24/12/08

Felices festas!

A compañeira Loli Rodríguez, Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia e Presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, mandoume esta postal de felicitación do 2009 con estas verbas e con esta mensaxe, que co seu permiso, eu tamén quero compartir con todos e todas vos.

Quero desexarvos a todos e todas unhas felices festas e un próspero ano 2009. Un ano no que agardo que se fagan realidade tódolos nosos soños para mellorar as nosas vidas. Así que recibide os meus mellores desexos para o novo ano.

Volverei a estar con vos no meu blog despois destas festas, concretamente o día que este espazo virtual cumplirá un ano. Ata entón pasádeo moi ben e que sexades moi felices!

17/12/08

Grazas polo voso apoio

Hoxe celebráronse eleccións a representantes nas xuntas de centro da Universidade de Santiago de Compostela. Despois de seguir esta xornada electoral na miña facultade como candidato a representante de estudantes de 1º e 2º ciclo por IESGA e de estar no reconto dos votos, podo informarvos do resultado destas eleccións na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, que foi o seguinte: a Asemblea de Estudantes de CC.PP. terá 9 representantes e IESGA teremos 2 representantes na Xunta de Facultade.

Por parte de IESGA saímos elixidos o meu compañeiro Alejandro Peso e eu. Así que quero agradecervos a tódolos compañeiros e compañeiras da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais que nos destes a vosa confianza para que fosemos os vosos representantes na Xunta de Facultade. Un agradecemento que tamén vos dou en nome de IESGA a tódalas persoas que nos apoiastes nestas eleccións. Especialmente quero agraceder o traballo que realizaron os meus compañeiros e compañeiras de IESGA, xa que sen o seu esforzo este resultado non sería posible. E tamén quero felicitar aos compañeiros e compañeiras da Asemblea de Estudantes de CC.PP. que saíron elixidos para ser as representantes do alumnado, aos que lles desexo moita sorte no seu traballo.

A miña valoración destes resultados acadados por IESGA é moi positiva, porque pasamos de non ter representación na Xunta de Facultade a ter 2 representantes. E aos meus compañeiros de IESGA, Mario, Álvaro, María, Abel e Bernabé, que non saíron elixidos, que tamén traballaron intensamente para conseguir esta representación, doulles as grazas e ánimos para seguir traballando, porque estou seguro que se seguimos traballando como o estamos facendo o resultado de IESGA mellorará. Como representante electo e como Coordinador de IESGA na facultade tédesme a vosa disposición para o que poida axudarvos. Agora traballaremos na Xunta de Facultade pola defensa dos intereses do estudantado e para que as nosas propostas electorais sexan unha realidade.

Se queredes máis información sobre este proceso electoral ou saber quen vos vamos a representar podedes velo no apartado dedicado a estas eleccións na web da USC.

15/12/08

O 17 de decembro participa

O 17 de decembro celebraranse eleccións a representantes nas xuntas de centro (facultades e escolas) na Universidade de Santiago. Unhas eleccións ás que nos presentamos como candidatos por IESGA a representantes de estudantes de 1º e 2º ciclo na Xunta da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais os compañeiros: Mario Pais Beiro (1º), Alejandro Peso Lago (1º), Álvaro Sande Rabuñal (1º), María García Jartín (4º), Abel Fernández Vidal (1º), Bernabé González Fernández (1º) e eu, Diego Pena Luaces (5º).

E aos compañeiros e compañeiras que estudades con nós na facultade pedímosvos a vosa confianza nas eleccións do próximo mércores 17 de decembro, para conseguir levar a cabo as nosas propostas para a nosa facultade, que son tamén as vosas propostas, e polos seguintes motivos:

Porque defendemos o dereito á folga sen entrar
alborotando nas aulas nin ameazando a ninguén.
Porque defendemos a conxelación das taxas sen ter que
falar portugués nin inventar palabras.
Porque non pensamos que haxa que facer folgas cada dous
por tres para conseguir as cousas (nós acadámolas
negociando e traballando).
Porque non insultamos a aqueles que pensan diferente,
porque todo o mundo ten o dereito a expresarse pense o
que pense.
Porque somos estudantes normais coma ti, e só queremos
que a nosa Universidade sexa un lugar mellor.
Se eres coma nós non o dubides… IESGA

12/12/08

IESGA condena o boicot a Feijóo



Como Coordinador de IESGA (Iniciativa Estudantil Galega) na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela quero manifestar en nome de IESGA a nosa rotunda condena ao boicot e aos ataques contra o presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no transcurso da conferencia que o pasado mércores impartiu na nosa facultade (como se pode ver neste vídeo).

