCO POR LUGO.

Se como o Alcalde e coma min, estás loc@ pola túa cidade, anímote a que inclúas algunha destas imaxes no teu perfil e axiña seremos centos de lucenses namorados por Lugo.

01/02/11

Un Alcalde implicado coas novas tecnoloxías e co rural

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, entregáronlles, o pasado venres 28 de xaneiro, os diplomas ás persoas que asistiron ao curso que se impartiu no Telecentro Rural de San Xoán do Campo e que organizou o Concello lucense dentro do Proxecto PARNET-tic.

Tamén o Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo onte o seu encontro dixital mensual cos internautas e coas persoas que asisten ao curso que se imparte no Telecentro Rural de Santa María de Bóveda, que lle puideron formular ao Alcalde todas as preguntas que creron convintes dende o propio Telecentro.

Estes actos tiveron lugar nos propios telecentros rurais, que están situados nos Centros de Dinamización Social destas dúas parroquias e asistiron unha vintena de alumnos a cada actividade. Nestes cursos participaron veciños de San Xoán do Campo e de Santa María de Bóveda, así como de varias parroquias próximas.

Os cursos están incluídos no Proxecto europeo PARNET-tic, que é un proxecto destinado ao fomento da sociedade da información nos territorios rurais, fomentando o acceso ás infraestruturas da comunicación e á sociedade da información. Este proxecto intégrase no programa de cooperación territorial "Espazo Sudoeste 2007-2013" da Unión Europea.