31/08/08

Pimeiro Pleno on-line

Mañá celebrarase na Casa Consistorial de Lugo o Pleno correspondente ao mes de setembro. E como anunciou fai uns días á Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, esta sesión do Pleno poderase ver en directo dende o portal web do Concello, facendo máis accesible e transparente para a cidadanía a información municipal, un obxectivo marcado polo actual Goberno Local. Deste xeito Lugo é o único Concello de Galicia que permite seguir en directo todo o que pasa no Pleno Municipal.

Nesta sesión ordinaria do Pleno vanse a tratar distintos asuntos, algúns deles de especial relevancia, como se pode ver na orde do día. Someterase a aprobación a renuncia á acta de Concelleiro de Francisco Fernández Liñares, que é o actual Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. E o Plan Xeral de Ordenación Municipal será outro dos asuntos que centre gran parte do debate, xa que hai distintas propostas dos grupos da oposición.

E como se pode ver estanse a producir uns cambios no Goberno Local debidos á marcha de Francisco Fernández Liñares. Isto fixo que o Alcalde nomeara a María Novo como nova Delegada de Urbanismo, sendo así a primeira Concelleira non electa ao amparo da Lei de Grandes Cidades. Ademais Lino González-Dopeso asumiu á Área da Zona Rural e agora é Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural. E un cambio que falta é que Rosana Rielo asuma de novo o cargo de Concelleira de Xuventude, o que se producirá no Pleno do mes de outubro, cando recolla a súa acta de Concelleira. E quero aproveitar para desexarlles a todos eles o mellor nos seus novos cargos, que estou seguro que traballarán en beneficio de tódolos cidadáns.

17/08/08

El Progreso cumpre cen anos

Neste día tan especial para o xornal El Progreso de Lugo porque cumpre cen anos de vida, dende que en 1908 fora fundado por Purificación de Cora y Más-Villafuerte e como comentei fai uns meses nun comentario anterior no meu blog. Con tal motivo quero felicitar a El Progreso no ano do seu centenario e desexarlle que siga sendo o xornal de Lugo, tal e como o ven facendo dende 1908, e que nos siga acompañando nas nosas vidas moitos anos máis.

Estes foron cen anos de progreso, nos que moitas cousas cambiaron, nos que houbo importantes avances na sociedade, aos que El Progreso non foi alleo, xa que tamén os incorporou na súa tarefa informativa. E todo para seguir sendo o xornal que cada día máis lucenses lemos para estar informados do que acontece. Durante este tempo pasaron eventos moi importantes que lle afectaron á sociedade lucense e que puido recoller El Progreso nas súas páxinas. E todo este traballo non sería posible sen os profesionais que día a día fan realidade que saía á luz este xornal.

E neste ano do centenario El Progreso fixo un cambio de deseño que actualiza a súa imaxe. Pero segue a ser o mesmo xornal de sempre que nos informa e achega a actualidade alí onde nos atopemos. E como se aprecia no logotipo que conmemora esta celebración, El Progreso é como unha árbore informativa con grandes ramas e que está profundamente enraizado en Lugo. Unha árbore que seguirá medrando e proporcionándonos día a día a información do que acontece ao noso redor.

01/08/08

Intervención das XSG no Congreso



Este vídeo recolle a intervención de Loli Rodríguez, Secretaría Xeral das XSG, durante o 11 Congreso Nacional do PSdeG-PSOE. Unha intervención que afonda nos principios e valores socialistas. E teño que dicir que para min foi emocionante escoitar a nosa compañeira pronunciando estas verbas, que seguro que tamén emocionaron a tódolos compañeiros e compañeiras do noso partido.

Foi un discurso que destacou neste Congreso, que nos fai reflexionar e nos recorda que debemos seguir loitando polos valores socialistas e comprometernos cos mesmos. Uns valores como o republicanismo, o laicismo, o federalismo, o galeguismo ou a solidariedade. E recórdanos que debemos sentirnos orgullos por militar e compartir estes valores socialistas. E como dixo Loli, eu tamén quero rematar este comentario dicindo que, se cadra, a utopía non é un sono, é unha verdade prematura.