Como se pode ver nas imaxes, uns candidatos que se presentan por unha asociación de estudantes nas próximas eleccións na USC participaron neste boicot apoiando aos que realizaron os ataques. Polo que queremos aclarar que neste contexto IESGA non vai a participar no debate electoral, que estaba previsto realizar o vindeiro luns na nosa facultade entre as tres agrupacións electorais que se presentan nestas eleccións (Asemblea, Comités e IESGA). Porque IESGA nunca debatirá con quen non respecta aos demais.

Aínda que en IESGA somos partidarios de debatir e informar, pero ante estes acontecementos decidimos non participar neste debate, porque dende IESGA defendemos a liberdade de expresión de todos e todas. E aínda que non compartamos as opinións de alguén, debemos respectar as súas ideas, porque estamos convencidos de que todos e todas temos dereito a expresarnos en liberdade. Así que queremos deixar claro o noso compromiso de manter informando ao estudantado, así que continuaremos traballando para informar e achegarlles as nosas propostas.

10/12/08

Propostas de IESGA para a nosa facultade

O 17 de decembro celebraranse eleccións a representantes nas xuntas de centro (facultades e escolas) na Universidade de Santiago. Unhas eleccións ás que me presento como candidato por IESGA a representante de estudantes de 1º e 2º ciclo na Xunta da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais.

En IESGA (Iniciativa Estudantil Galega) non existen ideas pechadas, defendemos unha universidade pública e de calidade, na que a voz do estudantado sexa escoitada, na que as nosas propostas poidan chegar aos órganos de decisión desta universidade.

As propostas para a nosa facultade son:
  • Establecer unha sala de estudo e salas de traballo na facultade.
  • Habilitación das aulas baleiras en tempada de exames como salas de estudo.
  • Revisión inmediata das distintas instalacións da facultade para mellorar e arranxar as deficiencias que existen na actualidade.
  • Adaptación de todas as instalacións da facultade ás necesidades de todos/as os/as estudantes e traballadores/as con discapacidades.
  • Creación dunha cafetería na facultade.
  • Establecemento dun protocolo para que se informe con tempo cando falte algún profesor/a.
  • Servizo de asesoramento ao estudantado de primeiro curso, espazos de información na facultade na primeira semana/primeiro mes de curso.
  • Información sobre os asuntos que se tratan nos órganos de goberno e que se lles dea difusión na facultade.
  • Maior número de prácticas en empresas e institucións públicas en condicións laborais dignas e cun seguimento efectivo das tarefas realizadas e a súa adecuación á materia.
  • Dotar á facultade dun servizo de préstamo e intercambio de apuntamentos entre o estudantado.
  • Creación dun mercado de libros usados para os/as alumnos/as xestionado polas asociacións de estudantes.
  • Instalar un punto verde con contedores para reciclar os distintos residuos.
  • Minimizar o número de residuos que se xeran na facultade, mediante a reutilización, a recuperación e a reciclaxe.
  • Fomento dunha maior utilización do papel reciclado na facultade.
  • Facilitar o uso das novas tecnoloxías aumentando o horario da aula de informática e dotándoa da infraestrutura suficiente para que proporcione un mellor servizo.
  • Fomento do Software libre nos equipos informáticos da facultade.
  • Dotación dos medios tecnolóxicos necesarios para que os labores docentes posúan a calidade adecuada, como a adquisición de un ordenador por aula (o que evitaría o retraso provocado ao ter que ir os profesores a buscalo á conserxería).
  • Instauración de titorías virtuais na facultade.
  • Mellora da web da facultade con máis contidos para os estudantes.
  • Publicación das notas provisionais, horario de revisión e notas definitivas en internet e por SMS de modo obrigatorio para todo o profesorado, nos mesmos prazos que nos taboleiros.

01/12/08

Día Mundial da SIDA

Hoxe conmemérase o Día Mundial da Loita contra a SIDA, porque dende fai vinte anos o día 1 de decembro destínase á concienciación pública sobre a infección polo VIH. Este ano o seu tema é o liderazgo. No ano 2001 todos os países do mundo prometeron deter a SIDA para o ano 2015. Ao fin de acadalo, todas as persoas temos que comprometernos tamén. Por iso o lema proposto para este ano é: “Actúa, detén a SIDA. Unidos podemos”.

Por este motivo pola mañá compañeiros e compañeiras de IESGA na Facultade de Ciencias Políticas da USC puxemos unha mesa informativa na nosa facultade, coa finalidade de informar ao estudantado da importancia da prevención da SIDA. Temos que ter en conta que no mundo morre unha persoa de SIDA cada dez segundos. Por iso debemos de actuar todos e todas para deter a SIDA. E porque unidos podemos conseguilo!